Salvador García-Bodaño, premio Voz da liberdade do PEN Clube Galicia

Desde Sermos Galiza:
«Un xurado composto por Marilar Aleixandre, Miro Villar, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva actuando como presidente Luís G. Tosar -presidente do PEN de Galiza- e Xabier Castro como secretario decidiu outorgarlle o premio Voz da Liberdade ao poeta Salvador García-Bodaño, en recoñecemento da súa dilatada traxectoria de autor de artigos xornalísticos en defensa da liberdade.
García-Bodaño é o sexto escritor galardoado co premio que o Centro Pen de Galicia convoca cada dous anos, despois de iniciarse no 2003 con Bernardino Graña e seguir con Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e María Xosé Queizán. O xurado destacou o “compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».
Natural de Vigo, Salvador García-Bodaño comezou a súa actividade cultural en Compostela cidade na que creou boa parte da súa obra literaria e na que desenvolveu un importante papel de dinamizador cultura, sendo, entre outras cousas, cofundador de O Galo e membro do Consello da Mocidade. Foi tamén patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, cofundador e membro da actual Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI), e membro da Fundación Patronato do Pedrón de Ouro. (…)».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras chegan ao catalán da man de Pulp Books

Desde Sermos Galiza:
«Desde o 2011 a marca Pulp Books -da editorial Rinoceronte- vén ofrecendo obras da nova literatura galega traducidas ao español a través dun catálogo no que viron a luz títulos de Berta Dávila, Carlos Meixide, Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Xavier Alcalá, Francisco Castro, Silvia Bardelás ou as novelas Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga que teñen agora nova edición en catalán.
Con estes dous novos títulos, a editorial afincada en Cangas, ofrece ao público lector catalán dúas obras da nova literatura galega traducidas directamente a súa lingua, nun camiño singular poucas veces transitado. Dime algo sucio de Ameixeiras foi publicada en 2009, despois de que o autor e guionista gañase en 2006 o Premio Xerais con Tres segundos de memoria. O libro de microrrelatos Vidas post-it é o primeiro título de Iolanda Zúñiga que gañaría tamén o Xerais en 2010 con Periferia.
Despois de encetar a súa traxectoria coa tradución de obras ao castelán -que se ofrecen en formato dixital e libro impreso- Pulp Books adéntrase con estes novos títulos na tradución ao catalán como un novo ámbito para a difusión da nova literatura galega. En breve, o selo editorial publicará Dime algo sucio en alemán e italiano e en xaponés A arte do fracaso, de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán incorporarán, entre outros, Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: presentación de Sherlock Holmes anotado

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: V Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra

O venres 15 e sábado 16 de marzo, na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura) de Santiago de Compostela, terá lugar a V Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra, organizado polo Centro PEN Galicia, coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura. O programa é o seguinte:

Venres, 15 de marzo
11:30 hs.- Palabras de benvida: Xabier Castro Martínez (Director do Centro PEN Galicia).
11:45 hs.- Ramón Nicolás e Román Raña: Sobre pedras e poetas.
12:45 hs.- Massimo Saltafuso: In cammino fra le pietre della letteratura italiana. Presenta: Manuel Outeiriño.
13:30 hs.- Percorrido pola exposición Gallaecia Petrea.
17:00 hs.- Lecturas comentadas: Contan as pedras?.
Modera: Inma López Silva.
Interveñen: Clara Usón, Bieito Iglesias e Diego Ameixeiras.
18:30 hs.- Acto inaugural. Con Luís González Tosar (presidende do Centro PEN Galicia) e Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura e Educación).
19:00 hs.- Luis Mateo Díez: Contar la vida. Presenta: Alfredo Conde.

Sábado, 16 de marzo
12:30 hs.- Músicas e palabras.
- Presentación de Sinfonía Atlántica. Antología general de la poesía gallega, edición bilingüe (Eneida, 2012). Palabras de Carlos Clementson (antólogo) e Miro Villar
- Recital poético con Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Manuel Forcadela, Luís González Tosar, Xulio L. Valcárcel, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
- Actuación do Grupo de música tradicional do AGADIC, formado por José Ramón Bugliot, Juan Carlos Rilo, Daniel Romero e Carlos Taboada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: Simposio ILG 2012 – Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012

Como cada ano, o Simposio do Instituto da Lingua Galega, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, diríxese a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.
O comité organizador está formado por Henrique Monteagudo (coordinador), Francisco Dubert, Elisa Fernández Rei, María Álvarez de la Granja e Raquel Vila Amado

.
O custo de matrícula será de 10 euros, que deberán ingresarse antes do 11 de decembro. Concederase o diploma de asistencia ás persoas que acudan, cando menos, ao 70% das sesións. Está solicitado un crédito de libre configuración para a Facultade de Filoloxía.
Aquí pode descargarse o FORMULARIO DE INSCRICIÓN.
As actividades serán na na aula 22 da Facultade de Filoloxía (Campus Norte), Universidade de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

Martes 11 de decembro
- De 16:30 a 17:00 h. Inauguración. Ramón Villares e Rosario Álvarez.
- De 17:00 a 18:00 h. Conferencia 1: Antón Santamarina: As normas ortográficas e morfolóxicas do ’82 e o estándar galego actual.
- De 18:30 a 19:30 h. Conferencia 2. Manuel González: As modificacións e reformas da norma do ’82. O VOLGa.
- De 19:30 a 20:30 h. Debate.

Xoves 13 de decembro
- De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 3. Francisco Cidrás: As Gramáticas e o estándar morfosintáctico.
- De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 4. Xosé L. Regueira: A construción do estándar oral do galego.
- De 19:00 a 20:00 h. Mesa de debate 1. Ana I. Boullón (moderadora), Xurxo Souto (cantante), Paulino Novo (TVG), Mabel Rivera (actriz): Estándar e medios de comunicación: da corrección á naturalidade.
- De 20:00 a 20:30 h. Debate.

Martes 18 de decembro
- De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 5. María Álvarez de la Granja: O coñecemento do vocabulario normativo galego. Unha aproximación a través do léxico dispoñible.
- De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 6. Darío Xohán Cabana: A lingua literaria, os dicionarios, a edición: corrección, adecuación e riqueza.
- De 18:45 a 20:00 h. Mesa de debate 2. Xosé A. Fernández Salgado (moderador), Bieito Iglesias (escritor), Antón Dobao (TVG), Gonzalo Navaza (UVigo), Anxo Angueira (UVigo): Alén do estándar: diversidade estilística e creación.
- De 20:00 a 20:30 h. Debate.

Mércores 19 de decembro
- De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 7. Xosé M. Gómez Clemente: Neoloxía.
- De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 8. Xusto R. Río: Trinta anos de dicionarios e vocabularios técnicos.
- De 18:45 a 20:00 h. Mesa de debate 3. Nel Vidal (moderador), Xermán García Cancela (Xunta de Galicia), Luz Méndez (TVG), Carlos Díaz Abraira (Parlamento de Galicia), Xavier Guinovart (UVigo), Susana Mayo Redondo (CDSG / Consello da Cultura Galega): Servizos e recursos lingüísticos.
- De 20:00 a 20:30 h. Debate.

Xoves 20 de decembro
- De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 9. Miquel Pradilla: Debates e reformas recentes na ortografía e na norma do catalán.
- De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 10. António Emiliano: A reforma ortográfica do portugués.
- De 18:45 a 19:45 h. Conferencia 11. Xoán Lagares: O debate normativo no Brasil.
- De 19:45 a 20:30 h. Debate.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Serxio Iglesias gaña o XXV Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Viaxe ao interior da fenda

«O libro orixinal Viaxe ao interior da fenda, do escritor de Corcubión Serxio Iglesias Rodríguez, resultou gañador da XXV edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro. O autor, nado en Bos Aires en 1966, actualmente profesor de Lingua e Literatura Galegas en Cee, mostrou unha «grande satisfacción» por acadar este premio que o xurado elixiu por unanimidade.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por María Xesús Nogueira, Inma López Silva, Pura Prado e Bieito Iglesias. O xurado destacou do libro orixinal premiado a «capacidade para reescribir unha temática universal como é a perda, así como o coidado no rexistro poético, especialmente na selección léxica e na creación de imaxes». Asemade, quere deixar constancia da alta calidade dos 38 traballos presentados nesta edición, o que indica «o momento de grande vitalidade da poesía galega actual e da importante contribución do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao prestixio e promoción das nosas letras», segundo declara o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín.
Na xornada do fallo, celebrada días atrás, os membros do xurado, acompañados de Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio, fixeron unha ofrenda floral na tumba do escritor no cemiterio de San Xián de Laíño. A entrega do premio, que ten unha dotación de 2.300 euros, terá lugar o vindeiro día 15 de decembro». Desde La Voz de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Parlamento das letras: Bieito Iglesias

Entrevista de Armando Requeixo a Bieito Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
- Bieito Iglesias (BI): Ás nosas letras fáltalle un pobo. Como deixou dito Deleuze, o autor dun pobo menor escribe sempre pra un pobo que falta, que existe só porque o escribe e mentres o escribe. Faltan bos autores, como en toda parte, porque, de acreditarmos no cómputo do Eclesiastés, de mil non hai un bo. Sobran liridades e literatizos de escaso caletre (capaz que as intelixencias preclaras deserten das letras por preferir o número, querse dicir as enxeñerías). Están sobros tamén os intrusos, nunha época na que —como ten comentado un observador italiano— todos aqueles que non valen pra rexentar unha lavandería nin pra xogar ao balompé nin pra gobernar nin pra pór bombas contra o goberno… escriben libros. Ningún dos defectos anteriores é endémico da Galiza, partillamos eses andazos con toda a ecúmena occidental. Aquí cómpre engadir, siescaso, o filisterismo dun sistema literario que pon os ‘valores positivos’ e a defensa da comunidade de falantes por cima de calquera autonomía estética, cando a grande literatura sempre introduce laceraciós no corpo social e canxa mal coa corrección ben-pensante e coas coitas das almas belas. (…)
- AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
- BI: A cousa está como ha de ir (ao nabizo).»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ourense: actividades literarias destacadas do 1 ao 3 de xuño na Feira do Libro

Comeza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.

As actividades literarias máis destacadas do venres 1 son as seguintes:
- 20:00 h. Pregón inaugural a cargo do escritor Xabier P. DoCampo.

O domingo 3 destacamos:
- 19:30 h. O escritor Bieito Iglesias presenta o seu libro Contos da terra da tarde, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Manuel Outeiriño.
- 20:15 h. Presentación do libro Globalización e imperialismo cultural, de Manuel Outeiriño, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Bieito Iglesias.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: II Diálogos Literarios do Gaiás, sobre Carlos Casares, o 1 e 2 de xuño

A Fundación Carlos Casares organiza, para os días 1 e 2 de xuño, os II Diálogos Literarios do Gaiás que, baixo a dirección de Román Raña, lembrarán a Carlos Casares no seu décimo cabodano amais de compartiren opinións e experiencias sobre o proceso literario. Aos Diálogos Literarios acódese mediante convite e realízanse a porta pechada, excepto a tradicional conferencia pública, que é de acceso libre e de balde, e que estará a cargo do académico José María Merino e do catedrático de Xeografía e Historia Bieito Iglesias. As persoas interesadas en participar nesta conferencia deben reservar praza online aquí. O programa é o seguinte:

Venres 1 de xuño:
- 10:00 horas: Recepción dos participantes.
- 10:30–11:45 horas: Pensar nas literaturas. Con Basilio Losada e Marina Mayoral. Modera: Luís G. Tosar.
- 12:30–13:30 horas: Coloquio.
- 13:30 horas: Acto de inauguración.
- 16:30–18:00 horas: Dez anos de poesía. Con Lasse Söderberg, Arcadio López-Casanova e Ana Luísa Amaral. Modera: Román Raña.
- 18:15–20:00 horas: Coloquio.

Venres 2 de xuño:
- 11:00–12:15 horas: Dez anos de narrativa. Con José María Merino e Bieito Iglesias. Modera: Rexina Vega.
- 12:30–14:15 horas: Coloquio.
- 14:15 horas: Acto de clausura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

NarrativaLaura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

EnsaioVivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.

Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.

Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:

  • Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido  por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
  • Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.

Chuzame! A Facebook A Twitter