Elena Gallego Abad gaña o II Concurso de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas

Discurso no acto de entrega do II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas, por Elena Gallego Abad

“Quixera que as miñas primeiras verbas fosen de agradecemento. Ao xurado deste II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas por concederme esta distinción e, sobre todo, á directiva da Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas por organizar o concurso.
Entendo que a convocatoria dun premio coma este, máis que distinguir un autor ou autora concreto nun momento determinado, como acontece arestora, persegue animar a creación literaria en torno a un mito, unha lenda a do Cabaleiro das Cunchas, intimamente vencellada á tradición xacobea e ao lugar en que nos atopamos. Só se conservamos e potenciamos a nosa historia, as nosas lendas e tradicións, conservaremos a nosa identidade e seremos auténticos.
Os meus parabéns por esta fermosa aposta. O tempo demostrará que, máis alá do nome dos escritores e escritoras que poidamos resultar gañadores ano tras ano, serán os propios relatos que xurdan deste concurso os que o convertan nun certame memorable.
Un autor tan recoñecido como o xaponés Haruki Murakami di, falando de grandes premios literarios, que o tempo fai que se esquezan os nomes dos escritores que os acadan. Pero se as súas obras teñen calidade e cobran vida propia, poden perdurar no tempo.
Ninguén sabe quen deu orixe ao primeiro relato do Cabaleiro das Cunchas, que a tradición se encargou de manter vivo ata os nosos días. Agardo eu a mesma sorte, unha longa vida literaria para os personaxes desta historia que hoxe premian neste acto, e que eu titulei A promesa.
Non pensen vostedes que para min a creación do universo de Lopo de Bouzas, que enche as oito páxinas do relato, deixou de ser un reto importante.
Quixen ser fiel á tradición e recrear a lenda, explicar o feito milagroso polo que a cuncha de vieira se converteu no principal símbolo xacobeo e trasladar a Bouzas uns sucesos que hoxe xustifican a existencia, por exemplo, dunha ruta marítima ata Compostela… Ou a propia presenza dun cabaleiro coa capa cuberta de cunchas de vieira, esculpido nunha das fachadas da catedral de Santiago.
Nestas páxinas quixen crear unha atmosfera que engaiolase ao lector, transportalo con descricións e diálogos áxiles ata un tempo afastado en que os cabaleiros celebraban torneos e as ondas do noso mar se abrían para permitir feitos marabillosos. Estas páxinas permitíronme recrear milagres coma o do Cabaleiro das Cunchas… E así recibir este recoñecemento.
Non quero estenderme máis. Para rematar, expresar de novo o meu sincero agradecemento por este premio, desexando que os meus personaxes, como a Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas, teñan unha longa vida. Moitas grazas.”

Texto de Iolanda Zúñiga sobre Terraza, de Fran Alonso, lido na presentación de Vigo

Desde Xerais:
Fran Alonso volve posicionarse, con Terraza, na disidencia, esa trincheira inherente á súa escrita, caracterizada por unha rebeldía a ralentí, infiltrada, abastecida de palabras certeiras, frases destras, versos sobrios e, sobre todo, inzada de reflexións situadas lonxe do adoutrinamento. É unha insubmisión a que practica o autor desas que, mentres nós lemos alleos a estarmos a rentes dun campo de minas, algo que non esperamos implosiona, cara os nosos adentros, cara ás entrañas. E quedamos desabrigados, desarmados, impregnados dunha sensación crúa, que logra esfolarnos e fendernos, abrirnos a carne sen máis remedio que continuar entregándonos á lectura, ao autor, á súa rebeldía, á súa escrita.
De Fran Alonso xa coñecemos a súa vocación de escritor solidario. Desde aquelas crónicas en territorio ocupado, nas que denunciaba a situación dos refuxiados saharahuís nos anos 90; a esa humanidade coa que tratou sempre os males mentais provocados por alienacións varias: cidades, traballos, relacións… todas submisións, en definitiva; pasando polo inconformismo fronte ao vivir indigno, en todas as súas dimensións. De aí que, ademais de escritor solidario, sexa un escritor de rastreo: igual que eses cans de olfacto prodixioso que dan coa caza abatida polas escopetas traizoeiras, el cheira, na distancia, as fisuras das que emana a ruindade das vidas sometidas á rutina. É a elas, á ruindade e á rutina, a quen lles segue o rastro, ata localizalas. E apresalas cos dentes. Escríbeas, despois, coa habilidade do depredador, pero non dese depredador que se nutre da presa para saciar a fame, senón daquel que, ademais, se irmanda con ela, exhíbese xunto a ela. As súas son capturas despoxadas de artificio, pois deixan constancia do noso destino común e irremediable. Talvez sería mellor dicir, entón, que Fran Alonso é un escritor de rescate: coma eses cans áxiles que ladran na tobeira dos accidentados, ata quedar afónicos, coa esperanza de que alguén escoite o seu alboroto e acuda a liberar aos feridos da agonía, e os axude a asomar entre os cascallos. Estes son os personaxes aos que o autor entrega as súas historias: anónimos aos que, sen necesidade de encomialos como heroes, lles recupera a voz. (…)”

Crónica videográfica do XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Teoría de contrarios (II)

ObannerXICicloEscritoras-es_na_Universidade XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Teoría dos contrarios. Arredor de camiños diverxentes non necesariamente excluíntes, tivo lugar do 26 de setembro ao 19 de outubro no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, con entrada libre.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa dos actos, da que destacamos hoxe as intervencións do 5 de outubro, baixo o título Poesía ou performance?

Presentación de Poesía ou performance?. Con Vanessa Glemsel e Nuria Vil.

presentacionPoesía ou performance?. Dos limites difusos entre a poesía e a performance. Con Iolanda Zúñiga e Silvia Penas.

conferencia

Allariz: III Poemagosto. Festival da poesía

14479668_893141170788281_2484684991059979014_n