“Manuel Antonio, psicólogo do Alén”

Artigo de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Non é casual que a biografía de Manuel Antonio que vén de publicar Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) leve por título Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia). «Eu quería que a palabra misterio aparecese no título», anticipa Losada, profesor de Filosofía no instituto Félix Muriel no seu concello natal. Unha palabra, misterio, deliberada e razoada: «Toda a vida e a obra de Manuel Antonio é un intento de superar o principio de realidade e acceder a ese ámbito metafísico que está máis alá da lóxica e do sentido común. Manuel Antonio é, como di el mesmo, un psicólogo do Alén». Pescudar nese misterio, trazar un perfil psicolóxico do escritor, foi o obxectivo de Losada, quen tiña claro que «quería facer unha biografía de lector, non de especialista». «Quería ler a súa vida e a súa obra, máis que estudala, intentando centrarme naquilo -De catro a catro, fundamentalmente- polo que merece ser recordado. Nada de biografías definitivas ou canónicas. Simplemente, o meu Manuel Antonio».
Nesa pescuda, a aparición do epistolario, ao coidado de Xosé Luís Axeitos -autor tamén da recente biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía-, foi clave para o propósito de Losada. «Sempre me sorprendeu o pouco que se usou ata agora o epistolario para definir o seu perfil psicolóxico, supoño que debido a que non confirma o perfil que se lle ten atribuído», explica o biógrafo. As cartas entre o autor e a súa moza, Mercedes, son «o único lugar onde vemos como é realmente Manuel Antonio», subliña Losada, que dedica un capítulo á cuestión na que, malia os escasos datos que se conservan, resulta evidente que o poeta «non viviu o amor e a sexualidade en termos convencionais». «A dúbida cruel»
Pero se hai unha clave para tratar de entender ese enigma, esa é a perda de fe. «A renuncia ao catolicismo da súa infancia suponlle unha durísima escisión interior», expón Losada. «A dúbida cruel, di el, arrebatoulle esa firme convicción que a súa amada nai gravara no seu peito. Pero nunca o conseguiu. Renunciar ao catolicismo sería renunciar á nai devota e ao pai morto e aos seus queridos tíos cregos e a unha explicación da súa propia enfermidade. De aí moitas das contradicións coas que vive», amplía.
Esa contradición, xa que logo, preside a vida de Manuel Antonio e xera outras novas: «Non querer ser católico e selo, contradición que se traduce en querer ser apóstata da familia e non querer selo, querer ser revolucionario e non ser máis que un burgués… Ningún dos substitutos ideolóxicos do catolicismo (nacionalismo, anarquismo, panteísmo) consegue darlle ese alto sentido ao ordinario que el busca, tal e como llo dera o catolicismo». Esta fe debe entenderse ligada «a unha infancia feliz e protexida» e, xa que logo, ligada á nai.
Marcaron Manuel Antonio tanto a forte presenza da nai como a ausencia do pai, morto por enfermidade cando o futuro poeta tiña catro anos. Unha sombra que o habería de axexar e que máis tarde se confirmaría e, ao cabo, como a causa da súa propia morte: «A súa relación coa enfermidade é dun gran valor moral, moi en consonancia co que dicía o seu admirado Nietzsche: o que non mata, faite máis forte. Podería dicirse que ten unha relación pouco romántica coa enfermidade, xa que a leva practicamente en segredo, pero non é así. Eu creo que, como o grande individualista que era, gabábase da enfermidade só ante si mesmo, para sentirse ese heroe romántico que sempre quixo ser».
Loxicamente, a biografía tamén incide nos aspectos da vida de Manuel Antonio máis relacionados coa literatura. Por exemplo, a súa relación contraditoria -outra volta- con Rafael Dieste. «É o seu modelo na adolescencia. Representa todo o que el quixera ser a nivel intelectual e familiar. E, por riba, ten éxito, mentres el fracasa en todo. Dispáralle todos os complexos e inseguridades -describe Losada-. Acaban sendo antitéticos en todo (ideoloxía, estilo, talante), iso que comezaran tendo o mesmo proxecto vital: a civilización atlántica. Non creo que fose casual». O libro tamén examina outra fe, aquela coa que Manuel Antonio se entrega ás vangardas, «unha das grandes decisións da súa vida», malia ir á contra do consello que lle dá Vicente Risco, «o seu pai intelectual». «Eu creo que busca as vangardas por razóns non poéticas: ir máis alá de Dieste, evitar certos complexos, xustificar un posible fracaso, buscar un estilo propio inimitable, criticar poeticamente o mundo burgués… O máis lóxico sería que fracasase. Se non fracasou foi porque era realmente un poeta de raza». Outro fracaso é a recepción negativa entre os seus coetáneos do manifesto Máis alá, asinado con Álvaro Cebreiro: «Se non escribe unha obra que escureza ese pasado que tanto critica, ese manifesto é unha simple boutade. A grandeza é que acaba escribindo un dos mellores libros da poesía universal, demostrando que era un poeta de raza, e non un falabarato como moitos pensaban». Luces e sombras dun escritor singular. «Mentres non teñamos biografías que mostren, ao lado dos seus acertos e virtudes, as debilidades, mesquindades e defectos dos nosos grandes escritores, seremos unha literatura insegura», conclúe Losada.”

Rianxo: presentación de Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, de Xosé Ricardo Losada