Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 3

O xoves 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Contacontos-presentación de Un máis, de Olalla González, publicado por Kalandraka. Participa o ilustrador Marc Taeger.
18:00 h. Larraitz Urruzola: A viaxe de Rosalía, no escenario central do Xardín dos Libros.
18:30 h. Xurxo Lobato asina exemplares de Vento nas velas, na caseta da Librería Arenas.
19:00 h. Momento Coruñento, con motivo da 4ª edición de Contos da Coruña, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.
19:45 h. Presentación de Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville, publicado por Baía Edicións. No acto participa, xunto ao autor, Andrea Maceiras.
20:30 h. Dez anos de Os libros arden mal, de Manuel Rivas, publicada por Xerais. “A mellor novela da década“, con Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación de Demos de verán, de Miguel Vázquez Freire, publicado por Xerais. Con Tino Santiago.

Xurxo Souto recupera “momentos coruñentos”

Entrevista a Xurxo Souto en Sermos Galiza:
“(…) Este sábado 10 na libraría Berbiriana ás 12 horas e a terza feira 27 na Suévia ás 20.30 horas, Souto convida de novos aos seus lectores a descubrir unha cidade inédita para os medios de comunicación: a Coruña como unha cidade atlántica (onde sopra o vento de Nova York), enxebre e cosmopolita; como unha pedra chantada no océano; como unha cidade que naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro. Haberá contada que rematará con música, como é habitual cando Souto se embarca nunha nova aventura.
Contos da Coruña é un primeiro e único manual de épica cascarilleira. Nel Xurxo Souto proclama, por exemplo, que “non é que Coruña e Vigo sexan cidades irmáns, non, é que son a mesma cidade, desde os ollos do océano son dous pontóns de recalada dun mesmo porto”. Ocorre, explica, “que na Coruña non sabemos nada de Vigo e en Vigo non saben nada da Coruña. Eu tardei moitos anos en saber onde quedaba Coruxo ou Beade ou Teis, pero descubrín que Teis era igual que os Castros, que Beade é igual que Labañou e que Coruxo é igual que a Agra do Orzán. Pero non nos dan esa oportunidade, porque hai unha incomunicación total”. E a proba definitiva disto de que A Coruña e Vigo son as mesma cidade, afirma, “é que Abel Caballero quere ser Paco Vázquez”.
“Este libro saiu da miña inadecuación entre a realidade e a imaxe da cidade, monolingüe en cstelán, e eu non sentía iso”, explica. “Entón descubrín que fóra desa imaxe tópica da Coruña monolingüe, cidade-estado á marxe do resto do país, existe outra realidade, pero quero insistir en que esa imaxe triunfou mesmona xente máis competente, nos sisudos analistas do país”.
O que vía pola rúas, insiste o escritor, “é que ademais de ser a cidade con maior número de galegofalantes de todo o país, o mapa de Galiza está no plano da Coruña: a maior parte da xente da zona dos Castros son xente que veu da parte de Lugo; a Costa da Morte está na Agra do Orzán… e logo descubrín o mundo do mar”.
“Esta é unha cidade chantada no Atlántico pero ninguén che explica nada, edúcannos como terricolas”, quéixase. “Subimos ao alto da Torre e vemos mar, pero o mariñeiro está vendo o Carpancho, os Aberrecidos, o percebeiro ve os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar, o Gueivouteiro… é como unha cidade invisible que está diante de nós e que hai que compartir. Iso foi o que fixemos”.”