Eli Ríos: “A poesía tamén está no cotián”

Entrevista a Eli Ríos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como recibiu a nova?
– Eli Ríos (ER): Hoxe é moi difícil publicar. A cantidade económica do premio é importante, pero saber que ese libro podería saír nunha editorial como Xerais foi o que me levou a presentarme. Que no xurado houbese poetas, como Miro Villar ou Serxio Iglesias, tamén me animou. Cando mo dixeron non o podía crer. Pode soar tópico, pero este é un texto complicado, escrito cunha prosa poética, uns versos moi longos, e enriba di cousas que van contra a mesma poesía: temos que reformularnos, refundarnos. Pretendía que fose unha bomba, que estoupase e nos fixese pensar en que estamos facendo mal para que a poesía non chegue.
– LVG: Que diría que é Culpable, cal é o fío condutor, se o hai?
– ER: O fío condutor é aquela persoa que quere matar os eus líricos. Supón matar toda esa requinta e parafernalia que hai na poesía. Para iso, o que se fai é traballar con frases do día a día, é dicir, a poesía tamén está no cotián. Ten, ademais, unha cousa fundamental que falta na poesía: o humor. Este é un texto para botarte unhas risas ao mesmo tempo que, dende o humor, pensas que podemos cambiar. (…)
– LVG: Que é para vostede a poesía?
– ER: A poesía é unha óptica. É unha lente, é un telescopio polo que ver e interpretar o mundo.
– LVG: Que saúde ten hoxe o mundo literario e editorial?
– ER: O mundo literario, editorial e da escrita ten unha saúde fantástica. ¡Para algo somos galegas! Ten unha vizosidade incrible, hai moita xente facendo cousas interesantísimas, hai unha vida cultural enorme. O problema non é a cultura galega ou o sistema cultural galego. O problema é que temos un goberno que non aposta por nós, que non temos proxección cara o exterior, o problema é a perda de falantes e iso lévanos outra vez ao goberno… Temos unhas políticas que están intentando destruírnos día a día. Non pode ser que unha editorial para publicar teña uns custos tan altos, un IVE tan alto, porque iso repercútenos a nós. Están afogando aos editores. (…)”

Eli Ríos gaña o López Abente cun poemario que pretende ser “unha bomba explosiva”

Artigo en Sermos Galiza:
“Logo de acadar a finais do ano pasado o Torrente Ballester de novela (o máis suculento dos premios en galego), Eli Ríos acaba de gañar o López Abente de poesía por unanimidade do xurado, un recoñecemento que significa moito para ela porque “é un poemario moi arriscado na forma” e “quere romper coas formalidades que hai hoxe na poesía”.
É máis, explica Ríos, “pretende ser unha bomba explosiva para dinamitar o sistema poético”. E dispara: “Vai contra esa xente que publica versos nas cuncas, versos tipo Paulo Coelho, positivistas, que pretenden vendernos que a poesía é iso. Tamén contra a xente que colle versos das mulleres e os fai propios como se fosen públicos, sen citar. Contra os que queren que a poesía sexa só academicista e dunha elite, contra aquela xente que fai análises de poéticas dos libros de muller como se fosen biografías”. (…)”

Eli Ríos gaña o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

“Reunido o xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, composto polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación Gonzalo López Abente, Suso Sambade Soneira, con función de secretario e membro activo na deliberación do IV Premio de Poesía. O xurado determina que o premio deste ano 2017 é outorgado por unanimidade ao poemario que leva por título CULPABLE co lema Gita Gogóia, obra da que é autora Eli Ríos (Elisabeth Ríos Liste).

O xurado salienta que a obra é unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista.

– Valoramos a proposta poética que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido.

– O poemario achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico.

– Consideramos atinada a inclusión de elementos de cultura popular contemporánea.

Salientar tamén que neste IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente houbo unha alta participación, con media ducia de poemarios, dos que non se fan públicos os títulos, que o xurado considera que deberían ser publicados.

Costa da Morte 26 de xullo de 2017″