A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12:30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.
O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista” e que “recentemente” vén de levar a cabo “importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica” da Casa-Museo.
Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a “personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura”. Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, “nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior”. Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica ‘Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies’ e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas. (…)”

Premios Pedrón para Carmen Mejía e o coro Cántigas da Terra

Desde Sermos Galiza:
“O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia “Literatura e Identidade na península Ibérica”. As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Baldomero Iglesias, “Mero”, e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12:30 horas.”

Miguel Anxo Murado, Pedrón de Honra 2015

DesdeMiguel Anxo Murado Galaxia:
“O escritor e xornalista Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) vén de ser recoñecido co Pedrón de Honra, premio que anualmente concede a Fundación Pedrón de Ouro e que se entrega na vila de Padrón, na casa da Matanza, onde viviu os seus derradeiros anos a escritora Rosalía de Castro. A entrega deste ano está convocada para o próximo 31 de maio.
O Premio Pedrón de Ouro, que distingue cada ano unha institución ou persoa que se teña salientado a prol da cultura galega, concedéuselle nesta ocasión aos compañeiros de editorial Laiovento, polo seu labor editorial. O Premio de Honra distingue unha figura residente fóra de Galicia, con méritos semellantes á anterior. Miguel Anxo Murado é un dos nosos xornalistas e escritores máis celebrados. (…)”