O doce abxecto, por María Reimóndez

ArtigoMaría Reimóndez de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
““Woman, as a sign of difference, is monstrous
Rosi Braidotti, “Mothers, Monsters and Machines
A free woman in an unfree society will be a monster
Angela Carter, The Sadeian Woman.
Tomo as dúas citas introdutorias para esta recensión do excelente artigo “Of Aliens, Monsters and Vampires: Speculative Fantasy’s Strategies of Dissent”, de Belén Martín Lucas porque creo que ben serven para contextualizar a novela Sangue 12 de Cris Pavón. Esta contextualización fáiseme necesaria porque, deliñando o seu argumento de vampira adolescente (ben, as vampiras non teñen idade pero así se entende no texto) namorada podería ser que alguén se confundise con certas versións recentes desta temática coas que a novela de Pavón nada ten que ver. Malia a moda de películas, series, libros e demais parafernalia que nos invadiu en época recente, a novela de Pavón nace, ao meu ver, dunha outra xinealoxía, unha moito máis antiga e sen dúbida evidentemente antiheteropatriarcal.
É ben certo que as narrativas vampíricas renacen das súas cinsas de forma pendular co atractivo que estes personaxes tan terroríficos como atraentes suscitan non só nas mentes adolescentes, pero rara vez as lecturas máis habituais desa lenda pasan do agardado, do previsible, da sedución heteropatriarcal do vampiro poderoso e as vampiras… ben, vampiras.
Eles coa capacidade de dar a vida eterna, elas coa maldade innata de calquera muller, incapaces de sentir amor, compromiso, coidado, todas eses atributos femininos do patriarcado. Mais no fondo, e de aí a intelixencia fina e irrefutable de Pavón, a lectura patriarcal do vampiro deixa fóra o seu potencial de subversión, un potencial que, por certo, levan explorando as autoras feministas e lesbianas, sobre todo as racializadas, xa un tempo moi longo noutras latitudes (por desgraza, con pouca visibilidade). (…)
O heteropatriarcado comeza por desafiuzarnos do noso corpo, por facernos entender ás mulleres mesmo dende esa experiencia básica, que non encaixamos, que somos as monstras, as abxectas. Só desta maneira se entenden os debuxos recorrentes do “corpo humano” sempre masculino, o mal chamado “masculino xenérico” da linguaxe sexista, a delimitación das mulleres nos estudos médicos sempre como a excepción a unha suposta (ironías á parte) regra. Sangue 12 fala de todo isto e máis, coa escrita non de quen é quen de reescribir un xénero senón de devolvelo ao rego transgresor do que naceu fronte a visións hexemónicas e edulcoradas, patriarcais e retrógradas da máis pura cooptación.
O motivo vampírico e doutras monstras resulta unha narrativa, pois, vizosa, para analizar o abxecto e as fendas das ideoloxías dominantes que Pavón utiliza á perfección. Ademais, neste caso, o que se conta resulta tan intrigante, atractivo e engaiolante que unha non ten máis posibilidade que renderse ante o evidente. O abxecto é doce, a subversión é deliciosa, a transgresión é pracer.”

Cris Pavón: “Retomei o vampirismo para revivir o seu espírito transgresor nunha clave contemporánea”

EntrevistaCris Pavón de Montse Dopico a Cris Pavón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O relato que lle dá título ao libro, Á busca da orixe perdida das especies, fala de Proust e da loita contra o tempo. Da arte como medio de superar o tempo. E este é un dos fíos de todo o libro. En que sentido?
– Cris Pavón (CP): Iso da arte como medio para superar o tempo son palabras de Proust. Eu falaría máis ben da arte como un xeito de coñecemento diferente á ciencia, complementario se queres. E ese relato que dis busca establecer paralelismos entre esas dúas formas de coñecemento valéndose das biografías de dúas personalidades senlleiras nos seus eidos, Proust e Darwin, que para min resultan moi atractivas, e que me permiten contrapoñer, contrastar, a memoria persoal, de individuos con conciencia, e a memoria biolóxica, esa longa historia da que os humanos somos só un brevisimo episodio. (…)
– MD: A memoria é unha invención, coméntase neste primeiro relato. E a memoria está presente en todos os relatos do libro. En relación coa identidade. Por que ese interese na memoria?
– CP: A memoria é unha invención ‘controlada’, é unha re-creación sometida a filtros racionais, emocionais. É esencial en calquera ser vivo, todo o que somos é soportado pola memoria, como unha non vai ter un interese niso? A neurociencia cognitiva, psicanálise incluída, vai amosando os mecanismos e a xeografía dese territorio e eu tento achegarme ao coñecemento que a divulgación científica ofrece.
Sen memoria non pode haber, xa non identidade, senón nin sequera percepción. Contrastamos o que recibimos a través dos sentidos co que temos xa interiorizado, esquematizado. Así re-coñecemos, entendemos o que percibimos no nivel máis básico da cognición. A iso haille que engadir, superpoñer, modelos máis complexos (lingüísticos, xenéricos, afectivos, éticos) que imos absorbendo do medio no que nos socializamos… E outra cuestión a ter en conta nese proceso son os contidos da psique que non chegan a lembrarse, as causas polas que non lles é doado facerse conscientes. (…)
– MD: Por debaixo de Limiar de conciencia, como de Sangue 12 ou de parte dos relatos de Á busca perdida, está a túa relación con distintos textos da literatura universal. (Byron, M. Shelley, etc). Que textos che serven dalgún xeito de referencia para escribir as túas historias e por que?
– CP: Como di Rodrigo Fresán, a literatura é sempre metaliteratura. Todo o que teño lido me serve. E non só literatura, dende logo. Sangue 12 naceu arredor de Ada Lovelace, estraña geek daquela, así que as referencias polo que a ela atinxe como filla de Lord Byron, impúñanse por si mesmas: Byron e os seus amigos na vila Diodati no mítico verán de 1816.
Pero, máis aló dos referentes explícitos, a literatura é parte do argumento en tanto amosa o poder salvador, ou perturbador, da mesma, a forza coa que se mestura coa vida, ao ser fornecedora de modelos nalgúns momentos, de acubillo noutros. En Sangue 12 a protagonista atopa na literatura unha solución radical ao seu maior problema, a súa arela de non medrar. Como fixeron o Quijote, ou Emma Bovary, ou tantos outros de menor talla, ela busca no que ten preto, na súa contorna, e escolle a historia do Vampiro, escoitada da boca de Polidori.
E, tamén, a literatura dálle agocho. Cara onde pode fuxir alguén cando é feble e non atopa empatía entre os achegados, como lle acontece á protagonista? Aos mundos da literatura. A literatura enche o seu tempo cando non pode relacionarse case con ninguén.
Niso é como a máquina LIDIA, de Limiar de conciencia. Limiar de conciencia ten a metaliteratura nos alicerces. LIDIA emprega modelos literarios para construír os seus textos, os seus logs diarios levan na cabeceira referencias a eses modelos. Todo o texto está inzado de referencias literarias, non só como citas, senón na propia estrutura, por exemplo nos relatos aniñados ao xeito das mil e unha noites, onde a Carapuchiña Vermella ten un papel estelar. E onde as SHEREZADES amosan todo o seu potencial. (…)”

Cuestionario Proust: Cris Pavón

DesdeCris Pavón o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Cris Pavón:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O optimismo e, xa que logo, certa tendencia ao imaxinario.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sentido do humor e da ética.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me leven a sitios estupendos.
4.– A súa principal eiva?
– Dende logo o perfeccionismo non é.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, pasmar. Hai tempo, viaxar, pero xa menos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Dispor do tempo ao meu gusto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que exista a máquina do tempo e acabar nalgún intre que me faga rabiar por volver a este.
8.– Que lle gustaría ser?
– Se fose sen dor, inspectora de Facenda. Ou conselleira ou ministra, xa posta, que hai moita reforma fiscal que facer.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, e vivir unha verdadeira mudanza social e política.
10.– A súa cor favorita?
– Vermello e gris.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do viño tinto.
12.– O paxaro que prefire?
– A ave Roc.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas e moitos, nunca son demasiadxs. Calvino, Munro, Barthes, Beauvoir, Jelinek, Yourcenar, Perec, Dostoiewski, Faulkner, Ferrín, Torrente Ballester, Capek, Proust, Delillo … ben, igual aquí xa son demasiados.
14.– E na poesía?
– De Wislawa Szymborska a Lupe Gómez, da antipoesía de Nicanor Parra á poesía visual de Joan Brossa.
15.– Un libro?
– Un cento, un milleiro deles, unha biblioteca.
16.– Un heroe de ficción?
– Randolph Carter.
17.– Unha heroína?
– Mononoke.
18.– A súa música favorita?
– Estes días, o afrobeat.
19.– Na pintura?
– Duchamp, Antonio López, Maruja Mallo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera Anonymous.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar coa boca chea.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Toda unha institución: a igrexa católica.
25.– Un feito militar que admire?
– Mmm… As partidas entre Deep Blue e Kasparov.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voz para rachar o cristal como Oscar, o tambor de folla de lata. Capacidade para aguantar doce minutos de apnea ou máis.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sentada á beira do mar non estaría mal.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Allegro ma non troppo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus, seguramente.
30.– Un lema na súa vida?
– Agora que son maior: Fai deporte!”

Cristina Pavón fala do seu libro A busca da orixe perdida das especies

DesdeCris Pavón o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Coa novela A busca da orixe perdida das especies, a escritora viguesa Cristina Pavón gañou o Premio Carvalho Calero de Ferrol na modalidade de creación literaria. A obra é un conxunto de relatos que falan da memoria desde diferentes puntos de vista e con elementos de ficción científica nalgúns deles.” A entrevista pode verse completa aquí.

Isaac Lourido e Cris Pavón, gañadores do premio Carvalho Calero

DesdeCris Pavón Magazine Cultural Galego:
“O crítico literario Isaac Lourido gañou o premio de Investigación Carvalho Calero co ensaio Historia literaria e conflito cultural. Bases para unha historia sistémica da literatura na Galiza. A escritora María Cristina Pavón -Cris Pavón- obtivo, así mesmo, o Carvalho Calero de Creación Literaria con A busca da orixe perdida das especies.
Os premios Carvalho Calero, organizados pola Sociedade Cultural Medúlio e o concello de Ferrol, aumentarán o ano próximo un 25 por cento a súa dotación, de xeito que en cada modalidade repartiranse 5.000 euros fronte aos 3.700 euros deste ano.
O xurado estivo composto, desta volta, por Mercedes Queixas, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luís García Soto, que subliñaron especialmente a calidade da obra de Lourido, que definiron como “intelixente e imaxinativa, orixinal e moi ben resolta”. Sobre A busca da orixe perdida das especies salientaron a actualidade da temática e a amplitude da documentación na que se apoia.”