Seis nomes, ningunha muller, pechan a lista de candidatos ao Día das Letras Galegas

Desde Sermos Galiza:
«O próximo día 21 celébrase no edificio da Rúa Tabernas un dos plenos do ano máis relevantes para a Academia. Del sairá o nome de quen vai ser homenaxeado o Día das Letras Galegas do 2014 e sobre a mesa xa hai seis candidatos, todos homes.
De se cumprir formalmente as condicións que a RAG estipula para escoller o nome do Día das Letras Galegas, o plenario tería que elixir entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño e Xosé Filgueira Valverde, os catro que cumpren as tres condicións que a nova executiva quere que, a partir de agora se teñan en conta na elección: levar máis de dez anos morto, estar avalado por tres membros da Academia e estar presentado con tempo abondo como para que se adxunten na propia convocatoria da xuntanza.
De todas maneiras, e dado que esta sería a primeira edición na que se teñan en conta estas reglas, desde a executiva teñen vontade de ser “brandos” á respecto do seu cumprimento, é dicir, deixarán á vontade do propio pleno aceptar outras candidaturas que non se adaptan ás tres regras sinaladas. De ser así e do pleno aceptar as propostas xa presentadas mais non cos requisitos anteriores, dous nomes máis entrarían na elección. Trataríase do narrador Ramón de Valenzuela e do historiador Francisco Vales.
En todo caso, as posíbeis candidatas Luísa Villalta e Xela Arias non parece que teñan oportunidade nesta ocasión de seren lembradas no Día das Letras Galegas. Até o de agora podíanse engadir nomes no propio plenario, mais todo parece apuntar que nesta ocasión esa posibilidade non se vai dar, co cal a listaxe está xa pechada, como máximo, cun total de seis nomes. En principio, tamén, e a diferenza do que acontecía en anteriores edicións, parece ser que a executiva non quere ter parte activa na elección e os seus membros votarán a título persoal polo candidato que estimen oportuno mais sen vontade de condicionar o resultado.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xela Arias e Luísa Villalta poderían ser candidatas ao Día das Letras Galegas

Desde Sermos Galiza:
«A Academia decide o día 21 a quen lle dedicará o Día das Letras Galegas. Tres membros do plenario terán que presentar cada unha das propostas que logo se debaterán no plenario. Durante estas xornadas previas, os nomes amoréanse entre as posíbeis candidaturas e, canda os que cada ano recuncan nestas datas, súmanse outros que por vez primeira nesta edición cumpren as condicións requeridas pola Academia.
Á listaxe incorpóranse os nomes de dúas escritoras, mortas a idade temperá que revalidarían o entusiasmo que se viviu no ano de Lois Pereiro. A escritora Luísa Villalta e a poeta e tradutora Xela Arias poderían xa ser as protagonistas dun novo Día das Letras que contarían co respaldo do seu entorno literario e da súa obra contemporánea. Xela Arias morreu en 2003 e Luísa Villalta o 6 de marzo do 2004, é dicir, en calquera dos casos o 17 de maio tería feito dez anos do seu pasamento. Tanto unha como outra están aínda na memoria persoal dos seus contemporáneos, homes e mulleres, en especial poetas, que compartiron con elas iniciativas e proxectos e formaron parte do panorama cultural desde os anos oitenta.
Canda elas, o nome de Ricardo Carvalho Calero volve de novo ao escenario, mais, coa condición que desta volta fai máis explícita a Academia de que sexan os propios numerarios os que acheguen o nome ao plenario, faise máis difícil aínda mesmo a presentación da súa candidatura. Desde fóra de Tabernas, a de Carvalho Calero é unha das demandas que máis vontades congrega por unha parte da intelectualidade que entende xa como inxustiza que non se recoñeza unha figura que contribuíu como poucas á historia da lingua e a literatura e cunha sólida obra literaria.
Máis forza cobra este ano a figura de Díaz Castro, eterno candidato ao que o centenario o próximo 2014 dálle aínda máis forza, avaliada pola campaña que se está a desenvolver desde Guitiriz e a iniciativa promovida polo propio alumnado do centro de ensino Poeta Díaz Castro que presentou un audiovisual dedicado ao autor de Nimbos.
Candidato asegurado para o Día das Letras Galegas é Carlos Casares, que por segunda vez podería optar á homenaxe aínda que parte do seu entorno prefería por distintas razóns, cando menos na anterior edición, agardar algo máis a que se conmemorase a súa figura cun Día das Letras Galegas.
Do exilio e a resistencia antifranquista, dous nomes de dous narradores entran nunha posíbel listaxe para o 17 de maio. O escritor Ramón de Valenzuela, autor de Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar, entre outras e o xornalista e narrador Manuel Lueiro Rey poderían ser protagonistas da homenaxe da Academia. Os dous mantiñan relación persoal e política co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.
A proposta do poeta berciano Antonio Fernández Morales, candidato apoiado pola Asociación Xarmenta e tamén unha firme aposta do anterior presidente Xosé Luís Méndez Ferrín é outro dos nomes que soan en cada edición. Desta volta, o nome do autor de Paradela, Manuel Rodríguez López chega á sede de Tabernas proposto por GaliciaDixital.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ourense: Día das Letras, 50 anos

Chuzame! A Facebook A Twitter

Materiais didácticos sobre o Día das Letras Galegas do IES Espiñeira-Aldán (Cangas)

Nesta ligazón pódense ver os diferentes materiais didácticos con motivo do Día das Letras Galegas 2013, recollidos na rede polo EDLG do IES Espiñeira, de Aldán (Cangas).
Destacamos, a xeito de exemplo, estes vídeos:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Compostela: presentación de Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, de Laura Tato

O mércores 8 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, de Laura Tato, publicado en Toxosoutos. A autora estará acompañada do dramaturgo Euloxio R. Ruibal e o ensaísta e editor do volume David G. Couso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Un día das Letras anovado?

Reportaxe en Praza:
«(…) «Que facemos coas letras galegas?», “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o concurso Agasallo de luz a Roberto Vidal Bolaño, pola Fundación Barrié

«Co gallo do Día das Letras Galegas 2013, dende o servizo de Biblioteca da Fundación Barrié e a través da canle educativa educaBarrié convocamos o concurso Agasallo de luz en homenaxe á obra de Vidal Bolaño que integra a celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
A proposta didáctica desta edición consiste na realización da webquest Agasallo de Luz, cuxa tarefa principal consite na elaboración dun texto teatral que teña como motivo principal o significativo Banquete de Conxo celebrado o 2 de marzo de 1856. O texto deberá representarse polo propio alumnado e gravado en vídeo.
A convocatoria diríxese a todos os centros de PRIMARIA, ESO, BACHARELATO e CICLOS FORMATIVOS de Galicia.
O concurso está dividido en dúas categorías:
- 1. Categoría A: Nenos e nenas de 8 a 13 anos de centros de primaria galegos e primeiros curso de ESO.
- 2. Categoría B: Mozos e mozas de 14 a 18 anos de centros de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de Galicia.
Os textos e a gravación da representación presentaranse en equipos dun máximo de oito membros e un mínimo de cinco.
Un mesmo centro pode presentar cantos equipos desexe de cada clase.
En todos os casos un/unha docente farase responsable da coordinación do traballo e aparecerá como coordinador/-ora do proxecto.
Descarga a webquest e o material didáctico para participar e le ben as bases do concurso que podes descargar aquí.
Os autores vídeo mellor valorado recibirán unha tablet, así como un lector de ebook para o docente coordinador.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vidal Bolaño, alma do teatro galego. A longa sombra do sombreiro

Reportaxe en La Opinión:
«(…) «É un autor moi respectado e moi representado en España e tamén fóra. É, como Rosalía de Castro, unha figura da nosa diplomacia cultural, cunha enorme capacidade de creación en todos os rexistros teatrais e que traballou sempre pola lingua galega e para crear un público para o teatro galego», defende a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, un dos nomes que avalou esta proposta. (…)
Pola súa banda, o dramaturgo Gustavo Pernas sostén que a «gran dimensión e trascendencia» da obra do escritor compostelán faino merecedor deste gran recoñecemento, e máis nestes momentos, nos que o teatro «está a quedar á marxe». «Era algo que o sector viña pedindo dende hai meses por activa e por pasiva», comenta. Para Pernas, esta será ademais unha excelente ocasión para que se edite a obra de Vidal Bolaño. «O teatro non só é para que se represente, tamén é literatura. Se non se tivesen editado, as obras de Shakespeare e Chekhov non terían chegado ata nós», recorda. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xarmenta volve propor o berciano Antonio Fernández Morales para as Letras 2013

«A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta sempre reivindicou, nos diferentes actos que leva realizados no Bierzo desde 2005 xunto con outras institucións bercianas, que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) merece un recoñecemento especial dedicándolle un Día das Letras Galegas. Neste 2012, un ano máis, Xarmenta solicítalle á Real Academia Galega que o poeta Antonio Fernández Morales sexa o persoeiro escollido para a celebración do Día das Letras Galegas de 2013 fundamentándose en que: «Antonio Fernández Morales publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua». Ademais, Xarmenta salienta que «Morales escribiu en lingua galega na comarca do Bierzo, fóra da Galicia administrativa, nunha época difícil para as nosas letras». (…)» Desde Praza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
- A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
- A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
- A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
- Torras Papel forneceu o papel.
- A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
- A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
- A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.

O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.

Chuzame! A Facebook A Twitter