Viveiro: actividades destacadas do sábado 12 e domingo 13 na Feira do Libro

O sábado 12 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 12 só en horario de tarde):

Sábado 12
19:30 h. Pregón a cargo de Vanesa Santiago.

Domingo 13
12:30 h. Cantigas e historias musicadas, con Servando Barreiro.
19:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da Libraría Gato Neghro.
20:00 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. No acto estará acompañada por Miguel Sande.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 1

O martes 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. No acto, o autor estará acompañado por Armando Requeixo e Laura Rodríguez.
19:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación do proxecto Contos Estraños, a cargo de Xosé Duncan e Fernando M. Cimadevila. Na carpa das librarías.
19:45 h. Presentación de Conto x conto, de Anxo Moure, publicado por Baía Edicións. Na carpa infantil.
20:00 h. Fran Rei: A galiña azul, no Palco da Música.
20:30 h. Presentación O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicada por Xerais. Con Mercedes Queixas.
20:30 h. Sinatura de Anxo Fariña na Caseta da librería Lume.
21:15 h. Charla arredor de Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño, publicada por Xerais.

Elena Gallego Abad gaña o II Concurso de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas

Discurso no acto de entrega do II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas, por Elena Gallego Abad

“Quixera que as miñas primeiras verbas fosen de agradecemento. Ao xurado deste II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas por concederme esta distinción e, sobre todo, á directiva da Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas por organizar o concurso.
Entendo que a convocatoria dun premio coma este, máis que distinguir un autor ou autora concreto nun momento determinado, como acontece arestora, persegue animar a creación literaria en torno a un mito, unha lenda a do Cabaleiro das Cunchas, intimamente vencellada á tradición xacobea e ao lugar en que nos atopamos. Só se conservamos e potenciamos a nosa historia, as nosas lendas e tradicións, conservaremos a nosa identidade e seremos auténticos.
Os meus parabéns por esta fermosa aposta. O tempo demostrará que, máis alá do nome dos escritores e escritoras que poidamos resultar gañadores ano tras ano, serán os propios relatos que xurdan deste concurso os que o convertan nun certame memorable.
Un autor tan recoñecido como o xaponés Haruki Murakami di, falando de grandes premios literarios, que o tempo fai que se esquezan os nomes dos escritores que os acadan. Pero se as súas obras teñen calidade e cobran vida propia, poden perdurar no tempo.
Ninguén sabe quen deu orixe ao primeiro relato do Cabaleiro das Cunchas, que a tradición se encargou de manter vivo ata os nosos días. Agardo eu a mesma sorte, unha longa vida literaria para os personaxes desta historia que hoxe premian neste acto, e que eu titulei A promesa.
Non pensen vostedes que para min a creación do universo de Lopo de Bouzas, que enche as oito páxinas do relato, deixou de ser un reto importante.
Quixen ser fiel á tradición e recrear a lenda, explicar o feito milagroso polo que a cuncha de vieira se converteu no principal símbolo xacobeo e trasladar a Bouzas uns sucesos que hoxe xustifican a existencia, por exemplo, dunha ruta marítima ata Compostela… Ou a propia presenza dun cabaleiro coa capa cuberta de cunchas de vieira, esculpido nunha das fachadas da catedral de Santiago.
Nestas páxinas quixen crear unha atmosfera que engaiolase ao lector, transportalo con descricións e diálogos áxiles ata un tempo afastado en que os cabaleiros celebraban torneos e as ondas do noso mar se abrían para permitir feitos marabillosos. Estas páxinas permitíronme recrear milagres coma o do Cabaleiro das Cunchas… E así recibir este recoñecemento.
Non quero estenderme máis. Para rematar, expresar de novo o meu sincero agradecemento por este premio, desexando que os meus personaxes, como a Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas, teñan unha longa vida. Moitas grazas.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 7

O xoves 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:30 h. Isidoro Padín Cortegoso asina Opinións verquidas en Facebook, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
19:45 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais, acompañada por Ledicia Costas. Ao remate, sinatura de libros.
20:00 h. Gogue asina exemplares de Floreano, na caseta da Secretaría.
20:30 h. Presentación de Os nenos da varíola, de María Solar, publicado por Galaxia. Xunto á autora, estarán Luisa Martinez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e Francisco Castro.