Barcelona: mesa redonda Recordant Lois Pereiro

O mércores 8 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Guinaró-Mercè Rodoreda (Carrer Camèlias, 76), dentro dos actos de Barcelona Poesia, terá lugar unha mesa redonda baixo o título Recordant Lois Pereiro, con Helena González Fernández, Manuel Rivas e Albert Lladó.

Chuzame! A Facebook A Twitter

As axudas á tradución chegan a 74 proxectos

«O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.» Desde Cultura Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Coñécense os gañadores dos Premios da Edición da Asociación Galega de Editores

Desde a Asociación Galega de Editores:
«O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 9 de marzo en Compostela a VII Noite da Edición de Galicia-Premios Ánxel Casal, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa creación, edición e comercialización. No acto entregáronse os Premios da Edición correspondentes ó ano 2011. O acto tivo lugar no Hotel A Quinta da Auga, e nel participaron destacadas autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Presidido por Manuel Bragado, presidente da AGE, contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, a Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, do gremio de libreiros, o presidente da Associació de Editors en Llengua Catalana, entre outros moitos e moitas representantes de entidades relacionadas co sector. A gala foi conducida pola xornalista Iria Pinheiro. Unha proxección de vídeo, patrocinada por GADIS, e elaborada por Illa Bufarda, lembrou as figuras de Isaac Díaz Pardo e Carlos Casares.

PREMIADOS

- Premio Francisco Fernández del Riego: Xesús Couceiro e a súa emblemática libraría, por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.

Tralas votacións dos membros do xurado, composto por editores, escritores, ilustradores, libreiros e xornalistas, entre outros, resultaron gañadores das cinco categorías contempladas nos Premios da Edición:

- Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais, por ser unha ollada crítica da nosa sociedade, unha visión intelixente sobre como o pasado condiciona o noso presente, o xurado decidiu que o premio de Mención especial do xurado fose para Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, obra destinada ó público xuvenil, pola súa calidade.

- Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011, Obra Gráfica de Conde Corbal, de varios, editado por Nova Galicia Edicións, pola calidade da edición, a posta em valor do autor e a súa obra e a escolla da documentación gráfica. Por solicitude expresa do xurado, Mención para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editada por Biblos, pola estética da linguaxe e por ofrecer unha visión persoal do autor, e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira, editado por Xerais, polo contributo documental e testemuñal a unha faceta pouco coñecida da ditadura franquista.

- Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011, Poesía completa de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais, pola calidade da edición e por tratarse dunha edición literaria fiable e reunir a obra completa do poeta.

- Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano 2011, Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, pola súa contribución ó achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música. Por petición expresa do xurado, unha Mención especial para O Apalpador e a castaña máxica, pola recuperación dunha figura da mitoloxía infantil e a orixinalidade da edición ilustrada. Mención especial tamén para Canto de Nadal, de Charles Dickens, pola gran calidade da edición, así como pola contribución da tradución deste clásico ó corpus galego.

- Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011, Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible.

- Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011, Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editor, pola calidade da ilustración e a súa contextualización. Mención expresa do xurado para o libro Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano, de Edicións Xerais, pola calidade da ilustración e da edición.

- Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011, As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo. Polo seu valor documental e a importante achega ao papel da muller galega na nosa historia contemporánea. Mención expresa do xurado para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Kalandraka, pola escolla dun cadro especialmente necesitado dunha explicación didáctica e polo desenvolvemento pedagóxico e material de edición.

- Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra.

- Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois, de Oqo Editora, pola innovación que conleva e a súa contribución á difusión dos contos para nenos a través doutros soportes.

- Premio Edición Histórica 2012. XXV aniversario de Andavira Editora

O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Coñécense os finalistas dos Premios da Edición

Desde a Asociación Galega de Editores:
«O pasado 10 de febreiro rematou o prazo de entrega das votacións dos editores para os Premios da Edición do ano 2011. Os libros, autores e iniciativas pasarán agora á fase do xurado, integrado por Xosé Manuel Eyré, crítico; Isabel Ares, libreira; Montse Dopico, xornalista; Juan Blanco Valdés; editor; e Mari Luz Corral, bibliotecaria. O día 9 de marzo no Hotel A quinta da auga, en Santiago, e no transcurso da gala da edición, serán feitos públicos os gañadores das distintas categorías, recibindo o tradicional galardón da AGE, consistente nunha peza de prata.

LIBROS FINALISTAS PREMIOS DA EDICIÓN FASE DO XURADO

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN
Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.
Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, editado por Sotelo Blanco.
Extramunde, de Xavier Queipo, editado por Xerais.
Centauros do deserto, de Marcos Calveiro, editado por Rodeira Edebé.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA
Poesía completa de Lois Pereiro, de Lois Pereiro, editado por Xerais.
Bretemada 1917-1922, de Gonzalo López Abente, editado por de Alvarellos Editora.
Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco, editado por Biblos.
O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr, editado por Edicións Barbantesa.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN
Conde Corbal. Obra gráfica, de varios autores, editado por Nova Galicia Edicións.
Guía das libélulas de Galicia, de Miguel Ángel F. Martínez, editado por Baía Edicións.
Loita de clases e represión franquista no mar , de Dionísio Pereira, editado por Xerais.
A guerra civil en Galicia e en España, de Federico Cocho, editado por Xerais.
A novísima dereita, de Manuel M. Barreiro, editado por 2.0 Editora.
Como defenderes os teus dereitos lingüisticos, de Carlos Callón, editado por Xerais.
O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editado por Biblos .
As mulleres na Galicia do século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.
Amigos e sodomitas, de Carlos Callón, editado por Sotelo Blanco Edicións.
Vigo a 80 revolucíóns por minuto, de Emilio Alonso Pimentel, editado por Xerais.

PREMIO LOIS TOBÍO AO LIBRO TRADUCIDO
1Q84 Libros 1, 2, 3, de Haruki Murakami, traducidos por Mona Imai e Gabriel Álvarez, editado por Galaxia.
Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón Gutiérrez Izquierdo, editado por Xerais.
1984, de George Orwel, traducido por Fernando Moreiras, editado por Faktoría K.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO
Un can e un gato, ilustrado por Chené Gómez, editado por OQO Editora.
Lois Pereiro. Breve Encontro, ilustrado por Jacobo Fernández Serrano, editado por Xerais.
Fantasmas de luz, ilustrado por Miguel Anxo Prado, editado por Xerais.
Contos por teléfono, ilustrado por Pablo Otero, editado por Kalandraka Editora.

PREMIO NEIRA VILAS AO LIBRO INFANTIL E XUVENIL
O apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. Otero, editado por Biblos.
Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Galaxia.
Canto de Nadal, de Charles Dickens, editado por Kalandraka Editora.
A caza do gazafello, de Abraham Carreiro e Maties Segura, editado por Sotelo Blanco.
Alba, a princesa das sete coroas, de Amalia Pérez Otero, editado por Ir Indo.
Maxia, de Charo Pita, editado por OQO Editora.
A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, editado por Xerais.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILARELLE AO LIBRO EDUCATIVO
Xeografía de Galicia, de María Xosé Piñeira Mantiñán e Manuel Santos Solla, editado por Xerais.
Isto é Nova York, de Miroslav Sasek, editado por El Patito Editorial.
As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.
Diccionario de Xerais de Primaria, de Manuel Rodríguez Alonso e Xosé Feixó, editado por Xerais.
Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Faktoría K.

PREMIO ROSALÍA CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL
Colección de cociña infantil e familiar, editada por Ouvirmos.
Creación do selo Pulp Books, editada por Rinoceronte Editora.
Transformación de álbums ilustrados en series de animación audiovisual Os contos do camiño e Caracois, realizados por OQO Editora.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR-AUTORA
Xavier Queipo.
Agustín Fernández Paz.
Antón Riveiro Coello.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

«Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
- Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
- Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
- Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
- Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
- Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
- Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
- Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
- Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
- Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
- Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
- Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
- Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
- Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
- Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
- Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
- O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
- O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
- Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
- Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
- Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Camilo Franco: Pereiro, o heterodoxo integrado

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
«Méndez Ferrín sentenzou ao finalizar o Congreso da Real Academia Galega que todos «os anos non podemos ter un Lois Pereiro». A valoración do presidente da RAG explica a circunstancia, coreada desde algúns ámbitos, de que este Día das Letras Galegas saíuse do patrón e levou a celebración a sectores sociais e culturais que permaneceran alleos a ela.
Para o presidente da Academia, as celebracións demostraron a «potencia da cultura galega e súa variedade». Admite Ferrín a singularidade e a versatilidade das actividades celebradas este ano e o atribúe á calidade poética «dunha figura que, como dixo Gimferrer, é unha das grandes da poesía en Europa, conectado ás correntes do seu tempo».
Para Manolo Rivas, compañeiro en algúns dos colectivos poéticos nos que foi incluído o poeta, «a enerxía despregada pola sociedade galega arredor de Pereiro ao longo deste ano demostra non só que a poesía de Lois está moi viva e ten capacidade de conectar coa sociedade agora, tamén explica que hai moita xente disposta a participar e a utilizar a obra de Lois para facer outras cousas». Unha enerxía social que, segundo Rivas, «non vai haber recortes que poidan parala».
Tanto Ferrín como Rivas dan por boa a descrición de Pereiro como heterodoxo e os dous académicos da lingua consideran lóxico o proceder da institución lembrando a un autor pouco académico. Ferrín considera que a RAG non fai «as cousas porque si Pereiro foi unha elección axeitada, como todas as da Academia, aí están os resultados». Para Rivas, o éxito deste ano dedicado a Pereiro demostra que a «Academia está atenta ao que pasa na rúa».
Para o irmán do escritor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, «foi un ano sorprendente, primeiro pola cantidade de actividades e logo pola variedade». Engade o irmán do escritor que hai que ter en conta «a variedade de propostas que foron nacendo arredor da obra de Lois, fosen libros, películas, discos, teatro ou concertos». O periodista explica que a polémica arredor da elección de Pereiro «só demostra o interese que hai polo autor e pola celebración». Para o irmán do poeta, o carácter diverso e pouco académico da súa obra «foi unha das circunstancias decisivas para que este fose como foi». O propio xornalista sinalou na Academia que o Día das Letras «pode elevar ou tombar a un autor». Considera que no caso do seu irmán «non hai perigo do segundo».
Para algúns críticos, a obra de Pereiro «ten solventados os riscos de institucionalización». Explícao Olivia Rodríguez, quen sinala que o proceso de «canonización de Pereiro xa comezou no ano 85 e ao longo deste ano recibiu un pulo definitivo». Explica tamén que a obra «non quedou esgotada neste ano».
Mercedes Queixas pide aproveitar o resultado deste ano para «repensar o canon literario en Galicia e non perder de vista o ensino nin o funcionamento que poidan ter determinadas obras na escola».»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: recital poético Picaversos, con Paco Macías, Iago Martínez e Mario Regueira

O martes 20 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, en homenaxe a Lois PereiroPaco MacíasIago Martínez e Mario Regueira lerán textos do poeta monfortino, co que o público asistente poderá escoitalo na voz deles e gozar, tamén, dalgunha das súas lecturas e músicas favoritas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Congreso Lois Pereiro, do 15 ao 17 de decembro

Entre o xoves 15 e o sábado 17 de decembro, desenvólvese o Congreso Lois Pereiro, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Universidade da Coruña. O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Luís Caparrós Esperante e Manuel Rivas Barrós. A inscrición é gratuíta e pódese formalizar no correo secretaria@realacademiagalega.org. O congreso está recoñecido cun crédito de libre configuración pola Universidade da Coruña. O programa é o seguinte:

XOVES, 15 DE DECEMBRO. Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela).
- 9:30 h. A organización do Congreso pon a disposición dos participantes un autobús para o desprazamento á Cidade da Cultura de Galicia. Saída da Coruña {Porta Real) do autobús con destino a Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia).
- 10:30 h. Entrega de documentación.
- 11:30-12:45 h. Visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia.
- 12:45 h. Inauguración do Congreso Lois Pereiro.
- 13:00 h. Lección inaugural. Pere Gimferrer: Un poeta europeo.
- 16:30-17:00 h. Antón Lopo: A culpa foi de Lou Reed.
- 17:00-17:30 h. María do Cebreiro: Na miña alma e nas alleas. Políticas do desacougo en Rosalía de Castro e Lois Pereiro.
- 17:30-18:00 h. Luis Cochón: Vira a morte e terá os teus ollos. Os derradeiros poemarios de Alexandre Cribeiro e Lois Pereiro.
- 18:00-18:30 h. Arturo Casas: Suxeito estético, suxeito político».
- 18:45 h. Saída do autobús de Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia) con destino á Coruña (Porta Real).

VENRES, 16 DE DECEMBRO Real Academia Galega. A Coruña.
- 10:00-10:30 h. Daniel Salgado: Lois Pereiro, o século curto.
- 10:30-11:00 h. Anxo Angueira: Lois Pereiro lírico.
- 11:00-11:30 h. María Xesús Nogueira: Conversa ultramarina. Epistolario de amor e enfermidade de Lois Pereiro.
- 12:00-12:30 h. Miguel Mato Fondo: Dúas cancións e unha elexía para Lois Pereiro.
- 12:30-13:00 h. Olivia Rodríguez: A recepción crítica de Lois Pereiro.
- 13:00-13:30 h. Coloquio.
- 16:30-17:00 h. José Luís Calvo Vidal: Rimbaud / Pereiro. As belezas do abismo.
- 17:00-17:30 h. Xabier Cordal: Lois Pereiro, a xeración sen rede.
- 17:30-18:00 h. Carlos Gegúndez López: Náufragos do paradiso. Monstruo osimorónico sen ataduras
- 18:15-18:45 h. Antón Patiño: A porta xiratoria.
- 18:45-19:15 h. Mercedes Queixas: Por unha canonización (que non beatificación) da obra pereiriana.
- 19:15-19:45 h. Coloquio.

SÁBADO, 17 DE DECEMBRO. Real Academia Galega. A Coruña.
- 10:00-10:30 h. Manuel Rivas: O compañeiro da noite.
- 10:30-11:00 h. Xosé Manuel Pereiro: Un mundo chamado Lois. Revisando os danos.
- 11:00-11:30 h. X. Manuel Outeiriño: Esteticismo e terribilitá na obra poética de Pereiro.
- 12:00-12:30 h. Luz Pozo: Se queredes amigos, deixade unha flor.
- 12:30-13:15 h. Lección de clausura, por Chus Pato: Da vida e furia necesaria.
- 13:15 h. Clausura e entrega de diplomas.

Desde a páxina oficial de Lois Pereiro. Recollido tamén en Cultura Galega.

Recensións posteriores en La Voz de Galicia (venres 16, sábado 17, domingo 18), La Opinión (venres 16), El País (venres 16), Galiciaé (xoves 15).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Debate, proxección audiovisual e novos libros sobre Lois Pereiro

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa (R/ San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, terá lugar un evento, baixo o título Lembrando a Lois Pereiro, no que participarán Xosé Manuel Pereiro, O Leo, Iago Martínez e Daniel Salgado, moderados por Alberto Ramos. Antes da conversa, está previsto que se proxecte un fragmento da peza artística Corporal (je t’aime), proxecto baseado nunha idea de Antía Otero e Carlos Neira, a partir de poemas de Lois. Desde Cultura Galega.
Esta nova coincide coa saída de dous libros sobre o autor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro. Dicionario de sombras, de Antón Patiño, editado en Espiral Maior, e o catálogo da exposición Quen corta os fíos do soño?, publicado pola Fundación Luís Seoane. Desde a páxina oficial de Lois Pereiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: espectáculo A porta entreaberta ou as balas do desexo, do grupo Ouriol

O mércores 16 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite (Biblioteca do Centro) de Santiago de Compostela, o grupo Ouriol (formado polos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez e a poeta Eva Veiga) representará o espectáculo poético-musical A porta entreaberta ou as balas do desexo, con poemas de Lois Pereiro, que contará tamén coa participación artística na creación de imaxes do pintor Alfonso Costa.

Chuzame! A Facebook A Twitter