Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2017

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2017. En total, este ano recibimos 522 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as once edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.
– Mellor libro de poesía para Lumes, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama.
– Mellor libro de teatro para Suite Artabria, de Manuel Lourenzo.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero VII. De punta a chicote, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Thérèse Raquin, de Émile Zola, traducido por Isabel Soto.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os nenos da varíola, de María Solar.
– Mellor libro de literatura infantil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Ismael Ramos.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Luns, de Eli Ríos.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2017.
– O peor acontecido para a política lingüística do goberno da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 3

Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 3 son:
11:00 h. Espazo Foro. Conversa con Manuel Núñez Singala ao redor do libro Sacar a lingua é de mala educación. Galaxia.
11:30 h. Espazo Libro. Conversa con Eli Ríos ao redor de Luns (Premio Torrente Ballester 2016) e Culpable (Premio López Abente 2017). Con Manuel Bragado. Xerais.
12:00 h. Espazo Foro. Presentación da «Rede Scórpio» e entrega dos premios do concurso de narrativa breve. Através Editora-AGAL. Con Xosé Antom Serém, da Através Editora e Óscar Senra, de MaOs Innovación Social, S. Coop. Galega.
12:00 h. Espazo Libro. Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas (Premio Carvalho Calero 2016, concello de Ferrol). Con Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, autor. Edicións Embora.
12:00 h. Espazo Carpa. A violencia dun sorriso. Implicadas no Desenvolvemento en colaboración co grupo A Panadaría. Recital-performance creado por A Panadaría, baseado nos poemas da autora támil Thamizhachi Thangapandian.
12:00 h. Sinatura de Antonio Manuel Fraga. Querido H. P. Lovecraft. No stand de Urco Editora.
12:30 h. Espazo Foro. Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación. Con María Dolores Candedo, presidenta, Xesús Rodríguez, director da RGE, Silvia López Gómez (coordinadora de «Aprendendo con videoxogos») e Santiago Fernández Lanza, profesor na Universidade Internacional da Rioxa e colaborador.
12:30 h. Espazo Libro. Presentación da plaquette O gran rexeitamento. Flores para Albert Ayler de Daniel Salgado en formato musical con
Alexandre Losada & Luís Garrido. Apiario.
13:00 h. Espazo Foro. Corpo de Antiochia. Intervención poética con Tamara Andrés, autora. Galaxia.
13:00 h. Espazo Libro. Conversa de Iria Collazo con Berta Dávila, autora de A pel do mundo. Galaxia.
13:00 h. Sinatura de Isidro Novo. O tabú na traslenda. No stand de Urco Editora.
16:30 h. Espazo Foro. Portugal na Culturgal. Presentación da 4a Semana de convergências Portugal-Galiza. Secretaría Xeral de Política Lingüística. A cidade portuguesa de Braga acollerá -arredor do 24 de febreiro de 2017, Día de Rosalía de Castro- a cuarta edición desta iniciativa colaborativa que impulsan o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a formación Canto D’Aqui, a Câmara Municipal de Braga e a Junta de Frêguesia de San Vicente co obxectivo de irmandar as dúas beiras do Miño a través da música, da poesía e da palabra. Interveñen: Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Dono López, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Uxía, coordinadora da iniciativa, e Jaime Torres, Carlos Moutinho e Filipe Cunha, integrantes de Canto D’Aqui.
16:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Francisco X. Fernández Naval, autor de Alma e o mar, e Arantza Portabales, autora de Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia.
17:00 h. Sinaturas de Manuel Lourenzo González e Tomás González Ahola. No stand de Urco Editora.
17:00 h. Espazo Libro. Mulleres bravas. Urco Editora. Maruja Mallo e Xulia Minguillón. Con Elvira Ribeiro, autora, Eva Agra, ilustradora, Andrea Jamardo, editora, e María Lado, presentadora.
17:30 h. Espazo Libro. Biodiversidade: cara unha sexta extinción masiva. Presentación da edición en galego. Catro Ventos Editora. Con Isidro Dozo, editor, e Xosé Veiras.
18:00 h. César Lorenzo Gil conversa con Ramón Caride sobre O camiño da Estadea. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
18:00 h. Sinaturas de Beni Yáñez, Os donos das cinsas, e Santiago Bergantinhos.
18:30 h. Espazo Libro. Presentación do libro Catro ventos. Cos editores Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez e o fotógrafo Javier Fernández Pérez de Lis. Fabulatorio.
18:45 h. Espazo Foro. Conferencia «Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo». Con Xurxo Mariño. Xerais. Ao finalizar, sinatura no stand de Xerais.
19:00 h. Espazo Libro. Conversa con Marcos Calveiro, autor de O xardineiro dos ingleses» (Premio García Barros), Fran Fernández Davila, autor de A senda de sal (Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia). Co xornalista César Lorenzo Gil. Galaxia.
19:00 h. Sinaturas de María Lado, Eva Agra e Elvira Ribeiro. No stand de Urco Editora.