Crónica videográfica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2016 (II)

AGalaMestrasESMemoria2016 Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria tivo lugar o sábado 19 de marzo na Casa do Saber do Concello de Lugo.

Esta é a crónica videográfica do acto, onde se recollen as seguintes intervencións:
Primeira intervención musical de Eloi Mato, acordeonista.
Entrega do Premio Mestra da Memoria a Dolores Macías Pose.
Segunda intervención musical de Eloi Mato, acordeonista.
Intervención de Matilde Vilariño.

Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

AAELG Logo 3-2015 AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 19 de marzo, ás 19:00 horas, na Casa do Saber (Vicerreitorado da USC-Lugo, Praza Pío XII, 3), na xornada previa ao Día da Narración Oral.
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada na Asemblea xeral de Socios-as, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero.
No acto, ademais dos premiados, intervirán o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.
Entrada libre até completar aforo.

GalaMestrasESMemoria2016

Dolores Macías Pose: «Aos novos non lles gustan as coplas»

EntrevistaDolores Macías Pose foto J. M. Casal a Dolores Macías Pose en La Voz de Galicia (foto de J. M. Casal):
“A AELG acaba de galardoar a Dolores Macías Pose, veciña de Cabana, pola súa dedicación á cultura popular.
Ao igual que o músico que mentres conversa vai arrancando notas do seu instrumento ou o escritor que nunca esquece ter a man papel e bolígrafo para anotar as ideas que nacen no seu maxín, Dolores Macías Pose sempre ten no bico un cantar co que dar renda solta á súa gran paixón: «Cando vou para o muíño / asubíos me van dando / hache de ser Farruquiño / que anda no monte co ghando / Farruco vaite ao muíño / que che ha de ter acabado / coa ala do sombreiro / varreraslle o tremiñado», recita ao pouco de comezar a falar esta veciña de Cabana convertida aos seus 85 anos en memoria viva dunha tradición ameazada polo paso do tempo: a das coplas e as historias en verso coas que décadas atrás se animaban as xornadas de feira e de traballo compartido ou as noites de inverno ao carón dunha lareira.
A súa nai, María; as fiadas en Esmorís, Cesullas, ou Bamiro, en Vimianzo, e as feiras son -tal como contou xa no seu día Ángel Eiroa, neto doutra veterana copleira cabanesa, Aurora Ramos Pereiro, de 102 años- algunhas das fontes das que bebeu Dolores, incapaz de lembrar cando ou cal foi a primeira copla que aprendeu, pero que non deixou de acumular desde entón na súa cabeza todo ese saber popular. «Agora xa son unha viegha. A voz xa me falla bastante, pero de momento sigo cantando porque é algo que me gusta moito», explica antes de arrincarse outra vez en verso: «Sei cantar e sei bailar / sei toca-la pandeireta / o que se case comigho / leva a música completa», recita recuperando un ofrecemento que nunca se chegou a materializar. (…)
Dolores recoñece sentir mágoa pola perda dunha tradición á que permanece allea a mocidade. «Á xente nova xa non lle gustan as coplas, prefire cousas modernas. Antes bailabamos unha xota, unha muiñeira, un valse, bailes moi bonitos, pero agora vas a unha festa e non hai diso». Pero tamén en evitar que esa perda chegue a producirse ten xogado esta cabanesa un papel fundamental: colaborando con grupos como Xacarandaina ou na elaboración do Cancioneiro de Cabana de Pablo Díaz e Olga Kirk, e participando en varias das polafías coas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) está a gravar por toda Galicia estas manifestacións da cultura tradicional.
Todo este labor acaba de ter agora recompensa cun dos dous premios Mestras e Mestres de Memoria, cos que a AELG recoñece «toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional». Dolores recoñece que a súa idade non lle gusta viaxar, pero a pesares do que di a copla coa que despide a conversa («Eu aquí non canto máis / que se me acabou a ghrasia / e a pouquiña que me queda / lévoa pra a miña casa»), seguro que estará ese día en Lugo cun cantar nos seus beizos.”

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou este sábado 13 de febreiro a súa asemblea xeral

(A Coruña, 13 de febreiro de 2016) AAELG Logo 3-2015 Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os Premios Mestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo; tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que se recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo.

AprobouseCartel AELG Día de Rosalia de Castro 2016 o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (anexamos o deseño base feito por Pepe Barro para difundir os actos que se desenvolverán por todo o país). O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores; tamén a organización ou corganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores/educadores/mediadores da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración dunha Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de novas polafías e dunha nova edición, a novena, da Xornada de literatura de tradición oral. Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Tamén se acordou a incorporación de tres novas vogalías ao Consello Directivo da AELG, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática.

Anunciouse a creación dunha Sección de Literatura Dramática e confirmouse a participación activa da AELG na plataforma Seguir creando.