Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González: “Noutros países existen biografías ‘canónicas’ das figuras senlleiras da nación”

Entrevista de Montse Dopico a Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González en Praza:
Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. É o título da última obra editada por Xerais Crónica, un completo percorrido pola traxectoria vital, política e creativa de Antón e Ramón Villar Ponte escrito polos filólogos e investigadores Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González. Este traballo únese, así, a outros semellantes realizados recentemente -como a biografía sobre Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas ou a de Rosalía feita por María Xesús Lama- para avanzar nun xénero, o biográfico, “aínda moi deficitario”, segundo os dous autores, na nosa cultura.
Porque “que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático”, apuntan. Ademais, no caso dos irmáns Villar Ponte a “inxustiza” era, ao seu ver, especialmente “sangrante”, xa que “o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental”. Os dous responderon por correo electrónico as preguntas de Praza sobre Común temos a patria.
– Praza (P): Por que decidides facer esta biografía dobre, dos dous irmáns?
– Xurxo Martínez González: Temos falado moito arredor dos Villar Ponte, tanto da súa relevancia no período de preguerra -non sempre ben recoñecida- como da existencia dun fondo documental moi amplo e, en boa parte, inédito. Co gallo do centenario das Irmandades da Fala propuxémoslle a Xerais este traballo. Acollérono e estámoslle agradecidos pola aposta que fixeron.
– Emílio Xosé Ínsua: Entre nós seguen faltando biografías de figuras de primeirísima orde, é un xénero aínda moi deficitario, o que non deixa de ser un síntoma (máis) de “anormalidade” da cultura galega. Que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático. No caso dos irmáns Villar Ponte a inxustiza era sangrante, pois o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental. Abordar a biografía dos dous ao mesmo tempo ten unha dupla causalidade: porque formaron un verdadeiro tándem e resultaba imposíbel explicar un sen o outro, por unha banda, e porque a figura de Ramón, por outra, habitualmente menos considerada, atendida e recoñecida que a de seu irmán Antón, merecía esta especie de “restitución igualatoria”. (…)

Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo

Entrevista con Anxo Angueira

Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Anxo Angueira en A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): A comarca de Iria (co monte Meda e cos ríos Ulla e Sar) é protagonista indiscutíbel, ademais, das túas novelas Pensa nao (1999, Premio Xerais) e Iria (2012). Ambas teñen un recendo histórico e épico moi forte, que se combina con moito lirismo no manexo da linguaxe. Vense, ao meu ver, dúas novelas moito máis maduras, ambiciosas e poderosas (quizais por seren menos “sentimentais”) que Bágoas de facer illas (1997, Premio Café Dublín) e A morte de A. (2003). Compartes esta opinión? De cal delas estás a día de hoxe máis satisfeito?
– Anxo Angueira (AA): Si, estou de acordo. Pensa nao e Iria son novelas con anos de documentación e reflexión. Pensa nao foi escrita contra a destrución da miña aldea, do seu pasado, da súa historia. Tratábase de describir unha aldea distinta ás convencións literarias e políticas herdada desde había décadas e que situaban os labregos de costas ós avances técnicos e ó asociacionismo político. Foi apaixonante. A intrahistoria da súa escritura ten implicacións persoais moi fondas, como as cartas familiares da emigración desde fins do XIX, os testemuños orais… e a propia memoria dos traballos e dos días. Era tamén unha homenaxe a Manselle, considerada durante moitos anos a aldea rusa da parroquia, e á II República, ós “americanos” que viron esgazadas as súas vidas no 36: fuxiran á emigración en 1900, regresaron nos anos vinte con cartos e proxectos de modernización e rexeneración e o fascismo botounos de novo a América. En Iria tamén me impliquei moi a fondo. Mentres a escribía entendín ata que punto a paisaxe do Ulla final, enchendo e devalando coas mareas da Arousa e cruzado por dornas e galeóns nas memorias desde a miña aldea, puido condicionar toda a miña escrita literaria. Iria permitiume cumprir un soño: navegar a vela e facer que as dornas e os galeóns volvesen ó meu particular río da vida. Estou moi satisfeito coas dúas. Ademais, elas esíxenme unha terceira con insistencia. Outra novela que peche o meu particular ciclo histórico. A ver se podo estar á altura. (…) Sigue lendo

Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016

xornadas-as-irmandades-da-fala-compostela-1xornadas-as-irmandades-da-fala-compostela-2

Viveiro: mesa de debate sobre Antón Villar Ponte e outros persoeiros das Irmandades

O sábado 8 de outubro, ás 12:00 horas, no Teatro Pastro Díaz (Constanza de Castro, 19), en Viveiro, terá lugar a mesa de debate Protagonistas (I): Antón Villar Ponte, Xohán Vicente Viqueira e Florencio Vaamonde Lores, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Carlos Nuevo Cal.
Relatores:
– Emilio Xosé Ínsua. Antón Villar Ponte (1881-1936): un guieiro xeneroso e esforzado.
Antón Costa. Xohán Vicente Viqueira e o ensino galego.
– Isabel Seoane. A participación de Florencio Vaamonde nas Irmandades da Fala.

ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-1ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-2

Viveiro: actos destacados da Feira do Libro

OFeira do Libro de Viveiro 2016 sábado 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. (14:30 h. no sábado e domingo) e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa, que chegará ao martes 16:

Domingo 14
20:00 h. Paco Rivas presenta Entre o abalo e a zaranda: dicionario léxico do mar, publicado por Edicións do Cumio, e A maruxaina e outras sereas, pola Deputación de Lugo, acompañado polos coautores Otero Regal e Pablo Mosquera.

Luns 15
19:00 h. Farruco Graña presenta O soño de Xoán, publicado por Embora. No acto estará acompañado por Carlos Nuevo Cal.
19:30 h. Alberte Momán asina exemplares de Bosquexos para unha distopía na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participa, xunto ao autor, Belén López.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 4

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz xoves 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Presentación de As terapias da Doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Presentará o acto o editor Francisco Castro e, durante o mesmo, farase unha pequena representación teatral.
19:00 h. Presentación de Foron, somos, publicado en Redelibros. Participan no acto José Estévez, Iria López, Natalia Lema, José Antonio Rodríguez, Oti Campos, Ricardo Souto, Luísa Arias, Matilde Páramo e Asun Blanco.
19:45 h. Presentación de Peixes e Mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Ademais do autor intervirá o editor Víctor Freixanes.
20:00 h. Xosé Tomás asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
20:30 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participan, xunto ao autor, Goretti Sanmartín e Belén López.