A Coruña: Luísa Villalta e as chaves do tempo

Luísa Villalta e as chaves do tempo é unha actividade organizada pola AELG e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, coa colaboración de Monty4, Deputación da Coruña e Concello da Coruña.

As chaves do tempo quere ser un espazo de re-encontro multidisciplinar co verso, coa prosa, co diálogo atemporal, mais en presente continuo, coa poeta coruñesa Luísa Villalta. Porque queremos ler a Cidade Alta tatuada nos ollos da poeta que máis se representou nela.

SÁBADO 18 DE NOVEMBRO DE 2017
12:00 h.
A CIDADE SOBRE O ESPELLO DO MAR E DO VENTO, CON MARÍA CASAR
A inscrición previa, necesaria e gratuíta, farase en oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, en horario de 09:00 a 14:30 horas, de luns a venres.

Un percorrido polos espazos da cidade da Coruña que Luisa Villalta poetizou nos libros En Concreto e Papagaio ofrécenos a fusión entre poesía e paisaxe que sinala o territorio como xerme da creación. A cidade do vento e do mar que se sabe sempre aí, medrando en ondas que mollan os ollos e lamben as xanelas, faise palabra e debúxase no vento en ceos poboados de nubes. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, actualizando a súa inclusión no inventario dos TERRITORIOS literarios do noso país.
María Casar. Licenciada en Filoloxia Hispánica e en Humanidades. Presidenta da A.C. Ergueitos de Sarria e organizadora dende o ano 2000 do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Coordinadora dos roteiros Fiz Vergara na Xabreira por Santalla de Lóuzara, Sons de Mulleres na cidade de Vigo para Mulheres Nacionalistas Galegas e a concellaría de Igualdade e o roteiro Luisa Villalta na Coruña.

Plano do roteiro:
1. Xardíns Méndez Núñez. Estatua Pardo Bazán.
2. Obelisco.
3. Porta de Ares.
4. Pazo Municipal.
5. Papagaio.
6. Asilo rúa Adelaida Muro. Campo de Marte.
7. Cemiterio de San Amaro.

DESDE O MARTES 21 DE NOVEMBRO DE 2017
MONTY (RÚA PAPAGAIO)
EXPOSICIÓNS

  • O Papagaio: A poesía de Luísa Villalta e as fotografías de Maribel Longueira
  • Eu en nós: Soledad Penalta, Xurxo Gómez-Chao, Julia Ares e Ana Pillado reinterpretan a poesía de En concreto.

VENRES 24 DE NOVEMBRO DE 2017 
20:00 – MONTY (RÚA PAPAGAIO)
CONFERENCIA: A MEMORIA DA CIDADE… DA CORUÑA.  ENTENDER O PASADO, ABORDAR O PRESENTE.
Nesta palestra aportaremos algunhas chaves interpretativas do crecemento urbanístico da nosa cidade no século pasado con José María Cardesín Díaz, profesor na Facultade de Socioloxía da UdC.

VENRES 24 e SÁBADO 25 DE NOVEMBRO DE 2017 
19:00 – 20:00 O MEU NOME É O DA CIDADE ALTA
Un paseo en bicicleta pola Coruña. A poesía de Luísa encherá de luz os espazos da cidade.

SÁBADO 25 DE NOVEMBRO DE 2017 
13:30 REVOLTA LITERARIA 
Para loitar contra o vento de esquecemento ateigado de orgullo percorremos a Cidade coa lectura da obra de Luísa.
A PARTIR DAS 16:00 – MONTY (RÚA PAPAGAIO)
ESCULTURA AO VIVO CON OLALLA FRANCO
18:30 – MONTY (RÚA PAPAGAIO)
CONCERTO PARA UN HOME SÓ 
Eis a música que brota como o río da existencia. Dramatización de textos con Nacho Pena.
19:30 – MONTY (RÚA PAPAGAIO)
RECITAL POÉTICO
@s poetas a recitala… outra vez, sempre o vento dos ventos rodeando este ponto no mundo: Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do reino renacido.

DOMINGO 26 DE NOVEMBRO DE 2017
12:00 – IGREXA DAS CAPUCHINAS (R/ PANADEIRAS)
MÚSICA RESERVADA Grupo Instrumental Siglo XX / Florian Vlashi 

  • “Adagio” (Samuel  BARBER)
  • “Preludio” (P. PEREIRO)
  • “Arte de Fuga” (J. S. BACH)

Con Florian Vlashi e Caroline Bournaud, violín; Arben Llozi, viola, Rediana Lukaçi, violonchelo;  e a palabra de Yolanda Castaño.

LUNS 27 DE NOVEMBRO DE 2017
19:00 – MONTY (RÚA PAPAGAIO)
ENCONTRO C@S AMIG@S, PARA LER, RELER, LEMBRAR…  
Mantedores: Flor Maceiras, Teruca Queiro e Xurxo Souto. Ven ao Monty e poderás percorrer a súa obra, pararte na que máis che guste, saborear, gozar con toda ela…

Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo

A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

O xoves 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, con entrada gratuíta, terá lugar a XVII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda.
Esta edición servirá ademais de como lembranza do tristemente finado Ibán Toxeiro, tamén de homenaze á figura da muller no teatro galego, e así diversas e consagradas actrices representarán obras de microteatro coa muller como figura central. Nesta ocasión contaremos coas seguintes actuacións:
Maggy, por Manuela Valera, de Espello Cóncavo.
Marta, por Uxía Vázquez, de Teatro Proscrito.
La mamma, por por Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.
Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda.
– Entrega do VI premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Flor Maceiras pola súa contribución ao desenvolvemento do teatro amador en Galicia.
– Dirixe e presenta a obra o director Lino Braxe.