O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
«A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lanzamento da plataforma de crítica literaria A Sega

A escritora María Reimóndez, a poeta Susana Sánchez Arins e a Concelleira de Igualdade do Concello de Vigo presentaron hoxe A Sega, unha plataforma de crítica literaria feminista que pretende crear un espazo de referencia para a crítica, ata o momento monopolizada por voces masculinas e en moitos casos patriarcais.
O obxectivo desta plataforma, que se presenta no mes do nacemento de Rosalía de Castro e na cidade que conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, é visibilizar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas de todo o acervo literario en lingua galega. A plataforma, no seu esforzo de tecer redes, colaborará co Centro de Recursos Feministas do Concello de Vigo doando ao seu fondo aquelas obras recensionadas que sexan de interese para esta iniciativa da cidade. Tamén colaborará activamente coa Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela.
No manifesto de fundación (que se pode consultar completo aquí) recóllese que A Sega “nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición e pola falla de análise crítica dos textos das autoras”.
A plataforma recollerá recensións críticas sobre obras de autoras galegas e foráneas e tamén textos de teoría da crítica “para compartir as ferramentas e os discursos críticos” con quen queira sumarse á “destreza segadora” das críticas.
No inicio da andaina d´A Sega participan Andrea Nunes Brións, María Reimóndez, Marga Romero, Lara Rozados, Susana Sánchez Arins e Beatriz Suárez Briones. É esta unha plataforma aberta á que se irán incorporando novas voces.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dióxenes en Dolorida e Tara, novelas finalistas do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor

Na tarde do pasado venres, 23 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Fene o xurado encargado de fallar a trixésima edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor presidido pola Concelleira de Cultura, Rocío A. Bértoa Puente e formado por Xosé Mª Dobarro Paz (catedrático da Universidade da Coruña), Miro Villar (poeta e crítico literaio); Marga Romero (escritora e crítica literaria) e Manuel Lourenzo González (escritor e gañador da anterior edición do Blanco Amor), actuando como secretario o coordinador técnico do Premio, Daniel Romero. O Xurado salientou a participación das cincuenta e catro obras que concorreron a esta XXX edición, deixando constancia do importante incremento de participantes, o que provocou unha longa deliberación previa e que dá a medida do interese e importancia da convocatoria do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Logo das oportunas deliberacións, o Xurado acordou proclamar, por maioría como finalistas desta XXX edición, as novelas presentadas cos títulos: Dióxenes en Dolorida e Tara. A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, no decurso dunha gala que se desenvolverá no local da SCRD Agarimo de Sillobre e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O 25 de novembro coñeceranse as novelas finalistas da XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor

O xurado encargado de fallar esta edición do Premio Blanco Amor está formado pola Concelleira de Cultura e Deportes, Rocío A. Bértoa Puente, que actúa como Presidenta e polos escritores e críticos literarios Xosé Mª Dobarro Paz, Miro Villar, Manuel Lourenzo González (último gañador do Blanco Amor) e Marga Romero, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o coordinador técnico desta edición do Premio, Daniel Romero. Publicadas as novelas finalistas, o xurado dará a coñecer a novela gañadora e as razóns deste merecemento nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de decembro, ás 21:00 horas, no local da SCRD Agarimo de Sillobre, acto no que se procederá á entrega do Premio e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.
En paralelo aos labores do xurado, o Concello de Fene, organizador desta edición do Blanco Amor, prosegue co ciclo de actividades programadas ao redor do propio Premio e da figura de Blanco Amor.
Eis, no ciclo de faladoiros con gañadores do Blanco Amor, o 15 de novembro, ás 19 h visitará a Biblioteca Municipal Xesús Rábade Paredes, nun faladoiro conducido por Verónica Martínez Delgado e o 22 de novembro, á mesma hora, o faladoiro con Inma López Silva estará conducido por Mercedes Queixas.
O 23 de novembro, ás 20:30 h, o CCRD de Perlío acollerá a rememoración da única homenaxe en vida a Blanco Amor que organizara o Círculo de Perlío o 10 de decembro de 1976. A rememoración consistirá na estrea da obra de Don Eduardo O cantar dos cantares, a cargo do grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé, do CMI Unidade de Fene, dirixido por Carlos Basoa.
Tamén até o 23 de novembro pode visitarse na Casa da Cultura de Fene a Exposición-homenaxe a Blanco Amor. Dezaoito ilustradores/as de primeiro nivel participan nesta exposición promovida polo Museo do Humor de Fene e comisariada polo debuxante Siro López. Compoñen a mostra orixinais de Aida Alonso, Almudena Aparicio, Calros Silvar, Dani Padrón, Idoia de Luxán, Nacho Hortas, Pablo Otero, Pinto e Chinto, Xan Carpente, Xosé Cobas, Xosé Lois, Siro Lopez Lorenzo, Santy Gutiérrez, Michel Casado, Augusto Metztli, Gonzalo Vilas, Jaime Asensi e Miki.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

«A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
- 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
- 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
- 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo: presentación de Sermos Galiza

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, e organizado pola Asociación Cultural O Castro, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Marga Romero e Néstor Rego. Este proxecto convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter