Francisco Rodríguez recibe o Premio Nacional Galiza Cultura

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Francisco Rodríguez: “Non nos podemos contentar cunha cultura galega en guetos, marxinal, atomizada e de leiriñas”. Pode accederse aquí.”

A cultura de base do país homenaxea Francisco Rodríguez como unha “figura imprescindíbel”

Desde Sermos Galiza:
“Hai un Francisco Rodríguez profesor mozo que se rebela contra a ditadura fascista non en nome dunha abstracción cosmopolita, senón dun país concreto, unha nación negada, unha nación anónima na súa infancia de Serantes. “Eu de cativo non ouvía pronunciar o nome do meu país”, evocou na emocionada intervención coa que fechou o acto. Hai un Francisco Rodríguez activista que aterra en Ourense a principios dos 70 do pasado século coa firme determinación de falar galego en toda a parte, custar o que custar, e que contribúe para revitalizar o asociacionismo cultural, a comezar pola Auriense da cidade das Burgas. Hai un Francisco Rodríguez que imparte maxisterio ás súas alumnas e aos seus alumnos, aos que non só lles transmite coñecimentos, senón tamén paixón por unha materia concreta chamada Galiza. Hai un Francisco Rodríguez investigador que resgata da deturpación e da mistificación os clásicos da literatura galega, Curros, Pondal e nomeadamente Rosalía, un dos motores da súa vida (non por acaso é del a primeira tese de doutoramento sobre a autora fundacional da literatura nacional galega). Hai un Francisco Rodríguez político que se nega a aceitar a negación do país e que dedica todos os seus desvelos á construción dun movimento nacionalista galego con capacidade para disputarlle espazos políticos ás organizacións de obediencia estatal.
Todos eses Francisco Rodríguez apareceron no acto de entrega do premio da Fundación Galiza Cultura, un xantar fraternal con máis de trescentos comensais, todas elas persoas con múltiples historias de Francisco Rodríguez que contar, todas elas unidas por un nexo común, o coñecimento dalgún aspecto da biografía do homenaxado e o compromiso pola conquista dunha Galiza distinta, dona de si, non satélite, senón planeta. (…)”

Galiza Cultura premia Francisco Rodríguez polos 50 anos de servizo á cultura galega

Desde Sermos Galiza (foto de María Obelleiro):
“A Federación Galiza Cultura de asociacións culturais anunciou esta segunda feira a concesión do Premio Nacional Galiza Cultura ao profesor, escritor e investigador Francisco Rodríguez, a quen se lle recoñecen os seus cincuenta anos ao servizo da cultura galega. A entrega terá lugar o sábado 22 de abril en Ferrol, cidade natal do premiado.
Entrega, traballo e dedicación foron as palabras máis salientadas e reiteradas na rolda de prensa en que se comunicou o fallo do Premio Nacional Galiza Cultura, que outorga por vez primeira a federación de asociacións culturais homónima e que recaeu en Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes-Ferrol 1945), profesor, escritor e investigador e, sobre todo, traballador, tal e como salientou a presidenta da Federación Galiza Cultura, María Pilar García Negro.
As asociacións culturais que forman parte da Federación decidiron por unanimidade a concesión do premio a Francisco Rodríguez, que o recibirá na súa terra natal, Ferrol, o 22 de abril, nun xantar aberto á participación de quen o desexar. Aliás, máis de trinta entidades adheríronse á adxudicación do recoñecemento ao escritor e estudoso baixo o título “50 anos ao servizo da cultura galega”. O proceso de adhesión, tal e como se informou na rolda de prensa, segue aberta en Galiza Cultura, web en que nos próximos días tamén se activará o formulario de inscrición ao xantar.
Após salientar a unanimidade ao redor do premiado, García Negro ofreceu unha radiografía sobre a cultura que non é de base, “o campo da cultura está por veces moito contaminado de ostentación, de representación clientelar, mesmo caciquil, e estas modalidades que acabo de citar teñen asento, coñecémolas na nosa sociedade”. “Doutra banda, observamos unha importante mingua nos orzamentos destinados á produción cultural por parte dos departamentos correspondentes e, en concreto, por parte dunha consellaría de Cultura que, por certo, non existe de maneira individual como tal, e algo peor aínda, unha falta de vontade e interese político real”, engadiu. (…)
Ao inicio da rolda de prensa, Xosé Manuel Sánchez Rei, vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña) –en cuxo local tivo lugar a presentación do premio-, deu conta das entidades que convocaron o recoñecemento e das que se adheriron.
Convocan: Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), Asociación Cultural Maio Longo (Pontevedra), Asociación Cultural Vagalumes (A Estrada), Sociedade Cultural Medulio (Ferrol), Asociación Cultural A Pomba do Arco (Foz), Agrupación Cultural Francisco Lanza (Ribadeo), Asociación Cultural Auriense (Ourense), Asociación Cultural O Castro (Vigo), Asociación Cultural e Musical Solfa (Compostela), Asociación Cultural Altofalante (Ribeira), Agrupación Cultural O Galo (Compostela) e Universidade Popular de Corcubión.
Adheríronse: Asociación Veciñal Agra do Orzán (A Coruña), Asociación Cultural Alba de Gloria (Soutomaior), Asociación Cultural Almuinha (Marín), Asociación Cultural Arrincadeira (Riotorto), Asociación Veciñal Atochas-Montealto (A Coruña), Agrupación Cultural Avantar (O Carballiño), Asociación Cultural Barbantia (Boiro), Asociación Cultural A Cabana (Moraña), Frente Cultural Canlear (Mos), Asociación Cultural e Veciñal Os Carrilanos (Castrelo de Val), Asociación Veciñal Os Castros (A Coruña), Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (Salvaterra de Miño), Asociación Cultural Correlingua (Compostela), Fato Cultural Daniel Castelao (Pasaia, Euskal Herria). Asociación Cultural A Devesa (Noia), Asociación Cultural Eira Vella (Betanzos), Asociación Cultural LugoPatrimonio (Lugo), Asociación Cultural Lumieira (Carballo), Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros), Colectivo Pensamento e Sementeira (Viveiro), Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó (Poio), Asociación Cultural Rosalía de Castro (Barakaldo, Euskal Herria), Asociación de Mulleres Galegas no Exterior Rosalía de Castro (Madrid, España), Asociación Cultural Roxín Roxal (Paderne), Asociación Cultural As Sobreiras do Ulla (Touro), Asociación Cultural Os Tres Pés (Trabada), Associaçom Cultural Xebra! (Narón) e a Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz).
Aliás, apoian o premio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS‑PG), Confederación Intersindical Galega‑Ensino (CIG‑Ensino), Fundación Galiza Sempre e A Mesa pola Normalización Lingüística.”

“Galiza Cultura pon en valor a actualidade de Pondal cun “acto de vida””

Desde Sermos Galiza:
“Pasadas as 17:00 h. do 7 de marzo decenas de persoas entraban no cemiterio coruñés de Santo Amaro, ao son do Himno do Antigo Reino da Galiza, para conmemoraren a vixencia do legado de Eduardo Pondal no centenario do seu falecemento. Cunha ofrenda floral, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais lembraba que o bardo morría o 8 de marzo de 1917 na cidade da Coruña.
En declaracións a Sermos Galiza, a presidenta da federación, María Pilar García Negro, puxo de manifesto que “a celebración de efemérides nacionais como este caso non son actos funerarios, senón actos de vida vinculados a algo fundamental da nosa condición de humanos, que é a memoria, e non só en termos de homenaxes de vida a todas e todos aqueles que nos precederon na configuración e na representación da nosa nación, da Galiza, senón tamén no que hai de exemplo para o presente e para o futuro”.
En relación a Pondal, García Negro explicou que “as súas palabras non son defuntas, arqueoloxía, senón que manteñen unha vixencia esencial; como se dicía hai cen anos, a redención do pobo galego, e co vocabulario de hoxe, porque necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura, e dispoña hoxe en día de todo o bo, rico e variado que se fai en todas as artes”. Engadiu que os medios, nos distintos soportes, “deben ofrecer unha imaxe do realmente existente na Galiza e non do prefabricado coa intención de que sigamos a ser elementos servos doutra condición, doutra política e doutra ideoloxía española, occidental ou global”. (…)
[Manuel Ferreiro] Puxo de manifesto que as Irmandades “recoñeceron a obra de Pondal e a súa entrega á misión de redención do pobo, coas súas luces e con algunhas sombras, coas súas contradicións e coas lecturas máis ou menos difíciles nas que actualmente nos temos que recoñecer”. “Espero que noutros cen anos outras Irmandades veñan entregar aquí unas flores perante a tumba de Eduardo Pondal e de todos os que viñeron detrás del”, agregou. (…)”

Desde o Pico Sacro volverá soar para toda Galiza o “Alba de Gloria”, o sábado 23 de xullo

DesdeAlba de Gloria 2016 Sermos Galiza:
“A Federación Galiza Cultura, a través das asociacións Vagalumes e O Galo, organiza un ano máis a lectura do “Alba de Gloria” no Pico Sacro, no que xa se converteu nun acto de irmandade entre a natureza a e cultura do país. Así, desde 2011, cando se conmemorou o 125 aniversario do nacemento de Castelao, Galiza Cultura homenaxea a xeración do Seminario de Estudos Galegos que “reparou, visitou e estudou este lugar emblemático”.
“Seguimos a estela de Castelao, quen acudiu en peregrinación até o Pico Sacro no 1925, cando unha ditadura impedía celebrar a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da Patria Galega”, explican desde a organización, que lamenta o desleixo e a falta de recoñecemento da Xunta de Galiza a respeito desta actividade.
Así, cunha volta sobre os pasos físicos e intelectuais de Castelao, as asociacións de base volverán subir até o cumio do Pico Sacro neste 2016. O convidado desta edición será o poeta e estudoso da presenza do Pico Sacro na literatura galega Miro Villar.

O programa
Nun comunicado de imprensa, a Federación Galiza Cultura informa do programa de actividades para o vindeiro sábado. Tratarase dun acto lúdico-reivindicativo aberto a todas as persoas amantes da cultura galega e do país.
12:00 h.: Benvida na chaira da capela do Pico Sacro a cargo do escritor Miro Villar e a continuación subida do último treito deste monte.
13:00 h.: Izado da bandeira polas asociacións culturais Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago. De seguido lectura de Alba de Gloria de Castelao por parte de representantes das A. C. O Galo, Vagalumes, Papaventos, S. Campio e Raiceiros de Vedra. Canto do Himno Nacional e baixada.
14:00 h.: No adro da capela do Pico Sagro actuarán os cantautores Mini e Mero, o gaiteiro Raúl Galego e músicos da comarca da Ulla.
15:00 h.: Xantar en “Casa Mosqueiro”, S. Mamede de Rivadulla. As persoas interesadas poden apuntarse aquí.

Roteiro guiado por Iolanda Aldrei, da asociación A Granxa do Pico Sacro:
16:45 h.: Saída de “Casa Mosqueiro” para a capela de Santiaguiño. Nela falarase do Camiño de Santiago da Ruta da Prata.
* Igrexa de S. Pedro de Vilanova. Ademais do aspecto artístico, tratarase do poder da igrexa e da pequena nobreza rural.
* Área do Muíños. Incidirase na vella economía agraria e na cultura popular.
* Mirador de Guindian. Veremos as tres pontes e a súa integración ou impacto na paisaxe.
* Igrexa de Vedra e palco da música. Tamén se explicará o labor de López Ferreiro que foi o seu párroco antes de ser cóengo na catedral compostelán
* Remataremos nun furancho situado perto da área recreativa de Ximonde.

Quen queira participar nas actividades programadas para o próximo sábado pode facelo na seguinte ligazón.

Outeiro de Rei: 3º Convívio da Cultura Galega

Convivio 2016