Xosé Neira Vilas: «Del Riego inspiroume a difundir o libro galego»

Entrevista a Xosé Neira Vilas en Faro de Vigo:
«(…) – Faro de Vigo (FdV): Esta correspondencia [Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1959-2007] durou case medio século ¿Cál foi o seu comezo?
- Xosé Neira Vilas (XNV): Pois arrincou en 1954 en Bos Aires. Daquela, dende as Mocidades Galeguistas -das que eu era secretario- entregóuselle a Del Riego un exemplar do seu primeiro libro, Cos ollos do noso espírito, que acababa de ser editado en Arxentina. Del Riego acudira á capital arxentina para dar unha conferencia ese 24 de xullo. A foto da cuberta recolle ese acto ó que tamén acudiron Alonso Ríos ou Suárez Picallo. A nosa relación continuou porque Follas Novas, que creei xunto coa miña dona Anisia Miranda en 1957, funciounou como unha representante de Galaxia en Arxentina. De feito, foi Fernández del Riego quen insinuou, tres anos antes, que máis que accionistas (daquela as accións custaban 1.000 pesetas), Galaxia o que precisaba era unha vía de difusión do libro galego. As coincidencias non rematan aquí, porque volvemos atoparnos en 1972 nun congreso en Vigo sobre Rafael Dieste, e eu fun o último académico que entrou na RAG sendo el presidente. Hai, ademais, unha foto do noso último encontro en Vigo, un ano antes do seu pasamento e seis meses antes do de Anisia.
- FdV: Ademais de falaren das cuestións relativas ás dúas editorias, ¿qué outro contido teñen estas misivas?
- XNV: Intercambiamos ideas, falamos da censura e daqueles libros que non se podían publicar. Lembro que, nunha delas, Del Riego propón que eliminemos as dedicatorias dos libros por se non pasan a criba. Dende alén mar, eu enviáballe libros que naqueles últimos anos da dictadura aínda non se podían conseguir en España, como obras de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus.
- FdV: ¿Del Riego foi unha fonte de inspiración para personaxes como Balbino ou Sara, a protagonista de Querido Tomás?
- XNV: Pois non, pero Del Riego e Balbino están conectados. Hai dous anos, no Congreso Internacional do Ibby en Santiago, confirmouse que Memorias dun neno labrego foi o arranque da literatura infantil en galego. Pero en realidade, a edición sistemática desta literatura iníciase tres anos máis tarde, en 1964, cunha carta que eu lle envío a Del Riego dende a praia de Guanabo, en Cuba, na que lle insisto na necesidade de editar literatura infantil. Posteriormente, indícolle os intereses literarios dos nenos por tramos de idade. A partir de entón, Galaxia colabora coa editorial catalana La Galera para traducir ao noso idioma O abeto valente e O globo de colores. É certo que os nenos xa lían as historias dos irmáns Grimm ou de Andersen, pero é que estas obras adaptáronse par aos nenos, e non se escribiron inicialmente para eles. Esta relación con Balbino vai máis alá, porque Del Riego fixo unha crítica sobre o libro no xornal compostelano La Noche, e dende Cuba envielle 300 exemplares para distribuir en Galicia. É máis, o seu último traballo, que edita Ir Indo, é unha colaboración nunha homenaxe a min e a Balbino.
- FdV: ¿Nunca lle mencionou Del Riego a súa intención de exiliarse debido á dictadura?
- XNV: Non, e iso que perdeu o seu emprego e tivo diversos problemas. Pero gracias á súa colaboración na revista Galicia Emigrante, con entrevistas e noticias do que ocurría a este lado do mar, Del Riego contribuiu moito a reanudar os lazos entre os galegos de aquí e os emigrados, que anos antes se distanciaran debido á política. Del Riego asinaba con dous pseudónimos, Salvador Lorenzana, en referencia á localidade lucense na que naceu, e Cosme Barreiros, pola parroquia de Barreiro, na Mariña lucense.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuscritos: Francisco Fernández del Riego (II)

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuscrito: Francisco Fernández del Riego (Diario de guerra, I)

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Textos da homenaxe a Francisco Fernández del Riego no Pleno extraordinario da Real Academia Galega

Desde Galaxia:
«(…) No plenario extraordinario da Real Academia Galega na Fundación Penzol, en Vigo, tres foron os membros da mesma que interviron loubando a vida e obra de Francisco Fernández del Riego: Ramón Lorenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero. Para ler o texto do primeiro deles, Francisco Fernández del Riego: unha vida construíndo unha nación, premer aquí e o do segundo, Paco del Riego, presidente da Real Academia Galega, nesta ligazón. A intervención do profesor Alonso Montero, ó non estar en soporte papel, non pode ser incorporada.
Logo destes tres relatorios e dunhas palabras do presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos, a escritora Rexina Vega recitou un fermoso poema inédito de Luz Pozo Garza dedicado a don Paco, que fixo para esta ocasión sinalada e que pode lerse aquí. E a seguir Malores Villanueva, a mantedora do acto, puxo voz ó poema da autoría do vello amigo e compañeiro na causa galeguista de Del Riego, Xaime Isla Couto, que traemos tamén aquí.
Como colofón ó emotivo acto léronse un par de parágrafos do libro Cos ollos do noso esprito (1949) sobre a lingua galega que, malia estar escritos hai máis de sesenta anos, aínda teñen plena vixencia:
Tense pedido ao galego que loite, que lexisle, que adeprenda a matinar a condición ou o destiño da criatura humá; que ame, que navegue, que transviva. E o galego, aúpado coa fleisivilidade da historia, responde ao chamamento, pra frecuentar os xéneros máis varios da criación espritual: dende o literario ou a prosa centífica, dende a oratoria ao xornalismo.
Pode, e debe, a fala vernácula, medrar ainda; encher con sangue novo o seu vigor -vella a música, o desiño novo-. Que se non deixe embalsamar; que non consinta o siñolo de trocalo en tesouro de museo. Coa venia dos seus detraitores, e ainda sin a venia, érgase e ande.

Cos ollos do noso esprito, Buenos Aires, Alborada, 1949, p. 151.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo: sesión extraordinaria da Real Academia Galega polo centenario de Francisco Fernández del Riego

O programa de actos é o seguinte:
- 12:00 h. Acollida aos membros da Real Academia Galega e ao público asistente coa actuación do Grupo de gaitas da Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo.
- 12:15 h. Comezo dos actos, actuando como mantedora Malores Villanueva, padroeira da Fundación Penzol:
— Benvida a cargo de Alfonso Zulueta de Haz, Presidente da Fundación Penzol.
— Recepción oficial a cargo de Abel Caballero Álvarez, Alcalde de Vigo.
- 12:30 h. Sesión plenaria pública da Real Academia Galega coa intervención dos académicos Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero. Pechará o acto o Sr. Presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
Remate dos actos coa lectura de textos e Himno galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fernández del Riego, coa mira no porvir

«Curta documental de Illa Bufarda na honra de Francisco Fernández del Riego para a Noite da Edición celebrada en Vigo pola Asociación Galega de Editores e Editoras. Trátase dunha peza audiovisual na que se honra a súa persoa e todo o seu traballo realizado sempre en prol da cultura galega. Con teima, ata os últimos pasos da andaina, sempre tendo na mira o porvir da lingua. Exemplo de defensa da máis valiosa parte dunha herdanza, a defensa constante do noso idioma.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vídeo da homenaxe da Fundación Lois Peña Novo a Francisco Fernández del Riego

Desde Galeguizar Galicia:
«Nunha mañá soleada do mes de febreiro, na Alameda de Vigo, a Fundación Lois Peña Novo convocou un acto para homenaxear a quen fora o seu presidente honorífico, D. Francisco Fernández del Riego, co gallo do seu centenario.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Consenso para que Ferrín continúe na Academia cando menos como numerario

Desde Sermos Galiza:
«Desde que Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara nun correo emitido o día 25 de febreiro a súa vontade de abandonar a Academia, non só como presidente senón tamén como membro numerario, non deixan de sumarse voces para solicitar que un dos nomes claves da nosa historia literaria continúe a ter presenza na institución. Boa parte de académicos e académicas manifestaron publicamente o seu desexo de a Academia non ficar sen un escritor de referencia como é Ferrín. Alén de transmitir o seu apoio ao presidente, algúns dos consultados deixaron ver que a idea de que abandone o edificio de Tabernas sería unha má noticia para a literatura, a cultura e a propia RAG.
En primeiro lugar, foron un grupo de escritores e escritoras os que, a título individual, fixeron público a través das redes, de maneira imediata, o seu desexo de que Ferrín continuara na Academia. Seguiron logo as asociacións profesionais, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o PEN Clube ao se dirixir directamente a Ferrín e solicitarlle que repensase a súa dimisión e o abandono da RAG. A excepcionalidade da decisión tomada polo autor de Con pólvora e magnolias puña nunha situación complexa á Academia ao se tratar dunha figura de indubidábel presenza na nosa literatura e cun claro ascendente nunha parte do panorama literario.
A entrada de Xosé Luís Méndez Ferrín na Academia produciuse tarde, hai apenas doce anos e, dalgunha maneira, foi vista como un chanzo máis no proceso de apertura e modernización da institución que iniciara Francisco Fernández del Riego e continuara Xosé Ramón Barreiro. Singularmente tamén, a proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín estaba asinada por dez académicos, unha circunstancia de novo excepcional, xa que a práctica totalidade das persoas numerarias entran avaladas só por tres persoas. Francisco Fernández Rei, Constantino García, Manuel González, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García-Bodaño poñen a súa rúbrica á agardada entrada o 30 de setembro de 2000 de Xosé Luís Méndez Ferrín como académico. No seu discurso de ingreso, Ferrín destacaba o feito de entrar no ano no que a RAG conmemoraba a Manuel Murguía, o presidente fundacional da institución que el tardaría arredor dunha década en presidir.
Tamén foi un membro de Brais Pinto e amigo de novo de Ferrín o encarregado de darlle resposta no acto solemne da Academia. O lingüista e escritor Ramón Lorenzo recollía o mesmo sentir na súa intervención, o significado de que o escritor atravesase a porta da institución da rúa Tabernas como membro numerario. “Por fin, entra na Real Academia Galega unha das figuras máis excepcionais da cultura galega da segunda metade do século, a quen lle correspondía desde hai moito tempo ocupar un lugar na nosa Institución. Por iso, se en moitos discursos de contestación que se fixeron na Academia se repetiu máis dunha vez que era un día grande e de xúbilo a entrada do novo membro, con moito máis motivo debo repetir en que hoxe é un día grandioso para esta vella Institución”, sinalaba Ramón Lorenzo, naquela sesión na que o mundo da literatura, o mesmo que agora reclama a súa permanencia, aplaudía a entrada de Ferrín na Academia.
Este sábado 9 de Marzo presidirá a entrada doutro membro de Brais Pinto, o escritor Xosé Fernández Ferreiro ingresará co discurso Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, ao que lle dará resposta o tamén xornalista Manuel Rivas, o escritor vivo máis lido da nosa literatura e que precisamente se incorporou á Academia baixo a presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O luns 4 de marzo, na Universidade de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, co seguinte programa:
- 12:00 h. Xardíns do CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á investigación): descubrimento dunha placa ao pé do pradairo plantado en 2010 na súa honra.
Interveñen: Xosé-Henrique Costas (vicerreitor da UVigo), Alfonso Zulueta de Haz (presidente da Fundación Penzol)
- 13:00 h. Mesa redonda: Lembranza e semblanza de D. Paco del Riego no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Interveñen: Camiño Noia (catedrática de Filoloxía Galega da UVigo), Malores Villanueva (profesora de Lingua Galega na UB), Ana Mª Fernández del Riego (irmá de D. Paco), Francisco Domínguez (director da Fundación Penzol)
Organizan: Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Fundación Penzol.
Colaboran: Trabalingua, Comités.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A demisión de Ferrín en once claves: da sombra de nepotismo á guerra polo control da RAG

Desde Sermos Galiza:
«Despois de sumar opinións de distintas partes, de dentro e fóra da Academia, arredor da demisión de Ferrín constrúese un mosaico complexo de argumentos que dan conta do momento convulso da Institución. Através de once puntos tentamos, coa información recadada, achegarmos ás razóns e as claves para interpretar o portazo do escritor ao edificio da coruñesa rúa Tabernas.
- Para a historia, todo foi no Día de Rosalía.
O último acto institucional de Xosé Luís Méndez Ferrín é a conmemoración do Día de Rosalía na Casa da Matanza nos actos organizados pola Fundación Rosalía, a Universidade de Vigo máis a propia Academia. Varias persoas que compartiron con el a xornada aseguran que nada facía indicar que o presidente tiña vontade de demitir nas seguintes horas. A carta foi enviada polo secretario no día 25, mais a súa sinatura é do propio día 24, unha xornada de especial relevancia no calendario das Letras, data que quedará tamén marcada na biografía literaria de Ferrín.
- Dúas entrevistas tensionan fóra de Tabernas.
A tensión que nos últimos meses se viviu dentro do edificio da rúa Tabernas apenas traspasou os seus muros. Sábíase do desencontro, mais ningunha persoa con posto numerario na Academia fixera até entón declaración pública algunha. Porén, dúas entrevistas trasladaron máis alá das portas da sede da institución os problemas que latexaban dentro. A primeira, a do propio Ferrín con Kiko Novoa na RG. Os silencios e o malestar de Ferrín deixábanse ver nunha conversa que rolou polas redes sociais. A segunda, en La Voz de Galicia, o propio día que se fai pública a demisión, cando, desde a mañá as declaracións do secretario Xosé Luís Axeitos acenderon a mecha da mañá máis tensa que se lembra na Academia. Axeitos puña a mira noutras dúas institucións, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega para os acusar de control da Academia e de presións para que se retirara o recurso contra o decreto do bilingüísmo.
- Acusacións a un Instituto da Lingua Galega que Ferrín apoiou.
O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, pon no seu albo o ILG e o CCG para explicar a tensión que logo desembocaría na demisión de Ferrín. Os membros do ILG son o colectivo mellor representado na Academia e todas as persoas máis destacadas da súa historia teñen cadeira en Tabernas. Aliás, é no mandato de Ferrín cando a súa presenza se reforza aínda máis. Na directiva sitúa dúas persoas do grupo lingüista de Santiago, Manuel González -máis vencellado ao Ramón Piñeiro, pero no ILG na súa orixe- máis Francisco Fernández Rei. Aos dous, como membros da executiva, Ferrín agradécelle o seu servizo e a súa entrega na carta. Alén diso, nos tres anos de presidencia de Ferrín, entran na Academia dous numerarios máis de ampla traxectoria e grande influencia no Instituto: Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira. Na Academia están tamén Antón Santamarina, Rosario Álvarez e Ramón Lourenzo, até agora amigo persoal do presidente con quen fixera parte do grupo Brais Pinto.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz Fierros, Andrés Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Vítor Freixanes e Ramón Villares -presidente- son os membros do Consello da Cultura Galega que teñen cadeira en Tabernas. Rosario Álvarez pertence a un e outra institución aínda que ven de deixar o seu cargo como directora do ILG. A uns e outros diríxense as acusacións de Axeitos, sen dúbida, un poder dentro da Academia.
- Onde están os lingüístas da Coruña?
Contra esta situación, silencio a berros foi sempre o feito de non ter entrado na Academia ningunha persoa relacionada coa Facultade de Filoloxía da Coruña, grupo defensor no seu tempo da normativa de mínimos. A maior relación que este grupo chegou a ter coa institución foi teren elaborado o proxecto para a reforma da normativa que se levou dúas veces a pleno. A primeira, no tempo de Fernández del Riego, fora rexeitada para logo, despois dunha pequena modificación, superar a votación de Tabernas. Daquela, filólogos como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Manuel Ferreiro tiveron un papel destacado na comisión partillada con membros do ILG. Os filólogos da Coruña non só nunca entraron senón tampouco foron propostos como candidatos. Sen terciar pregunta, este feito sae na conversa das partes. Tampouco a Universidade de Vigo conta con presenza na institución.
- A carta: di moito e cala máis.
Con catro parágrafos e unha despedida, Xosé Luís Méndez Ferrín puña o ramo á súa xestión diante da Academia. Contra as explicacións que nese mesmo día a súa man dereita, Xosé Luís Axeitos, deitaba no xornal de Sabón, Ferrín non vai dar datos nin facer explicacións arredor das polémicas en que nos últimos meses se viu envolvido. Porén, dous elementos van confirmar a versión de Axeitos. En primeiro lugar, a carta está enviada polo propio secretario despois de saír a súa entrevista e a el se refire con especial atención Ferrín, agradecendo a súa colaboración con agarimo. En segundo lugar, o presidente alude directamente a “académicos e académicas unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. A elas responsabiliza da súa marcha, o que tamén agradece. A carta de Ferrín evidencia certa liberación por poñer fin a unha etapa que, segundo fontes próximas, foi especialmente dura no persoal para el coa imaxe danada por acusacións de nepostismo e o que considera traición dalgúns bos amigos cos que compartía xuntanzas na Academia.
- «Onde non debo estar os poucos días que me resten de vida”.
O que está considerado un dos maiores escritores da nosa literatura contemporánea deixará de ter presenza na Academia Galega. Ferrín non só demite do seu cargo de presidente, senón tamén renuncia a ser numerario, posto que os estatutos contemplan como vitalicio. O escritor transmite, con esta frase, o cansanzo e o irrespirábel da súa situación en Tabernas. Varias persoas do seu entorno sinalaban a súa vontade de pechar a porta, cun agotamento persoal polas presións dos últimos tempos. Se unha demisión é inusual, un abandono da institución é histórico. Só Jenaro Marinhas del Valhe se atreveu a facer un xesto de igual contundencia coa Academia, en claro sinal de protesta polo trato que a institución estaba a dar a Ricardo Carvalho Calero.
- O que acontece entre-plenos.
O episodio máis abrupto da historia recente da Academia Galega virá marcado por dous plenos. Varias fontes informan da tensión vivida no último celebrado, cando varios membros pediron contas económicas da xestión dos orzamentos e reclamaron que se dese unha explicación pública ao contrato de familiares na institución. As distintas fontes relatan o momento de desigual maneira, por unha parte, explican a dinámica da Academia de non presentar no plenario as contas do exercicio, contra o que se recolle nos Estatutos, pola outra, aseguran que o ton foi intimidatorio e evidenciaba sospeitas sobre a xestión dos cartos da institución. O que si confirman ambas partes é que o pleno foi tenso e xa non permitía moita volta atrás. A executiva tería que explicar o destino dos orzamentos no próximo pleno, que agora quedará focalizado nun punto novo e de especial atención: a aceptación da dimisión e renuncia de Ferrín.
- O caso do coche e os fillos.
Mais son, sen dúbida, o contrato de fillos de membros da executiva e a cesión por parte da Consellaría de Presidencia dun Audi á Academia os feitos dos que Ferrín ten difícil fuxir no entramado que se creou arredor da súa demisión. O presidente nunca quixo explicar as razóns de que na Academia entraran a traballar a súa filla e o compañeiro desta nin que na institución tivesen relación laboral -xa anterior a súa entrada- o fillo de seu secretario Axeitos e o fillo e o cuñado do tesoureiro Manuel González. Ferrín deu o silencio por resposta cada vez que se lle preguntou polo tema, de maneira especial, en medios vencellados á dereita, con amplas reportaxes no ABC. Para algún membros da parte á que agora se dirixe o presidente, Ferrín tiña obriga de aclarar a situación dando algunha razón que puxera freo á acusación de nepotismo que lixou a imaxe da institución. Na recente entrevista da Radio Galega, un Ferrín notabelmente incomodado repetía que non ía facer comentarios do contrato dos seus familiares ao tempo que afirmaba que o Audi era “de Rueda”.
- Como respira o entorno do PP?
Nunha situación de crise absoluta e grave enfrontamento cos distintos sectores da Cultura, o PP no goberno da Xunta quixo en todo momento botar man das institucións e organismos culturais para gañar a batalla ás acusacións de estaren contra a cultura galega. As fotos do presidente da Xunta ou algún dos cargos do seu goberno en actos oficiais foron, nos últimos anos, comúns. O propio Ferrín recoñecía na RG a súa boa sintonía co Presidente e máis con distintos cargos do goberno. Que Ferrín só levantara a lebre dos orzamentos da Academia unha vez pasadas as eleccións foi tamén criticado no mundo da cultura. A entrega por parte de La Voz de Galicia do seu premio ao presidente da Real Academia Galega mudou, por outra banda, a liña que o xornal de máis difusión no país manteu sempre arredor do escritor.
Porén, o secreto a voces do que acontecía na Academia salta a través dun medio españolista e de dereitas como ABC, ariete contra a normalización lingüística. O ABC en distintas reportaxes destapa a acusación de nepotismo e arremete contra a Academia, situando a Ferrín nun momento de especial dificultade na rúa Tabernas. Ao tempo AGE, a formación á que está vinculado Ferrín, militante histórico da FPG, mostrou o seu apoio institucional á Academia mais tampouco se meteu en momento algún nas acusacións que verquían sobre o seu presidente e persoa coa que compartiran a campaña política.
- Apuntan cara o grupo relacionado con Galaxia.
Unha persoa relacionada coa Academia, a respecto da dimisión, comentaba, “isto vén de Galaxia”. A explicación, que podería semellar fóra de lugar quería dar conta dun grupo que emerxe con forza e que se articula especialmente arredor de Vítor Freixanes -director da Editorial Galaxia- e de Ramón Villares -presidente do CCG-, ambos membros destacados do CCG e “tandem” persoal e cultural. Cara á eles diríxense algunhas das olladas que comezan a poñer nomes ao relevo de Ferrín, home, por outra parte, vinculado a Xerais.
- O recurso contra o Decreto do plurigüísmo salta a primeiro plano.
Se o caso do coche e os fillos estaba nos faladoiros desde hai meses, é Axeitos quen fai saltar a primeiro plano unha posíbel tensión e presións co fin de a Academia retirar o recurso presentado contra o Decreto de Plurilingüísmo da Xunta. Certo é que o paso adiante da Academia tivo especial relevancia á hora de manifestar a oposición tamén institucional ao texto legal do goberno de Feijóo e é por esa razón pola que, de onte para hoxe, boa parte do debate foi recaer precisamente sobre este tema. Entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística esixiu tanto ao Consello da Cultura Galega como ao ILG que desmintan ao secretario da Academia e, de non facelo, pedirán tamén a demisión debido á gravidade das acusacións.»

Chuzame! A Facebook A Twitter