O cubil das letras de… Concha Blanco

Desde Lermos.gal:
“Eu vivo nunha casa e aínda que moitas persoas pensan que iso é unha sorte, un privilexio (máis espazo, menos ruído…) non pensedes que está exento de problemas. No meu caso é así, pois non teño un só recanto para min. Teño dous. Un na planta baixa e outro no primeiro andar, que os uso segundo as circunstancias.
Se é un traballo de creación fágoo no espazo do baixo, pois eu escribo os orixinais á man. É un lugar amplo, con moita luz, tranquilo. Convivo nel cunha morea de libros, cun ordenador case xubilado e con varias esculturas feitas por Manolo, o meu home.
Para o resto do traballo que a literatura esixe prefiro o segundo recuncho, este no que me vedes na imaxe, máis pequeno, arrodeada de máis libros, máis esculturas, cadros, fotografías, recordos… Ademais ten unha ventá na que case tocan as pólas varudas do carballo da horta, onde agora está pendurado o bambán de Aniña, a neta.
E logo onde está o problema?
Pois… que aínda tendo nos dous sitios material por duplicado, obrígame a subir e a baixar escaleiras varias veces ao día.
(Unha boa maneira de facer exercicio, agora que o penso. Daquela … non é tan malo!)”

Entrevista a María Canosa

EntrevistaMaría Canosa a María Canosa na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– María Canosa (MC): É complicado de explicar, porque vexo a literatura como unha parte de min, que quizais é moito máis ca representar algo, é formar algo, e ese algo é un “eu”, e polo tanto, tamén unha comunidade, unha sociedade, un xeito de comprender e valorar, supoño.
A literatura é unha necesidade para min. Un xeito de sacar os sentimentos fóra e tamén gardalos dentro. Un xeito, ademais, de perdurar ao longo do tempo, porque a literatura transmite saber, datos, sentimentos… dunha maneira individual ou colectiva.
Complicado resumir o que é a literatura, que ata pode crear e inventar universos diferentes, gardar ou descubrir segredos, unha plataforma para a loita e a denuncia, un espello da realidade e dos soños… A literatura sobrevívenos. (…)
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre a literatura e as diversas artes (música, artes plásticas, ilustração, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?
– MC: A literatura é unha arte, polo que todas deben ter algo en común. Eu tomaría isto na súa vertente social, é dicir, na arte como forma de expresión e manifestación. Cada unha delas faino a través dun ou varios elementos distintos, pero no fondo, procuran o mesmo, que é a chamada da atención do ser humano.
Penso, ademais, que moitas delas se poden complementar, amais de ser quen de cumprir o seu obxectivo de maneira individual. O que si é certo é que debera haber máis iniciativas de amosar xuntas as artes. Participei en recitais poéticos acompañados de música en directo, e obras teatrais baseadas en poemas infantís que convertían algunhas das poesías en cancións… e a experiencia foi gratificante.
Encántame escribir a partir de imaxes, fotografías, ilustracións… Quizais non se vexa nin saiba o proceso creativo, pero é un recurso que utilizo habitualmente, porque me axuda e inspira.
Teño algún libro que “naceu do revés”. É dicir, primeiro creáronse as ilustracións, e logo eu imaxinei unha historia para eses personaxes e ese mundo. (…) Sigue lendo

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do xoves 11

OFeira do Libro Cee 2016 xoves 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

11:30 h. Títeres Cascanueces presenta Barriga Verde e o estragapandeiros, baseado en textos de Manuel María.
20:00 h. No Museo Fernando Blanco: Concha Blanco e María Canosa presentan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, e A que altura está o ceo?, de Jorge Mira e María Canosa, publicado por Alvarellos, coa participación de Santiago Garrido.
21:15 h. Pregón da Feira a cargo de Jorge Mira.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 6 e domingo 7

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz domingo 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 6
19:00 h. Xosé Duncan asinará exemplares de Negruña, publicado por Urco Editora, na caseta de Berbiriana.
20:00 h. Concha Blanco asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.

Domingo 7
13:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
20:30 h. Presentación de Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Intervirán o autor e o editor Carlos Lema.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 5

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz venres 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Xavier Seoane asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Xiada.
19:00 h. Estíbaliz Espinosa asina exemplares de Caer de cu polo universo, publicado por Apiario, na caseta da Berbiriana.
20:00 h. Concha Blanco e María Canosa asinan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Couceiro.
20:00 h. Carlos López asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.

O Couto (Ponteceso): actos destacados no Festiletras o luns 16 e martes 17

OFestiletras 2016 Festiletras 2016, que terá lugar na aldea do Couto (Concello de Ponteceso), terá os seguintes actos destacados para o luns 16 e martes 17 de maio:

Luns 16
20:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. Inauguración das exposicións de Viki Rivadulla “Ser outra cousa” (pintura) e “Matria” (escultura), e posteriormente: Escoito cisnes, recital poético aberto coordinado por Óscar de Souto.

Martes 17
11:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. III Premio de Poesía Infantil Eduardo Pondal. Convidad@s: Concha Blanco, Diana Varela, Xelucho Abella e María Canosa.
De 17:00 a 19:00 h., na Casa dos Veciños. Iº Certame de Teatro Infantil Xosé Neira Vilas. Para as Aulas municipais de teatro de Malpica, Ponteceso, Cabana e Laxe. Recreo e obradoiro de caricatura con Xosé Vizoso.

Compostela: actos destacados do sábado 30 e domingo 1 na Feira do Libro

OFeira do Libro Santiago 2016 sábado 30 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este fin de semana:

Sábado 30 de abril
20:00 h. Manuel Portas presenta Lourenço, Xograr, publicado en Galaxia. No acto estará acompañado por Dolores Vilavedra e Arturo Ponte.

Domingo 1 de maio
12:00 h. Obradoiro de escritura creativa xuvenil, por Andrea Barreira.
18:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Concha Blanco e María Canosa asinan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Ler.