A Coruña: XXI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro (XX Aniversario do Grupo de Teatro da ACAB)

A Coruña: “A doután. Xornadas surrealistas”

O venres 27 e sábado 28, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terán lugar as Xornadas surrealistas A doután, co gallo da presentación da exposición “A vida dende o outro lado: O surrealismo galego-portugués”, prevista para febreiro-marzo do 2019, na Coruña. Organizan e coordinan: Tono Galán e Xoán Abeleira, co apoio da Concellería de Cultura da Coruña e a Fundación Luís Seoane.
Dentro das súas actividades destacamos as seguintes propostas literarias:

Venres 27
18:00 h. Relatorio de soños. Onilirismo, falando abertamente cos ollos pechados.
19:30 h. Creacións poético-musicais de João Sousa.
20:00 h. Posta en común do libro O pronunciábel dia da súa morte, de Xesús González Gómez (verbo da recepción na Península Ibérica da noticia do pasamento de André Breton) e outras diversas publicacións do Grupo Surrealista Galego.

Sábado 28
18:00 h. ¨A lingua das pedras¨, faladoiro verbo do amor tolo polas pedras no xamanismo, no celtismo, no romanticismo, no simbolismo e no surrealismo. Coios e coídos como plataformas cara ó outro lado. Mostra de pedras intervidas a doután por divers@s convidad@s.
19:30 h. Liberdade poética, liberdade de acción.

A Coruña: Conversas con Correa Corredoira. Mesa redonda co artista

O xoves 9 de marzo, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terá lugar a mesa redonda Días pintados, tempos de escrita, con motivo da celebración da exposición Correa Corredoira. Os días pintados. Intervirán Miguel Anxo Fernán-Vello, Lino Braxe e Ánxeles Penas.

A Coruña: festa-presentación de Nierikate, de Xoán Abeleira

O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terá lugar unha festa poético-musical arredor de Nierikate, obra que recolle traducións para o galego de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao autor, Silvia Longueira, François Davo, Begoña Paz, Manuel Rivas, Pedro Casteleiro, Blanca Silva e Lino Braxe, entre outras persoas.

Crónica videográfica da conferencia de Pere Gimferrer, Escritor Galego Universal 2016, o 13 de maio, na Coruña

OPere Gimferrer venres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Fundación Luís Seoane da Coruña, Pere Gimferrer, Escritor Galego Universal 2016, ofreceu unha conferencia acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Eduard Velasco, escritor e tradutor, quen repasou a traxectoria do autor catalán.

Esta é a crónica videográfica do acto, onde se recollen as intervencións:
– Presentación da conferencia de Pere Gimferrer por parte de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG.

– Introdución á obra de Pere Gimferrer por parte de Eduard Velasco.

Conferencia de Pere Gimferrer.

Obras gañadoras da I Gala do Libro Galego

GalaDoLibro 14-05-2016A I Gala do Libro Galego tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego.

A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:

Ensaio
Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.

Tradución
Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.

Proxecto literario na rede
Poétic@, de Fran Alonso.
Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.

Literatura infantil e xuvenil
O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector.

Iniciativa bibliográfica
Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
Espazo Lectura.
Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.

Libro ilustrado
Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración

Teatro
Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais.
Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.

Xornalismo Cultural
Sermos Galiza.
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.

Narrativa
O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.

Poesía
oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela; a Asociación de Editores Galegos premiou a Editorial Laiovento e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer.

A Gala, presentada polo xornalista e escritor Camilo Franco, contou coa actuación musical do grupo de teatro musical Áureas.

Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e coa colaboración da Fundación Luís Seoane.

I Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio en Compostela

GalaDoLibroGalego2016Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.

Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.

Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:

18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.

No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.

Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:

  1. Obra de ensaio
  2. Obra de narrativa
  3. Obra infantil e xuvenil
  4. Libro ilustrado
  5. Iniciativa bibliográfica
  6. Obra traducida
  7. Libro de poesía
  8. Libro de teatro
  9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
  10. Proxecto literario na rede
  11. Xornalismo cultural
  12. Escritor galego universal
  13. Premio honorífico á libraría
  14. Premio honorífico á editora

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.

O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.

Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016 Sigue lendo

Escritor Galego Universal 2016: Pere Gimferrer, actos para o venres 13 e sábado 14 de maio

CoPere Gimferrer Premio Escritor Galego Universal, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga e Luiz Ruffato, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.

Nesta edición, o premio será entregado a Pere Gimferrer pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no marco da Gala do Libro Galego, que esta entidade coorganiza xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores e que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Pere Gimferrer, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir.

O venres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Fundación Luís Seoane da Coruña ofrecerá unha conferencia (entrada libre até completar aforo), na que estará acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Eduard Velasco, escritor e tradutor, quen repasará a traxectoria do autor catalán.

Pere Gimferrer recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela

Pere Gimferrer (Barcelona, 1945) é poeta, narrador e ensaísta. Membro da Real Academia Española e da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona. A súa obra desenvolveuse en catalán, castelán, francés e italiano.

Iniciou a súa obra en castelán con Mensaje del tetrarca (1963), mais foi o seu poemario Arde el mar (1966) o que lle valeu o Premio Nacional de Poesía e o deu a coñecer como o gran poeta que marcou un cambio de época na poesía española. Despois de La muerte en Beverly Hills (1969), xa en 1970, inicia a súa produción poética en catalán con Els miralls (1970), ao que seguiron títulos como L’espai desert (1977), El vendaval (1988), Mascarada (1996), El diamant dins l’aigua (2001) ou os máis recentes —despois de trece anos de produción poética en castelán— El castell de la puresa (2014) e Marinejant (2015).

Como narrador publicou en 1983 a novela Fortuny, que lle valeu o Premio Ramon Llull de Novela e mais o Premio da Crítica de Narrativa Catalá. Tamén destaca o seu Dietari, que reúne prosas escritas entre 1979 e 1982.

A súa produción ensaística céntrase, principalmente, na obra de poetas como J. V. Foix, Octavio Paz ou Vicente Aleixandre (La poesia de J. V. Foix, 1974; Lecturas de Octavio Paz, 1983; Perfil de Vicente Aleixandre, 1986), na de artistas como Antoni Tàpies e Joan Miró (Antoni Tàpies i l’esperit català, 1974; Les arrels de Miró, 1993) e nas relacións entre o cinema e a literatura (Cine y literatura, 1985).

Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.