Víctor F. Freixanes: “A Galicia fáltalle un proxecto político propio que canalice o seu potencial”

Entrevista de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como naceu este libro [Unha ducia de galegos]?
– Víctor F. Freixanes (VF): Naceu dunha curiosidade persoal e de grupo, no entorno aquel do Burgo das Nacións, en Santiago, onde estabamos un grupo de amigos e xentes moi variadas, preocupados por Galicia e o futuro do país. Apareceran uns libros de conversas de Pániker e Baltasar Porcel e empezamos a preguntarnos, que pasa, ¿Galicia non existe? Isto que chamamos nós o galeguismo, Galicia, a nación, a lingua e a cultura, Castelao e os exiliados, ¿isto non existe? Pensei que podía facer un libro de xornalismo, no que a través dun diálogo case socrático preguntase quen somos, de onde vimos e a onde queremos ir, ordenando cronoloxicamente o relato a través de diversas figuras, do máis vello, Otero Pedrayo -a memoria do século XIX e os vellos fidalgos-, ata a xeración anterior á nosa, a do 68. Quería viaxar a través da lingua e a cultura, porque entendía que podían ser un denominador común que aglutinase rexistros diferentes: eu procuraba unha polifonía, que todo o mundo non emitise no mesmo rexistro ideolóxico ou vivencial, pero que puidesen ser representativos do que estaba pasando niso que chamamos o galeguismo, que era o que nos interesaba naquel momento.
– LVG: E agora, ¿que se acadou e que quedou polo camiño?
– VF: Teño a sensación de que non conseguimos o soño que queríamos. Non o conseguimos. Uns, porque confundimos os desexos coas realidades, e outros, porque non soubemos facer política. Porque hai xente que confunde a política coa relixión, que cren que a política é crer o que non vemos, cando a política é unha ferramenta para ir transformando pouco a pouco a sociedade, coa sociedade ao lado, contigo, non ti a corenta quilómetros alá arriba e que ninguén sabe quen es. Hai moitas persoas, nas que nós, a nosa xeración, tiñamos moita ilusión nelas e que non foron arriba. Pero non se trata de reprochar nada, porque todos somos responsables do mesmo barco. (…)
As conversas con Otero Pedrayo, Paz-Andrade, Seoane, Blanco Amor, Piñeiro, Celso Emilio, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Beiras, Ferrín, monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares, nas que se falaba abertamente da traxectoria do galeguismo e o seu futuro, resoaron naquel tempo, igual que hoxe o seu eco. «O libro tivo un éxito grande de entrada entre os círculos do que podíamos chamar o galeguismo, e despois unha curiosidade enorme na sociedade galega que reclamaba a vida democrática. Había unha especie de demanda social de que isto había que cambialo e ao mesmo tempo había unha fame de información: como o cambiamos, cara a onde o cambiamos, quen van ser os axentes do cambio. Aí había un descoñecemento enorme», rememora Freixanes. (…)”

Onde ferve o amor por Galiza, 270 cartas entre Martínez-Risco e o galeguismo exterior

Desde a Real Academia Galega (foto de Almara, na RAG):
“Eduardo Blanco Amor, Xosé Neira Vilas ou Luís Seoane son algúns dos moitos persoeiros da Galicia na diáspora que intercambiaron cartas co xurista, escritor e académico Sebastián Martínez-Risco. Para eles, e tamén para institucións ou persoas doutras procedencias interesadas na nosa cultura, o presidente da Real Academia Galega (RAG) de 1960 e 1977 foi “unha especie de representante oficioso da cultura galega, e case poderiamos dicir que do país no seu conxunto, nun momento en que Galicia non tiña institucións representativas propias”, expresa Xosé Ramón Freixeiro Mato. Así queda reflectido nas 270 cartas que compoñen Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao coidado do profesor da Universidade da Coruña publicada pola Deputación da Coruña.
A obra, que recompila sobre todo cartas do arquivo persoal de Martínez-Risco (Ourense, 1899 – A Coruña, 1977) e outras conseguidas en institucións como o Centro Galego de Buenos Aires, foi presentada na sede da RAG nunha rolda de prensa na que o investigador estivo acompañado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a actriz Isabel Risco, neta de Martínez-Risco. O libro toma o seu título dunha frase extraída dunha carta que Isaac Díaz Pardo lle escribiu a Martínez-Risco en 1955 desde Arxentina. O editor escolleuna “porque representa moi ben ese sentimento de preocupación polo futuro de Galicia” que lle amosaban ao académico as persoas que contactaban con el desde o exterior, moitos deles galegos exiliados e emigrados, pero tamén persoas interesadas na nosa cultura de Portugal, Francia ou América. (…)”

Ourense: actividades destacadas do 82 Congreso PEN Erguendo pontes literarias do luns 26 e martes 27

Dentrocongreso-pen-ourense-2016 do programa do 82 Congreso do PEN Clube, Erguendo pontes literarias, terán lugar en Ourense as seguintes actividades destacadas o luns 26 e martes 27, dentro do seu programa: Programa-Congreso-PEN-2016.

Luns 26
20:00 h. Teatro Principal (Rúa da Paz, 9). Acto inaugural. Espectáculo “Ourense Literario”, a cargo da Compañia de Teatro A Panadaría. ­Con Bieito Iglesias, lembranza de: Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.

Martes 27
20:00 h.. Praza de San Martiño. A (Poesía) Milagre do Mundo. Unha idea de Manuel Rivas. Música de Pulpiño Viascón. Olga Novo, Oriana Méndez, Estevo Creus, María do Cebreiro, Dores Tembrás, Xohana Torres, Iolanda Zúñiga, ­Lucía Aldao.

Nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora

DesdeChan da Pólvora logo Sermos Galiza:
Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría.
A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.
A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino.
O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), verá a luz a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.
Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer.
A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación poética e de presentación de libros.
O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez. (…)”

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o sábado 23 e domingo 24

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente, desenvolverán un programa de traballo onde, entre outros actos, o presidente da AELG participará nunha mesa redonda titulada Diálogo de autores arxentinos e galegos, que compartirá con Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA), o luns 25 de abril, ás 18:00 h. Farán unha presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras. Dúas visións desde as dúas beiras do Atlántico. Tamén na súa calidade de presidente sumarase á iniciativa da Fundación Manuel María Manuel María na túa voz, lendo o día 23 de abril poemas do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas no Festival Internacional de Poesía organizado pola FILBA ás 18:00 h.
Pola súa banda, Ledicia Costas, vogal da AELG, participará o domingo 24 ás 16:00 horas no encontro “Pontes literarias sobre o Atlántico”.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o sábado 23 de abril:
17:00 h. Encontro con Domingo Villar. Presentación da súa obra, acompañado por Claudia Piñeiro. No Stand.
18:00 h. Festival Internacional de Poesía. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, que lerá textos de Manuel María. Recinto feiral.
19:00 h. Presentación de Escarlatina. A cociñeira defunta, coa presenza da autora, Ledicia Costas, publicado en Xerais. Stand.
20:00 h. Presentación e proxección de Dúas letras, de Fina Casalderrey, publicado por Galaxia. No Stand. Participa, xunto á autora, Víctor F. Freixanes.
20:00 h. Compostela Colateral: Ostrácia, lectura performática da obra de Teresa Moure, publicada por Através. Centro Cultural Matienzo (auditorio).

Domingo 24 de abril:
12:00 h. Inauguración da exposición Blanco Amor. La mirada y el deseo. Usina del Arte.
16:00 h. Pontes literarias sobre o Atlántico, con Ledicia Costas. Organizado pola Sociedad de Escritores y Escritoras de Argentina. Sala Faustino Sarmiento (Pavillón branco).
17:00 h. Presentación da tradución ao castelán de Uma Mãe Tão Punk, de Teresa Moure, publicada por Hoja de Lata. Stand.
18:00 h. Festiva Internacional de Poesía. Con Yolanda Castaño e Luís González Tosar. Recinto feiral.
18:00 h. Presentación de Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, publicado en Xerais. Stand.
19:00 h. II Recital A poesía ao servizo da paz: pola paz de Latinoamérica. Con Yolanda Castaño, Luís González Tosar, Manuel Rivas e Antonio Requeni, xunto aos cantautores César Isella, Enrique Llopis e Lorena Lores. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina. Teatro Bambalinas.
20:00 h. Presentación de A que altura está o ceo?, de Jorge Mira, publicado en Alvarellos. Xunto ao autor, participan Alberto Rojo e Henrique Alvarellos. Stand.