Francisco Javier Fernández Davila gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz

Desde La Voz de Galicia:
“Un vello mariñeiro, no solpor da súa vida, sente a necesidade de relatar uns episodios decisivos que viviu na súa mocidade. Unha serie de acontecementos que se remontan aos anos da Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, cando en Vigo confluíron algúns sucesos que, malia o seu carácter clandestino, tiveron un impacto histórico considerable. Este é o argumento que propón A senda de sal, a obra gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que se fallou no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre nas instalacións do xornal. O seu autor é Francisco Javier Fernández Davila, enxeñeiro de profesión quen se estrea na novela con esta obra.
A senda de sal arranca co encontro entre este mariño e unha muller, a quen o home elixe para rescatar da memoria máis distante e relatarlle aqueles feitos nos que, aínda sendo case un neno, tivo unha participación crucial. Porque aquel rapaz, forzado pola ausencia do pai por mor da guerra, tivo que facerse cargo do barco familiar. Axiña as tarefas habituais da pesca empezarán a dar paso a outros transportes que de xeito soterrado afectarán a moitas vidas marcadas polo devir da Guerra Civil. A novela ambiéntase na costa sur de Galicia, onde a cidade de Vigo ten un papel destacado, xa que neses anos confluíron nela representantes dos dous bandos que pouco despois haberían de enfrontarse na seguinte contenda bélica de alcance mundial: aliados e nazis.
O autor da novela recibirá un premio de 10.000 euros e a súa obra aparecerá no xornal durante todo o mes de agosto, tanto na edición en papel como na web do diario. Cada un dos 31 capítulos estará ilustrado por Juan Carlos Abraldes. Esta edición do galardón que organiza La Voz coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés foi das máis altas no tocante á participación, xa que se recibiron 19 orixinais. Co gallo da celebración do 135 aniversario do diario as bases introduciron como valor positivo unha achega literaria de corte histórico, proposta á que a novela gañadora se adaptou de xeito cumprido.
No seu discurso, Fernández Davila agradeceu ao premio a motivación para «saír dos números e entrar nas letras» e destacou o papel de xornal como difusor cultural en tempos nos que «semella que o feito de escoitar está devaluado». (…)”

Acta da reunión do xurado dos Premios da X edición do Certame Literario Terras do Chamoso