A Coruña: IV Día Lugrís, o sábado 21 de decembro

O colectivo In Nave Civitas Lugrís, a Asociación Cultural O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria de Urbano Lugrís.

O programa (aínda provisional en canto ás horas) é o seguinte:
18:00-18:45 h. (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.
19:00-19:45 h. (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís Vista da Coruñá 1830, que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.
20:00-21:00 h. (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña á praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns, Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.
21:00-22:00 h. (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artístico na memoria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.
Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!

A Coruña: Día Lugrís, o sábado 22 de decembro

O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar, este sábado 22 de decembro.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos–  protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís  ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos (Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas  e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:

20:00 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
20:30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
21:00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunidos ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.

Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar!

Día Lugrís, 17 de decembro

“A Urbano LugrisCoruña e Vigo son a mesma cidade. Así nolo di co seu talento a pintura de Urbano Lugrís. Dous pontóns de amarre no mesmo océano. Para significar unha vez máis esta revelación, o vindeiro sábado 17 de decembro celebrarase –simultaneamente- en Vigo e na Coruña a Acción Urbano. Xornada cívico-bohemia, en honra do gran mestre. O Orzán, o Berbés e un único manifesto en botella polos camiños do mar a prol da creatividade e da arte galega. Sábado 17 de decembro. Percalinópolys e Xouba City (isto é A Coruña e Vigo na terminoloxía do pintor) unidas outra vez pola vida, pola bohemia, polo talento abisal de Urbano Lugrís, profeta do atlantismo. O fato de enxarmantes da Coruña autedonimámonos IN NAVE CIVITAS (por suposto ti es membro de honra). Imaxinamos un acto en catro tempos:
1. Ás 20:00 horas: Obradoiro submarino. Xuntanza no palco da música de Méndez Núñez para decorar paraugas con debuxos de peixes. Así, se chove, facemos da necesidade virtude. Saída da manifestación atlántica presidida, con toda pompa e esplendor, polo son dos gaiteiros Os Vicentes de Elviña.
2. Camarote Lugrís. Intervención pictórica rápida na rúa Mantelería, diante do recanto que ocupaba o estudo de Lugrís.
3. Balada do Porto de Os. Estrea no Borrazás (Rúa Orzán, 165), café moi querido por Lugrís, dunha rapsodia inspirada no poema do mesmo nome, composta por Marcos Aboal e Lourenzo Castro.
4. Na Coiraza do Orzán, lectura e lanzamento -en botella- do manifesto, dirección ribeira do Berbés.” Texto de Xurxo Souto.

“Vento feliz o que de Norte a Sur enche as velas e move a olívica Nave das Ideas, con mascarón o símbolo de Venus, e tras si o ronsel labiríntico camiño desta nosa Ítaca negada. Atinado todo. Voltará Xerión.
Nesta Atlántida lugrisiana encantada (Hic habitat felicitas) que devolvedes, busco agora tabernas de poesía e Terra, ergo a cunca de louza como un Grial de Arturo e brindar por vós, por Nós polo Trasmundo estixio, eterno navegar o noso. Sempre torques áureo: do cabo do principio ó cabo do fin, busca da unión, da cosmogonía circular. Reclamaremos bardos e druidas, Pondal, Manuel Antonio, Cebreiro, Laxeiro, Seoane, Ramón de Trasalba, Manuel de Outeiro… Lugrís, memoria feita luz, estrelas no ceo do noso Oriente.
E mentres, neste mencer limpo pola Marola escoitaremos unha alborada senlleira de Emilio Corral. Aturuxo cravado no Ceo e no Mar.” Texto de Felipe-Senén.