Ames: actos conmemorativos do Día das Letras Galegas

Desde Galicia Hoxe:
«O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto pola escritora amesá, Mariña Pérez Rei, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba. (…)
Na terceira e última categoría de narrativa, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o compostelán Mario Caneiro Ameneiros coa peza Un bolso «chic». (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Helena Villar: «A industria cultural é das máis produtivas»

Entrevista a Helena Villar en Galicia Hoxe:
«(…) – Galicia Hoxe (GH): A literatura infantil é unha especie de segunda división na literatura? Ou ten unha dificultade particular? Fáleme un pouco dela…
- Helena Villar (HV): Tamén aí cheguei por ter unha nena e un neno a quen quería transmitir a lingua na situación de maior normalidade posible. As lecturas, os rituais dos xogos e as cancións eran unha ferramenta da que o idioma daquela carecía no nivel de cultura máis urbana que lles tocaba vivir. Houbo, xa que logo, que crear para eles. Seu pai e mais eu fixemos O libro de María. Logo pedíronnos colaboración para o concurso musical Cantareliña e mesmo o libro para editalo. Xa iniciado un camiño é doado andar por el. E a literatura para a infancia ten moito engado porque nos permite ver o mundo desde outra perspectiva.
- GH: Cre que hai que investir máis en cultura?
- HV: A cultura está demostrado que rende incluso economicamente. A industria cultural é das máis produtivas. Dígoo para a xente que pensa en termos económicos, sempre a máis difícil de convencer dos valores do gozo e transmisión do patrimonio máis humano. Se me preguntas se estou conforme co que se inviste en cultura, diríache que non. Sempre me parecería pouco.
- GH: Pensa que este goberno o está facendo ben en temas como o da lingua?
- HV: Toda promoción e dignificación da lingua propia sería pouca. Perdéronse decadas que oxalá sexan recuperables. E mentres tanto foron medrando as mentiras da imposición do galego, da extinción do castelán e, sobre todo, da «inmersión» como un perigo, cando non é máis que un procedemento de aprendizaxe. As familias que envían os fillos ao estranxeiro mándanos directamente a unha inmersión, mais parece que non o saben.
- GH: E a Rosalía? Como tratan a Rosalía?
- HV: A Fundación Rosalía de Castro tiña que ter un estatus especial dentro das Fundacións de Galicia. Mentres isto non suceda, ten un problema económico moi serio, pois manter a Casa aberta e o xardín coidado custa. Rosalía non percibe dereitos de autora e a Casa non pode subsistir de seu. Non obstante, percibo na sociedade un movemento de recuperación de Rosalía como ben colectivo e como símbolo de Galicia. Espero que mellore a situación económica e que aumenten os ingresos tanto institucionais como privados. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Juan Luís Blanco Valdés gaña o XVI Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

«Unha serie de catro artigos publicados por Juan Luís Blanco Valdés no xornal Galicia Hoxe recibiu o recoñecemento do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa XVI edición. Entre os aspectos valorados polo xurado destacan «a calidade literaria, o uso do léxico e o sentido do humor» de Blanco Valdés, así como a achega do escritor a «temas de actualidade dende un coñecemento profundo da cultura popular». Así o fixo constar na súa acta o tribunal presidido por Mercedes Cuiña Puente e reunido o pasado 29 de agosto na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. O acto de entrega do premio será o venres 16 de setembro ás sete da tarde, no marco da XXV Feira do Moble de Galicia. O galardón está dotado con 1.000 euros, talla conmemorativa e diploma acreditativo. Unha vez teña lugar este acto, quedará aberto o prazo de recepción de novos artigos para todos os interesados en participar na vindeira edición deste premio.» Vía Galicia Hoxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre a desaparición da versión impresa de Galicia Hoxe

(A Coruña. 29 de xuño de 2011). A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente a desaparición da versión impresa da cabeceira informativa Galicia Hoxe, que confirma a lenta asfixia á que está a ser sometida a cultura galega e o seu idioma, o que, desta volta, se concreta nun medio de comunicación, acalando a súa voz, o que vén restar luz ao discurso plural e en lingua propia de Galicia que a cidadanía precisa e demanda, nun modelo verdadeiramente democrático e respectuoso coa identidade de seu.
En Galicia Hoxe recoñecemos un traballo progresivo e continuado de apoio aos escritores e escritoras en lingua galega, á estrea das súas obras e mais á translación á sociedade da súa actividade cultural, do seu pensamento crítico a respecto das cuestións que afectan á nosa realidade cultural e social. Sobranceamos, en especial, o omnipresente apoio aos novos escritores, sempre necesitados de páxinas que visualicen e reforcen a comunicación entre o oficio da escrita e o lectorado.
Para alén do fundamental valor informativo, negar o necesario e imprescindíbel apoio dos poderes públicos a un medio de comunicación como Galicia Hoxe, é negar a visualización dos escritores e escritoras de noso, creadores de idioma e no idioma propio e oficial por vontade propia e comprometida. Cómpre salientarmos publicacións como Lecer ou Revista das Letras, con vinte anos de existencia fecunda esta última, alicerces sólidos en que chantar a luz dunha nova xeración de creadores, de poetas que estaban inéditos, ademais de contribuír para consolidalos e conseguiren presenza pública.
A desaparición de Vieiros, A Nosa Terra en papel, A Peneira, Gznación, e agora Galicia Hoxe, poñen de manifesto o continuo baleirado de contidos daquelas encomendas do Estatuto de Autonomía que lle dan a súa razón de ser á existencia dun goberno galego, a respecto daquelas funcións de protección e potenciamento do emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, ademais de provocar o acrecentamento do paro dos profesionais da cultura  tamén no eido informativo.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Paco Martín: «Só se poñen atrancos»

Entrevista a Paco Martín en Galicia Hoxe:
«- Galicia Hoxe (GH): A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi…
- Paco Martín (PM): Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas…
- GH: Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?
- PM: Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei… Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.
- GH: Como contrarrestar iso?
- PM: Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Miro Villar: ‘O naufraxio dos afectos’

Entrevista a Miro Villar en Galicia Hoxe:
‘(…) Ao seu ver, a «mercantilización do mundo literario está a chegar, ao meu pesar, ao mundo da poesía». Exemplifícao con dous escritores que veñen de participar no Litvi, o encontro de literatura de viaxes que se está a celebrar en Compostela. «Que un autor como Antonio Gala teña unha lexión de seguidores máis grande que Julio Llamazares é algo que sorprende. A mercantilización do mundo literario acaba por desvirtuar o feito literario», asegura. (…)
Mais logo de baixar aos infernos dos recordos e das perdas, o poeta reúne esas crebas para volver cunha mensaxe positiva: «cómpre volver á vida». «Todo flúe no libro. Pero logo dunha primeira lectura pensei que podería quedar un pouso melancólico. Por iso quixen facer unha chamada á esperanza, para tratar de combater a derrota da nostalxia. Coma se as crebas cobrasen nova vida. Do mesmo xeito que aqueles que as recollen á beira do mar as utilizan como combustible. Toda creba, ao final, é un refugallo que se reutiliza», explica Villar.
Aínda que a primeira vista, o poemario de Miro Villar está escrito en verso libre, en realidade, son un conxunto de sonetos. «O libro ten un truco: son 31 sonetos brancos en alexandrinos pero dispostos como prosa poética por unha razón estética: quería experimentar co que visualmente é o poema en prosa e demostrar que o soneto ten moita vixencia», explica o autor.
Villar está convencido de que o soneto «está desprestixiado» hoxe en día. De feito, na súa opinión, «se este libro aparecese nas mans do xurado do premio na súa forma orixinaria, seguro que habería algunha razón para non ser premiado», asegura.
Para o escritor de Cee, a clave está en «dotar o soneto de contidos máis acordes coa contemporaneidade, modernizalo porque ten un ritmo propio que neste libro, pola súa disposición, está disimulado pero moita xente xa o observou despois de lelo», apunta o autor de Gameleiros.’

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Portas: ‘O extraordinario do cotián’

Entrevista a Manuel Portas en Galicia Hoxe:
‘En canto ó estilo, respecto á lingua, [Un dedo manchado de tinta] non é moi diferente de Denso recendo a salgado. «É unha lingua moderna, urbana, desruralizada. Temos que ter un estándar de lingua urbana. E creo que este é un esforzo que se está levar á práctica na literatura actual», indicou. Acompaña ó libro un CD do grupo Loaira, cun tema composto para cada un dos personaxes principais da novela.
«Creo que o futuro pasa pola multidisciplinariedade. Xuntar distintas expresións artísticas: literatura, danza, música… Clara Pino fixo as letras a partir da novela, e compuxo tamén a música con Rubén Abel», comentou, por último. (…)
«Creo que a xente non é consciente do mal que se lle está a facer á lingua, indo contra elementos do pacto social básico sobre a lingua, como a lei de normalización ou a toponimia. É lamentable o que está a pasar, e non só pola repercusión directa das medidas que están a supor un retroceso, senón por como van afectar ó prestixio social da lingua», opina.
O actual alcalde da Coruña desafía a lei de toponimia, a Xunta aplica un decreto sobre o uso do galego no ensino «feito en alianza coa ultradereita….».
«A lingua é de todos, e é de todos a obriga de defendela. E mentres no se decaten disto, non imos avanzar. Non vale nin atacala, nin apropiarse dela», reflexionou Portas.’

Chuzame! A Facebook A Twitter