Bases do X Premio de poesía Victoriano Taibo

“Por décimo ano consecutivo, o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, comprácese en convocar unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, mestre galeguista, creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas. (…)

BASES

O IEM, Instituto de Estudos Miñoráns, convoca o X Premio de Poesía Victoriano Taibo baixo o mecenado do Concello de Gondomar. O premio, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo, rexerase polas seguintes bases:
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións e estarán escritos en lingua galega, de acordo coa normativa aprobada pola Real Academia Galega en 2003.
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.
3. De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou au- toras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: Apartado 30, 36380 Gondomar Pontevedra
4. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
5. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2017.
6. O xurado estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no eido literario.
7. A obra premiada será publicada polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.

O feito de participar supón a aceptación destas bases. Gondomar, a 28 de marzo de 2017″

Gondomar: entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo a Xosé Iglesias

DesdeXosé Iglesias 2 o IEM:
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor. O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:
– A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.
– O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.
– Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.
– O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
– Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.
– Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.”

Gondomar: acto conmemorativo do pasamento de Victoriano Taibo, presentación da obra inédita Contos Pequenos

OVictoriano Taibo foto venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza un acto conmemorativo do cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo, que servirá para dar noticia do proxecto de publicación dunha nova obra que o mestre de Morgadáns deixou inédita: Contos Pequenos, un opúsculo que lle regalou a Hixinio, fillo dos seus amigos Antón Beiras e Antía Cal. Participarán no acto Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo.
No mesmo acto será convocado o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, rescatado da súa máis que posible extinción polo concello de Gondomar, que asume integramente a dotación do premio e os demais gastos de xestión.

Gondomar: 450 nenos e nenas participan nun contacontos e nun concerto de Mamá Cabra

EsteEspazo Lectura xoves 12 de novembro 450 nenos e nenas de nove colexios do Val Miñor vanse achegar a Gondomar para asistir a dúas actividades organizadas por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar: un contacontos a cargo da actriz e contadora Raquel Queizás na biblioteca municipal e un concerto do grupo Mamá Cabra no auditorio Lois Tobío. Estas dúas actividades enmárcanse nunha xornada de achegamento á biblioteca municipal e de fomento da lectura que Espazo Lectura organiza desde hai varios anos coa colaboración do Concello de Gondomar.
A biblioteca municipal acollerá ao longo da mañá do xoves 12 tres pases do espectáculo de contos “A maleta da avoa”, a cargo da actriz e contadora Raquel Queizás. Ademais, no auditorio municipal haberá dous pases dun concerto do grupo de música infantil Mamá Cabra, que este ano celebra o seu 15º aniversario. Os 450 nenos e nenas aistirán ás dúas actividades, organizados en quendas que lles permitirán tamén gozar dunha mañá de lecer e convivencia no espazo do Parque da Coelleira.

Gondomar: Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros, obradoiro de poesía para mozos e mozas dirixido por Carlos Negro

O xoves 25 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o poeta Carlos Negro estará cos mozos e mozas do Comando Le para conducir un obradoiro co suxestivo título de Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros. Faremos unha indagación sensual e gorentosa no vicio da poesía, suxerindo definicións, lendo textos, saboreando palabras… Misterio, emocións, amor, unha sesión chic e fashion. E quizais algunha sorpresa que aínda non aparece nos papeis.
O obradoiro inscríbese dentro da Semana do Libro e a Lectura 2013 que Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza dende o 22 ao 27 de abril con motivo da celebración do Día do Libro.