Entrevista a Armando Requeixo arredor de Fernando Pérez-Barreiro

Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“O luns día 5 de febreiro a xornalista Patricia Hermida Torrente tivo a xentileza de me entrevistar a propósito da aparición dos Poemas do carricanto, a recolleita lírica da escrita do ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla que preparei para Espiral Maior. A conversa, que reproduzo tras estas liñas, emitiuse en RNE-Radio 5 e, malia a súa brevidade, houbo nela tempo para trazar un breve perfil do intelectual e significar o relevo da súa poesía e o que significa a súa recuperación. Moi agradecido a Patricia Hermida pola súa dedicación e profesionalidade.
A gravación pode escoitarse aquí.”

Ambrose Bierce, Anatole France ou Maupassant tamén se poden ler en galego

Desde Sermos Galiza:
“Desde que en 1985 se creou a Asociación de Tradutores Galegos, o seu proxecto estrela, a Biblioteca Virtual Bivir foi facéndose a cada máis sólido na rede. A estas alturas son máis de cento setenta títulos da literatura universal verquidos ao galego que se poden ler directamente na rede. Son todas obras libres de dereitos que se poden descargar de maneira gratuíta en formato PDF a través da propia web ou doutros proveedores na rede.
O catálogo de Bivir está composto xa por máis de cento setenta títulos entre os que podemos atopar obras singulares mais tamén tradutores e tradutoras de especial relevancia, desde os nomes pioneiros na tradución galega como Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro ou Valentín Arias até figuras da literatura actual que ofrecen as súas versións de obras de referencia.
No amplo catálogo, o papel do tradutor ou tradutora merece destaque e é o que ordena polo alfabeto as distintas entradas. É dicir, o nome de quen traduce leva á obra traducida. Xela Arias a Baudelaire, Valentín Arias a Diderot, Moisés Barcia ou Emilio Pérez a Bierce, Silvia Duarte a Kafka, Saleta Fernández a Rilke, Antón Figueroa a Émile Zola, Ánxela Gracián a Xulio Verne ou Emma Lazaré a Gustave Flaubert ou Guy de Maupassant. A colección sorprende con pezas como a obra de Paul Valéry traducida por Salvador Lorenzana, pseudónimo de Fernández del Riego.
Ademais de María Reimóndez, traductora de profesión, con obras de Skahawat Hussain e Mary Prince, outros escritores galegos aparecen na listaxe como autores de tradución, como Xavier Queipo -tradutor do Ulysses de Joyce que estará pronto nas librarías- achegan a obra de André Thevet ou Rodríguez, Domínguez Alberte a Bécquer ou Baixeras a Boccaccio.”

Falece o tradutor Fernando Pérez-Barreiro

Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931) ven de falecer en Inglaterra, onde residía desde 1963, logo das complicacións dunha repentina e rápida enfermidade. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, viviu a maior parte da súa vida en Londres, aínda que mantendo sempre un estreito contacto con Galicia, onde regresou periodicamente nos últimos anos.

Na capital británica traballou nos Servizos Exteriores da BBC para España, emisora que naquela altura, en pleno franquismo, emitía varias horas en galego. En 1969 converteuse no xefe do servizo de tradutores da Organización Internacional do Café (OIC) e aprendeu chinés, idioma que perfeccionaría na Universidade do Pobo Chinés de Beijing. Tras a súa xubilación continuou mantendo contacto coa OIC así como con outras organizacións internacionais e formou parte do consello asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Igualmente, deu cursos de tradución en universidades de Londres, Lisboa e Granada.
Como tradutor, en 1972 verteu por primeira vez Shakespeare ao galego (Macbeth, Galaxia) e dez anos máis tarde viu a luz en Xerais unha antoloxía ao seu cargo de narrativa curta chinesa (Flores e leña) na que se considera a primeira tradución directa do chinés ao galego. Tamén traduciu varias obras de Lewis Carrol, da que Alicia no país das marabillas (Xerais, 1984) lle valeu o Premio de Tradución do Ministerio de Cultura.

As súas últimas aparicións en público en Galicia foron para recoller a Medalla Castelao 2009 que lle outorgou a Xunta e para intervir xunto a Miguel Barros e Xosé Luis Méndez Ferrín nunha conferencia sobre Ramón Piñeiro, coetáneo seu.

Noticia publicada en Xornal de Galicia