Carlos Lixó: “Eu acredito, contra os tópicos, que é posíbel que a cidade sexa un territorio máis represivo que a aldea”

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Lixó en Praza (foto de Alberte Paz Calo):
“O rural despois do rural. A aldea que xa non é habitada por unha sociedade campesiña, un lugar no que a vida se desenvolve igual que na vila ou na cidade. É o espazo no que se sitúa o poemario co que Carlos Lixó gañou o último Pérez Parallé de poesía co título Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, mais que será publicado, finalmente, co nome As casas. “A miña intención”, di o autor, “era elaborar unha visión do imaxinario das persoas que nos criamos no escenario da ruralidade pero que xa nunca chegamos a coñecer nada do mundo agrario”. Mais o libro é máis ca iso. Explícao el mesmo nesta entrevista.
– Praza (P): Podería ser un libro sobre a infancia e a aldea. Mais, máis que unha sorte de reivindicación dun rural que esmorece, parece que se está a falar da propia identidade e da súa relación co espazo da aldea. Un neno que quería ser da aldea mais, en realidade, era da cidade. Por que?
– Carlos Lixó (CL): Lera unha vez a Antía Otero dicir algo así como que o rural non esmorece, que xa morreu. Non só estou de acordo con ela, senón que creo que este poemario se encontra no paso seguinte desa cadea de evolución lóxica. O rural despois do rural. Quero dicir, non é que o neno sexa de cidade, certamente o poemario sucede na aldea.
Mais é unha aldea que xa non acolle unha sociedade campesiña. É unha aldea na que a vida se desenvolve igual que nunha vila ou nunha cidade, excepto polos restos que permiten intuír que aí antes houbo outra cousa. Ese conto que se lle ouve a unha avoa e que parece un disparate. Esas paredes da casa vella na planta baixa do chalé. Dalgunha maneira a miña intención era elaborar unha visión do imaxinario das persoas que nos criamos no escenario da ruralidade pero que xa nunca chegamos a coñecer nada do mundo agrario. E aí é que se incrusta a identidade, con máis forza que o espazo.
– P: Non é, para nada, unha aldea idealizada. Iso non é ningunha novidade na literatura galega. Mais o teu libro fala de violencia dun xeito moi directo. De violencia de xénero, en concreto. E de violencia patriarcal, en xeral -un pai autoritario, por exemplo-. Que relacionas coa pobreza ou coa idea da familia tradicional. Por que esa presenza?
– CL: A verdade é que a min nunca me viría á cabeza que a violencia, e concretamente a violencia de xénero, fose un tema cun peso destacado no libro. O mesmo que a respecto do rural, non hai intención consciente de reivindicación ou de emenda. Aparece como unha parte da paisaxe humana. Mesmo na familia máis comedida hai dalgunha maneira certo pouso de violencia, non necesariamente física. Case todo se funda sobre o traumático.
Eses episodios sempre parecen moi lonxe mais nunca o están. Non sei, se cadra tamén vinculo que moitas persoas maiores renuncien á súa orixe labrega e vexan o feito de que os seus netos nos criásemos fóra diso como un éxito persoal, con como ás veces falan do pasado como unha época de especial agresividade. Fronte á imaxe gris que moitas veces se impón sobre o pasado recente en Galiza, onde non acontece case nada, eu percibo violencia e intensidade, vexo algo vibrante e salvaxe tanto no bo como no insoportábel. (…)”

Carlos Lixó gaña o Premio Nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé

Desde La Voz de Galicia:
“A trixésima edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial de Fene, xa ten gañador, Carlos Lixó Gómez (Ribeira, 1991), graduado en Historia pola Universidade de Santiago e doutorando en Historia Medieval nesa mesma institución académica compostelá, que actualmente se encontra realizando unha estancia de investigación na Universidade Nova de Lisboa. Lixó fíxose co galardón pola obra Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, o seu primeiro poemario.”

Santiago: recital poético en conmemoración do 950º aniversario da institucionalización da primeira unión homosexual en Galiza

O mércores, cuarta feira, 13 de abril, ás 19:00 horas, na Cafetaría Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago, terá lugar un recital, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, en colaboración co Colectivo Gai de Compostela e a asociación BOGA – Lésbicas de Galiza, que conmemora o 950 aniversario da institucionalización máis antiga dunha unión homosexual conservada en Galiza. No acto participarán Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Callón, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.