Coñécense os Premios da Crítica Galicia 2012

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 17 de novembro o ditame da trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Galicia como tarefa, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; Valentín Gómez, secretario xeral de política lingüística; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.
- O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez, Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga, Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.
- O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago.
- O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores.
- O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumai, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germám Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.
- O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira.
- O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”.

Vigo, 17 de novembro de 2012

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cuenca: participación galega nas Xornadas Internacionais Investigar en Literatura Infantil y Juvenil

Varios membros da Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asistirán ás Xornadas Internacionais Investigar en Literatura Infantil y Juvenil que se van celebrar en Cuenca, organizadas pola Universidad de Castilla La Mancha, o xoves 10 e venres 11 de marzo, co obxecto de expoñer o labor que se está a desenvolver en varios proxectos de investigación sobre Literatura Infantil e Xuvenil vinculados á Universidade de Santiago, e que dirixe Blanca-Ana Roig Rechou, quen forma parte do comité científico destas Xornadas, e tamén achegas a distintos aspectos específicos nos que estamos a investigar sobre a Literatura Infantil e Xuvenil galega. Máis en concreto, esta é a presenza galega:
Xoves 10:
- 17:15 h. Mónica Álvarez Pérez: Educación Literaria e Literatura Infantil e Xuvenil.
- 18:15 h. Geovana Gentili Santos: Cando dous clásicos se encontran: Charles Perrault (1628-1703) por Monteiro Lobato (1882-1948).
- 18:45 h. Isabel Mociño González: Estudo comparado da narrativa infantil de ciencia-ficción nas literaturas galega e portuguesa.
- 19:00 h. Xulio Pardo de Neyra: Vangardismo peninsular e revolución plástica: as literaturas infantís galega e portuguesa. Relacións e comparatismo baixo o canon literario.

Venres 11:
- 09:45 h. Blanca-Ana Roig: A rede LIJMI.
- 16:45 h. María del Carmen Ferreira Boo: O conto de transmisión oral na Literatura infantil e xuvenil galega (2000-2009): tipos de reescrita.
- 16:45 h. Eulalia Agrelo Costas: Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz.
- 17:00 h. Alba Alonso Feijoo: The New Millennium boy crisis.
- 17:15 h. Marta Neira Rodríguez: A muller na narrativa infantil e xuvenil sobre Guerra Civil Española no marco ibérico.
- 17:30 h. Mar Fernández Vázquez: Carlos Casares no campo/sistema da LIX galega.
- 18:00 h. Vanessa Regina Ferreira da Silva: Por dentro da arte: un estudo comparado de ‘Amigos secretos’ (1996), de Ana Mª Machado, e ‘A casa da luz’ (2002), de Xabier P. Docampo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Blanca-Ana Roig Rechou, nova presidenta da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ)

A Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) renovou a súa directiva no marco da celebración da I Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, que se desenvolveu en Vigo os días 18 e 19 de novembro cunha importante presenza de participantes e uns resultados moi esperanzadores de cara ao futuro. Blanca-Ana Roig Rechou, que ata o de agora viña formando parte de ANILIJ como presidenta da súa sección ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil), substitúe no cargo a Celia Vázquez García, da Universidade de Vigo, integrando na nova directiva a parte dos membros da dirección anterior, como son Veljka Ruzicka Kenfel, Lourdes Lorenzo e Ana Fernández Mosquera, investigadoras da universidade olívica, ás que se une tamén Isabel Mociño. Segundo a nova presidenta con esta directiva amósase un claro afán continuista, ao asumir os retos e proxectos que a Asociación ten en marcha, aos que se sumarán outras iniciativas coas que rendibilizar e visibilizar o importante papel desta Asociación, que dende a súa creación en 1999 levou a cabo numerosas iniciativas, a través das que fomentou o contacto, diálogo e colaboración entre os seus integrantes e outros especialistas tanto do ámbito estatal coma internacional.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo: 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil

O xoves 18 e venres 19 de novembro desenvólvese, no Hotel AC Palacio Universal de Vigo, a 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación de Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Asociación ANILIJ, que conta coa seguinte presenza galega:

- 18 de novembro:
10.00 h. A Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (Grupos de investigación):
- Araceli Herrero Figueroa. Grupo de investigación GI-2023 (Universidade de Santiago).
- Blanca Roig Rechou. Grupo LITER21 (GI-1819). Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega (Univ. Santiago Compostela).
17.00- 18.30 h.: A Investigación en LIX (Exposición de proxectos de investigación):
Blanca Roig Rechou e Veljka Ruzicka Kenfel. Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Santiago de Compostela) e Facultade Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo). Proxecto coordinado: A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil.

- 19 de noviembre:
16:00 h.: Panel de presentación de teses de doutorado en curso ou xa lidas nos dous últimos anos por parte dos propios doutorandos/as ou doutores/as.
- Eulalia Agrelo (USC). Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz.
- Pilar Bendoiro Mariño (USC). Análise das tipoloxías de transvase inglés-galego na Literatura Infantil e Xuvenil.
- Mar Fernández Vázquez (USC). A actuación de Carlos Casares no sistema literario galego.
- Carmen Ferreira Boo (USC). Reescrituras do conto de transmisión oral na Literatura Infantil e Xuvenil galega.
- Vanessa Regina Ferreira da Silva (USC-UNESP). A literatura xuvenil en sistemas literarios periféricos: Brasil e Galicia.
- Geovana Gentili (USC-UNESP). A tradición dos contos de fadas e a constitución da literatura infanto-xuvenil brasileira e galega.
- Isabel Mociño (USC). Estudo comparado da narrativa infantil de ficción científica nas literaturas galega e portuguesa.
- Marta Neira (USC). A muller na narrativa infantil e xuvenil sobre a Guerra Civil española no marco ibérico.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Porto: participación galega en A edição de literatura juvenil

Dentro dos XVI Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil que se celebran no Auditório da Biblioteca Municipal Almeida Garrett de Porto, haberá a seguinte participación galega:

Venres 12 de novembro:
- 10:00 h. Sesión de apertura, con Francisco López Rodríguez e Blanca-Ana Roig Rechou.
- 11:00 h. Poesia Juvenil: Carlos Negro con Maquinaria e Fran Alonso, con Poetizate.
- 14:30 h. Mesa redonda sobre A edição de literatura juvenil, coa intervención de Francisco Castro.
- 17:00 h. Animação da leitura para jovens em bibliotecas: Biblioteca Municipal da Coruña, Mercedes Cerdeira (directora da Biblioteca Infantil de Durán Loriga) e Remedios Vázquez.

Sábado 13 de novembro:
- 11:00 h. Coloquio sobre Narrativa juvenil em português e galego, con Ana Saldanha e o propio Francisco Castro, en conversa coa crítica literaria Montserrat Pena Presas.

- 14:30 h. Mesa redonda sobre Ficção Científica Galega e Portuguesa, con Isabel Mociño, Mar Fernández e Carme Ferreira (Universidade de Santiago).
- Mesa redonda sobre Tratamento da mulher na narrativa juvenil de Agustín Fernández Paz. Eulalia Agrelo, Marta Neira Rodríguez e Esther de León Viloria (Universidade de Santiago).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: participación de autores galegos no IBBY nas xornadas do sábado 11 e domingo 12 de setembro

Dentro das actividades para o sábado 11 de setembro no 32º Congreso do IBBY que se celebra No Pazo de Congresos de Santiago, esta é a participación de autores galegos:
- 14:00 – 15:30 h. Sala Santiago: Mesa redonda sobre Minorías lingüísticas, presentada por Mingzhou Zhang (China) e coordinada por Elizabeth d’Angelo Serra (Brasil), coa participación de Fina Casalderrey, Miriam G. Möllers (Alemaña) e Jant van der Weg-Laverman (Holanda).

Para o domingo 12, derradeiro día deste Congreso, esta é a participación galega:
- 09:30 – 10:45 h. Sala Santiago: Conferencia plenaria de Manuel Rivas: A literatura infantil e xuvenil dende (como) insurxencia poética, coa presentación de Asun Agiriano.
- 11:15 – 12:30 h. Sala Santiago: Obradoiro Developing Literary Understanding across International Lines. A Readers Theatre Performance in Five Acts, impartido por Elizabeth Poe (Estados Unidos). Participan: David Almond (Reino Unido), Marcos S. Calveiro, Ana Maria Machado (Brasil) e María Reimóndez.
- 11:15 – 12:30 h. Sala Obradoiro: Panel de editores, coordinado por Víctor F. Freixanes, coa participación de Jacqueline Kergueno (Francia), Catherine Mitchell (Canadá), Akoss Ofori (Ghana) e Dolores Prades (Brasil).
- 14:00 – 15:30 h. Sesións de comunicacións na Sala 12 coa temática: Promoción lectora – Internet, presentada por Blanca-Ana Roig, con autores de diversas procedencias.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: A forza das minorías, 32ª edición do Congreso do IBBY

No Pazo de Congresos de Santiago celébrase entre o mércores 8 e o domingo 12 de setembro a 32ª edición do Congreso IBBY (International Board on Books for Young People), que reunirá a centos de expertos en literatura infantil e xuvenil para abordar a importancia das minorías nun mundo globalizado. O evento, organizado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española da IBBY, desenvolverase baixo o lema A forza das minorías e incluirá conferencias e mesas redondas que analizarán o impacto das minorías, xa sexan étnicas, lingüísticas, relixiosas ou de xénero, na vida dos nenos e nenas. Ademáis das ponencias e das mesas redondas, ao longo dos días do congreso realizarse en Santiago unha serie de actividades paralelas entre as que destaca a entrega dos Premios Hans Christian Andersen 2010, considerados como os máis prestixiosos galardóns da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, ao escritor británico David Almond e a ilustradora alemá Jutta Bauer.
Nas ponencias participarán especialistas de todo o mundo como Heidi Cortner Boiesen (Noruega), Emilia Ferreiro (Arxentina/México), Olayinka Koso-Thomas (Nixeria/Serra Leona), Lygia Bojunga (Brasil) e Carole Bloch (Sudáfrica). Galicia estará representada por Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Blanca Roig ou Marcos S. Calveiro. O programa completo pódese descarregar aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter