Cuestionario Proust: Francisco Álvarez-Koki

DesdeFrancisco Álvarez-Koki o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Álvarez-Koki:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Insistente soñador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me dean o mesmo que eu lles dou.
4.– A súa principal eiva?
– A confianza.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– E difícil contestar, xa que a felicidade é un estado temporal.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non penso niso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un pallaso.
9.– En que país desexaría vivir?
– Non teño un país favorito, onde vivo disfruto.
10.– A súa cor favorita?
– Vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– É difícil contestar, xa que dende Álvaro Cunqueiro pasando por Ferrín ate Ramón Caride temos onde disfrutar.
14.– E na poesía?
– Pasa o memo, xa que dende Rosalίa até Xela Arias temos moi bos poetas.
15.– Un libro?
As aventuras de Said e Sheila.
16.– Un heroe de ficción?
– Os Bolechas.
17.– Unha heroína?
– Puidera ser esa que tes na mente idealizada que nunca coñeciches.
18.– A súa música favorita?
– As bandas de música das nosas vilas.
19.– Na pintura?
– Toda a pintura realista.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os nosos vellos que nos ensinaron tanto, especialmente as mulleres.
21.– O seu nome favorito?
– Lola, o da miña muller, e Breogán, o do meu fillo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mesquindade, a envexa.
23.– O que máis odia?
– Non sei o que é iso.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os Reis Católicos.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro ningún feito militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da maxia, para facer feliz a moita xente.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– A verdade é que nunca penso na morte.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sempre estou contento.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Somos humanos, polo tanto tempo e paciencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Ser útil.”

Salvaterra: 28 edición do Festival de Poesia do Condado, Escrever nas margens, o 5 e 6 de setembro

cartaz_festival2014_PANTprograma_web

Nova York: Homenaxe a Rosalía de Castro e á emigración galega

O martes 5 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro e a emigración galega, organizada polo Colectivo Celso Emilio Ferreiro na 239 West, 14º Street, de Nova York, en conmemoración do 150º aniversario dos Cantares galegos. Falarán: Arturo Conde, Claudio Rodríguez Fer e Francisco Álvarez Koki.

Nova York: coloquio coa participación de Francisco Álvarez-Koki

O venres 27 de setembro, de 18:00 a 19:30 (hora local), na Mid-Manhattan Library de Nova York, terá lugar o coloquio Tres autores, un mundo, coa participación de Francisco Álvarez-Koki, Jacqueline Donado e Teresa Nasarre Abizanda, cuxas obras están relacionadas coa cidade estadounidense.

Vivir un soño repetido. Libro homenaxe da AELG a Lois Pereiro

Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas, Vivir un soño repetido. Os participantes son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar.

As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (incluíndo versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.

Da conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.

Para visualizar o libro no computador recomendamos o software gratuíto Calibre, que se pode descargar aquí.

Reseñado en Culturagalega.org e Fervenzas Literarias.