Héctor Cajaraville: “Empecei a escribir con 40 anos; tres historias ao mesmo tempo”

Entrevista a Héctor Cajaraville en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Once portas é unha novela curta na que se mesturan a historia e a intriga. De onde xorde a idea?
– Héctor Cajaraville (HC): Do cansazo de escribir… Explícome. Cando rematei de escribir as miñas primeiras tres obras, que fun facendo todas a un tempo, quedei extenuado e busquei descanso na lectura. Fun á biblioteca pública de Santiago e atopei un libro que falaba sobre a muralla da cidade. Eu nacín en Santiago, vivo en Santiago e coñezo o que quizais sabe todo o mundo, que Compostela tivo muralla e que só queda un anaco do lenzo á altura de Mazarelos. E mentres lía aquel libro decatábame de que alí había unha historia, unha historia que tiña que contar. Un punto de partida para inventar unha novela. (…)
– B: Quéixase Manuel Gago de que en Galicia, en especial en Santiago, todos os temas históricos están ofuscados polo monotema: o Camiño e o mito do Apóstolo. Vostede demostrou en Once portas que hai marxe de variación.
– HC: En xeral, a cultura galega debe fuxir de pensar que só ten un ou dous temas relevantes de verdade. E xa falando concretamente de Santiago, coido que esta cidade, que é tan miña e que tanto adoro, ten un poder simbólico sobre todos os galegos; cando falamos de Santiago é raro que algún galego non se sinta identificado, pola pegada na súa biografía, pola súa forza, pola historia… A min interésame tamén ver como Santiago foi mudando nas últimas décadas. Como o cambio social e urbanístico provoca outras dialécticas, outros conflitos. Santiago, por exemplo, é hoxe a cidade na que se viviu o accidente de Angrois, a cidade do asasinato de Asunta Basterra. Estas novas realidades que foxen talvez dos tópicos sobre a historia da capital, parécenme moi interesantes e dignos de servir de temas para novelas. (…)
– B: Xa me dixo antes que cando se pon, ponse a escribir en serio. É de corrixir moito?
– HC: Corrixo a medida que escribo. Agás no caso de Once portas, que si revisei a reformulei a fondo, o meu método consiste en ir avanzando pasiño a pasiño, capítulo tras capítulo que reviso conforme o vou incorporando ao volume. Así ao final xa teño o texto corrixo e rematado e xa non volvo sobre el.
– B: E ten persoas de confianza que lle len os orixinais?
– HC: Non só iso. Tamén me propoñen temas sobre os que escribir. Eu son unha persoa que me gusta ese tipo de desafíos. Ás veces as historias veñen para ti de dentro de ti pero outras veces non teño medo en ilas buscar ou en escribir sobre aquilo que me propoñen que escriba. (…)”

Eva Mejuto, autora de 22 segundos, un libro sobre a transexualidade

Entrevista a Eva Mejuto en Zig-zag, da Televisión de Galicia:
“O protagonista da novela da que imos falar agora tamén precisa contarlle ó mundo, o que sente, o que é. 22 segundos é a primeira novela xuvenil que afronta o tema da transexualidade. Eva Mejuto proponnos a necesidade de visibilizar a loita pola liberdade dun colectivo habitualmente silenciado. Pode accederse á entrevista aquí.”

Entrevista a Antonio García Teijeiro sobre Poemar o mar

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Aos nenos si que lles gusta a poesía e son precisamente os adultos os que lle poñen fronteiras”. Antonio García Teijeiro gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Poemar o mar. Pode accederse aquí.”

Obras finalistas do Premio Mondoñedo10 2017. Poesía

Ramón Nicolás : “Martiño configúrase como o elo necesario e contemporáneo que precisaba unha historia que quería contar e que estaba ancorada no pasado”

Entrevista a Ramón Nicolás en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Cal foi o xerme de O espello do mundo?
– Ramón Nicolás (RN): Non quero usar un lugar común pero, na realidade, foi un proceso realizado a lume lento para prender un pouco de luz nun territorio da memoria, sepultado polo paso do tempo. O espazo correspondíase a un cenobio medieval feminino en San Pedro de Ramirás, do que hoxe só se conserva a igrexa orixinal. Quen poboaba aquel territorio e como era o mundo daquela foron as interrogantes, de modo breve, que intentei responder coa novela.
– P: Tras moitos anos de servizo a literatura galega dende a crítica, por que toma a decisión de participar nela como autor?
– RN: Aínda mo pregunto agora e non dou cunha resposta concreta. Eu sempre escribín, e nuns primeiros momentos publiquei algúns relatos. Con todo, por diversas circunstancias e algunhas delas un tanto fortuítas, entrei no mundo da crítica ou da divulgación e neses mares navego aínda hoxe.
O certo é que na realidade sempre contemplei o exercicio da crítica, do ensaio, da tradución, da investigación ou dos estudos biográficos como un proceso parello ao da creación. Se ben nestes ámbitos non articulas un universo literario ao uso si se dan neles outros factores creativos comúns. O salto non foi difícil malia que as regras compositivas variasen.
– P: Como foi o proceso de documentación? Foi complexo o acceso a algúns documentos?
– RN: Foi laborioso e lento pero ao tempo moi satisfactorio porque me permitiu reconstruír, dalgún xeito, un mundo que na realidade non está tan afastado de nós. Existe unha colección diplomática que recolle os textos conservados do mosteiro de San Pedro de Ramirás e que constituíu, de seu, unha axuda inestimable. Outras fontes documentais que revelaban as claves dunha época ou a biografía da co-protagonista da novela, Hildegarda von Bingen, non supuxeron unha especial dificultade para conseguir o seu acceso. (…)”