Fran Alonso foi nomeado Director de Xerais

Desde Xerais:
“O Grupo Anaya decidiu nomear con data de hoxe a Fran Alonso Director Editorial de Edicións Xerais de Galicia. Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria profesional no ámbito do xornalismo e pertence ao cadro de persoal de Xerais desde 1992, onde desempeñou diferentes funcións no ámbito editorial. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, e Máster en Promoción da Lectura e Literatura Infantil (2001-2003) pola UCLM. Desde 2001 viña exercendo como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais, ocupándose principalmente da edición literaria. Entre 2006 e 2010, ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editoras e na actualidade pertence á súa Xunta Directiva. Tamén foi un dos membro fundadores da asociación Espazo Lectura en 2008.”

Baixa, por Manuel Bragado

Desde Brétemas:
“Foron moi dificiles os últimos días. A petición propia, onte deixei de ser director de Xerais. Foi unha decisión meditada coa que pretendo volver á escola a comezos do vindeiro curso e continuar colaborando con Xerais e coas outras empresas do Grupo Anaya na súa estratexia de edición en Galicia. Hoxe non podo expresar máis que a miña máis fonda gratitude a todas persoas coas que colaborei neste vinte e oito anos intensos e inesquecibles nos que tiven a fortuna de formar parte do cadro de profesionais de Xerais, ao tempo que ofrezo as miñas desculpas polos erros, probablemente moitos, que puidera ter cometido. Sei que este é un momento de esperanza nun tempo de incerteza. Xaora, sei que está asegurada a continuidade anovada do proxecto editorial de Xerais como piar e líder da edición en lingua galega. Con todos os abrazos para todas as persoas coas comparto azos e esperanzas. Beizón!”

Manuel Bragado causou baixa como Director Xeral de Xerais a petición propia

Desde Xerais:
“Con data de 12 de abril de 2018 Manuel Bragado Rodríguez causou baixa como Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia a petición propia.
Manuel Bragado continuará colaborando coas empresas do Grupo Anaya en Galicia como asesor editorial polo que seguirá vencellado á nova etapa que se abre a partir de agora.
Xerais agradécelle a profunda e comprometida dedicación destes 28 anos desenvolvendo un proxecto editorial que dinamizou e liderou durante 24 anos.
Todo este tempo supuxo un intenso revulsivo para a proxección social da cultura galega a través dos libros e a lectura.”