Allariz: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 21 de decembro, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Luís Martínez-Risco. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.

Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

“A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
- 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
- 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
- 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html.”

Xosé Manuel González Reboredo gaña o XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

ACTA DO XURADO DO XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.- Valorar o incremento de orixinais presentados, así como a súa calidade científica e ensaística.
2.- Conceder o XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Cando os homes non poden, que axuden os santos e co título Os santos titulares de parroquia en Galiza. Pasado, presente e perspectivas de futuro. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Manuel González Reboredo, domiciliado en Santa María de Biduído-Ames.
Trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza a antigüidade e a singularidade do sistema galego das advocacións parroquiais comparado co de diversas áreas da Península Ibérica. Nesta obra reivindícase a inclusión dos santos titulares das freguesías como patrimonio cultural galego, máis alá dos valores especificamente relixiosos.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 10 de marzo de 2012″

Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.

A Coruña: curso de verán Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal’, de Manuel Rivas, do 11 ao 15 de xullo

O curso Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal‘, de Manuel Rivas, celébrase do luns 11 ao venres 15 de xullo na Reitoría da Universidade da Coruña, Casa Museo Casares Quiroga e Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, organizado pola Universidade da Coruña, a Fundación Vicente Risco e a colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, centrándose na análise da presenza da cidade da Coruña a partir dunha obra literaria, neste caso: Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Como obxectivo final do curso, o alumnado terá que elaborar propostas para roteiros e/ou unidades didácticas que teñan esa obra como referente e punto de partida. Estas propostas serán presentadas ao Concello da Coruña para a súa publicación e difusión. No primeiro día, despois dunha breve introdución á obra realizada polo propio autor, Manuel Rivas, explicarase o plano de traballo para o que se distribuirá o alumnado en catro grupos pequenos (máximo 10 persoas). Cada grupo estará tutorizado por un/unha profesor/a que será quen lle dea as indicacións pertinentes para guiar o seu traballo durante o curso. Este traballo terá unha primeira fase a partir das sesións (teóricas e prácticas) que se levarán a cabo nos talleres multidisciplinares, cada un deles dirixido por un/unha docente pertencente a diferentes ámbitos do coñecemento (arquitectura, urbanismo, socioloxía e arte); a segunda fase do traballo consistirá na elaboración, sempre guiada polos/as profesores/as tutores/as, de materiais didácticos sobre a cidade da Coruña creados a partir da novela de Manuel Rivas, que serán entregados á Concellaría de Cultura para a súa difusión e utilización no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
Nota: Sería necesario que o alumnado lese a obra antes do comezo do curso, polo que a obra se entregará (na Oficina de cursos da UDC) como agasallo ao formalizar a matrícula -para un máximo de 36 alumnos- (toda a información sobre este proceso aquí).
* RELACIÓN DE TUTORAS/ES:
- 2 profesoras-tutoras: María dos Anxos González Refoxo e Mercedes Queixas Zas.
- 2 profesores-tutores: José Alfeirán e Luis Martínez-Risco Daviña.
Os/as catro son profesores/as de Ensino Secundario, con recoñecida experiencia na elaboración de unidades didácticas e outros materiais para o ensino e a difusión do noso patrimonio cultural.
* RELACIÓN DE PROFESORES/AS DOS OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES:
- Arquitectura: Pablo Gallego Picard (Arquitecto e profesor da UDC).
- Arte: Xosefa Cerviño Lago (Catedrática de Historia e prof. Asociada na UDC).
- Socioloxía: Xosé Leira López (Profesor Titular de Socioloxía na UDC).
- Urbanismo: María José Piñeira (Profesora Asociada na USC).

PROGRAMA DO CURSO

Luns 11 de xullo
MAÑÁ [Reitoría: sala de xuntas do Consello de Goberno]
- 10:00 h. Recepción de asistentes.
- 10:30-11:00 h. Inauguración polas autoridades académicas e institucionais.
- 11:15-12:15 h. Conferencia inaugural a cargo de Manuel Rivas: O autor fala da súa obra [título por definir].
- 12:30-13:30 h. Presentación do plano de traballo e organización dos grupos.
TARDE
- 16:30-20:30 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña].

Martes 12 xullo
MAÑÁ

- 10:00-14:00 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
- 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Mércores 13 xullo
MAÑÁ

- 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
- 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Xoves 14 xullo
MAÑÁ

- 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
- 16:30-20:30 h. Traballo co/a tutor/a. Posta en común con correccións.

Venres 15 xullo
MAÑÁ [Filoloxía]
- 10:00-14:00 h. Posta a punto das propostas co/a tutor/a. Elaboración final das diversas propostas de materiais didácticos para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
TARDE [Casa Casares Quiroga]
- 17:00-19:00 h. Presentación pública das diversas propostas de publicación elaboradas para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
- 19:00-20:00 h: Conferencia de clausura a cargo de Javier Gómez Montero: O conxuro anamnésico de ‘Os libros arden mal’.
- 20:00-20:15 h. Clausura do curso polas autoridades académicas e institucionais.
- 20:30-22:00 h. Concerto de clausura.

Carlos Callón gaña o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica e ensaística dos traballos presentados.
2.-Conceder o XVI PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Carlos Manuel Callón Torres, domiciliado en Bertamiráns-Ames.
Neste ensaio o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2011.”

A nova recóllese en Galicia Hoxe, Galiciaé, A Nosa Terra e Cultura Galega.

Fernando Rodríguez Méndez gaña o Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Deus xogando aos dados

O xurado do Premio Vicente Risco de Creación Literaria, que organiza a Fundación Vicente Risco de Allariz, a editorial Sotelo Blanco e a Concellaría de Cultura de Ourense, ven de fallar o gañador da súa XI convocatoria. O xurado escolleu a obra do escritor Fernando Rodríguez Méndez, Deus xogando aos dados. O gañador, ademais do premio económico, verá publicado o seu traballo en Sotelo Blanco Edicións. O xurado desta XI edición estivo formando polo xornalista Arturo Lezcano, Ánxela Gracián (en representación de Sotelo Blanco Edicións), Hixinio Puentes (gañador do Risco de Narrativa 2009 pola novela A do Vinte e un), Carme Fernández Pérez San Julián (Profesora da Universidade da Coruña) e Xulio García Golpe; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco).