Coñécense os gañadores dos Premios da Crítica Galicia 2011

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Baixo o lema Eis o canto eterno dunha terra, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, «que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa  man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre».

Estremas, de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria. O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga.

Jorge Mira, Premio de Investigación. O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por maioría a Jorge Mira por liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo.

Son de Seu, Premio de Música. O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos.

Proxecto Terra, Premio de Iniciativas Culturais. O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao Proxecto Terra iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.

Ángela de la Cruz, Premio de Artes Plásticas e Visuais. O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.

Citizen, de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo Citizen da compañía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.

Vigo, 22 de outubro de 2011

Reseñado nos seguintes medios: Cultura Galega, AGE, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, La Opinión, Atlántico Diario, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, ABC, Certo, Galicia Confidencial e Que pasa na Costa, Galaxia, Baía Edicións, e nos blogs Brétemas (Manuel Bragado) e Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios AELG 2011

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2011, fallados na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010 nas modalidades de:

  • Literatura Infanto-xuvenil: O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.
  • Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás.
  • Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.
  • Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (de Herta Müller).
  • Teatro: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo.
  • Mellor Blog Literario: O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.
  • Narrativa: Todo é silencio, de Manuel Rivas.
  • Poesía: Estremas, de Ana Romaní.
  • Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Institución Cultural que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano foi para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta  as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos  e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
  • E mais o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
  • Recollido en Xornal, Galicia Hoxe, Faro de Vigo, La Opinión, A Nosa Terra, Xerais, Cultura Galega e Fervenzas Literarias.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Santiago: presentación de Estremas, de Ana Romaní

    O xoves 10 de febreiro, ás 20:00 h, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo poemario de Ana Romaní, Estremas, publicado en Galaxia. Xunto á autora participan Carlos Lema e María do Cebreiro.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Ana Romaní: «Escribo contra min»

    Entrevista a Ana Romaní en Galicia Hoxe:
    «A pesar da dureza coa que está concibido -e desenvolvido- Estremas, o final do libro deixa unha fiestra aberta, un lugar de encontro coa utopía e a esperanza. Ana Romaní fala de «reconciliación»: reconciliación co movemento e coa acción. Suspender o tempo e, sobre todo, «suspender o río que nos leva e que non nos dá para pensar»: Paralizar as augas, «e os seus confinamentos». ¿E se o lograse? É dicir: ¡e se lográsemos paralizar as «tramas do sistema»?
    Fronte a esta pregunta, a resposta da poeta é «¿por que non vai ser posible?» e a resposta, recoñece, «pode ser a consecuencia desta idade á que chegamos: pode ser unha nova estación».
    No da idade, Ana Romaní é clara: «o momento é moi duro e a nós cóllenos exhaustos: espero unha renovación na que nós nos seremos xa os protagonistas, pero todos temos un pouco de responsabilidade de non deixar sós aos que veñan detrás».
    A sensación política, subliña, «é de desvalimento, de estar á intemperie, pero de aí necesariamente teñen que saír novas formas de organización: non cuestionamos as causas para acabar reproducindo unha causa igual».

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Ana Romaní: Estremas, «Un libro fóra da correción e da mesura»

    Entrevista a Ana Romaní na web de Galaxia:
    «- Galaxia (G): Sen rodeos, hai neste mundo sitio para os poetas?
    - Ana Romaní (AR): Hainos que atopan o seu sitio neste mundo, hainos que buscan outros mundos e hainos que máis que sitio procuran outro lugar. (…)
    - G: Sei que é un tópico, pero existe a voz poética da muller?
    - AR: A voz poética da muller non, as voces poéticas das mulleres si.
    - G: Como ves o panorama?
    - AR: Exhausto.»

    Chuzame! A Facebook A Twitter