“2018: as Letras de María Victoria Moreno”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“2018: as Letras de María Victoria Moreno.
Fina Casalderrey: “Acabou trunfando un pouco a xustiza e non me refiro a cotas”
María Reimóndez: “É moi habitual que aconteza coas mulleres en calquera periodo histórico: esa memoria tan curta que temos, que rapidamente desaparecen”.
Pode accederse ás entrevistas aquí.”

“Queremos tanto a M.V.M.”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1941-Pontevedra, 2005) deixou dito “Ningunha lingua me necesita a min” e a estas alturas afirmámola imprescindible para a dignidade deste sistema literario feble, en parte, pola súa misoxinia. Precisamente a súa modestia e sinxeleza fan resaltar máis a paixón por unha lingua e un lugar que a acolleron afacéndoselle ás contornas do corpo e do pensamento e grazas aos cales puido soñar o seu primeiro libro en galego (Mar adiante, 1973), ou que a fixeron sobreporse á absurdez de teorías machistoides que aluden á ósmose inversa e coleito polo que unha muller non pode definirse políticamente á marxe do seu compañeiro. Por iso antologar poetas novxs, nacionalistas e comunistas, nunha edición bilingüe para que todo o estado coñecese a situación vital e estado de saúde da poesía galega dos anos setenta, foi no seu tempo unha acusación e non un merecido aplauso. (…)
Eu vin falar da historia de amor que esta muller procurou con todo o seu mundo inmediato, desde as crianzas até os animais a quen consideraba almas puras e emocionais con dereito a voz propia. Desde a ensinanza até o amor que fai retroceder a morte no seu xogo de aproximacións. Desde as palabras até as persoas. Desde o compromiso até os perigos que conleva, que a ameazaron e mesmo derrubaron a porta que deu intimidade da súa casa. E vin falar das súas escollas, de como foi debullando a súa biografía de nena fronteiriza nunha raia esluída na Estremadura de posguerra e decidiu o que non: crueldade, inxustiza, represión e acritude e isto deu paso ao si, que soubo abranguer co seu carácter máis tamén coa súa escrita e carácter docente: a voz propia das criaturas insonorizadas na escrita imperante, a aproximación das rapazas aos seus protagonismos, a intelixencia emocional, o activismo cultural coa voz e as mans molladas e non simplemente sentada atrás dun escritorio.
Todo, efectivamente, extraliterario. Así como o son os afectos, as estradas secundarias polas que conducir igual que polas marxes do sistema. Extraliterario como as raiciñas, esas das que tamén provén a palabra radicalidade que afianzou, para a nosa fortuna, a María Victoria Moreno na nosa lingua e no noso sistema literario como unha pioneira que decidiu traballar desde esa raíz que é a LIX, unha base de adestramento dxs lectorxs do futuro, un berce de criterio onde a escrita ten máis que saúde. (…)”

Pedro Ferriol: “María Victoria Moreno é unha das moitas escritoras galegas que foron esquecidas”

Entrevista a Pedro Ferriol (viúvo de María Victoria Moreno) en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Para a súa familia que significa este recoñecemento?
– Pedro Ferriol (PF): Realmente para nós, para min e a súa filla, é unha honra, porque é unha das moitas escritoras galegas que foron esquecidas, porque faleceu en 2005 e ninguén se acordou dela até a iniciativa d’A Sega coa homenaxe que lle fixeron en 2015. E agora, despois de 12 anos, estase a promover o seu recoñecemento para as Letras. Para nós sería un orgullo tremendo participar en todas as actividades que se fagan, porque María Victoria foi unha gran muller, pioneira da LIX galega. (…)
– SG: Que é o que nos queda por descubrir dela?
– PF: Ela recibiu no ano 2005 unha mención no premio Xoán Manuel Pintos. Aí eu explicaba que ela foi moi prolífica na súa traxectoria, aínda que probablemente lle faltaran anos de vida. A súa carreira como escritora non obtivo moitos premios, aínda que non cría nos premios literarios. Aínda así, recibiu varios… e, sobre todo, figura na lista de honra da IBBY por Anagnórise, e tamén o White Raven por Guedellas de seda e liño.
– SG: De que libro se sentía máis orgullosa?
– PF: Ela sentíase satisfeita de todo o que escribiu, pero houbo algúns que a marcaron. O seu libro máis famoso, que se mal non recordo ten 14 edicións, é Anagnórise, pero hai outro moi especial para ela, Leonardo e os fontaneiros. Pero eu creo que o libro que destaca mellor o carácter dela foi o Diario da luz e a sombra, unha especie de biografía do que ela sufrira co cáncer. Aí destácanse unha serie de cualidades morais e cívicas que a retratan. Aínda que tamén escribiu ensaios, libros de texto, poesía… Se non lembro mal creo que publicou 47 libros, tanto de forma individual como colectiva. (…)”

O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado a María Victoria Moreno Márquez

Desde a Real Academia Galega (imaxe cortesía de Galaxia):
“O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005). A decisión adoptouse no Pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado na mañá do sábado 17 de xuño na Coruña, no que tamén se nomeou académica de honra a Marina Mayoral e académicos e académicas correspondentes a Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova. Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as nosas Letras tanto na narrativa -nomeadamente a infantil e xuvenil- como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas.
“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso “Poetas alófonos en lingua galega”. Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.
Outro título destacado na súa traxectoria, Anagnórise (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua: a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990 e chegaron a se editar en poucos anos vinte edicións. Pero o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con Guedellas de seda e liño (1999), outra das historias nas que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002. Un par de anos despois sairía do prelo Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora, tanto nas clases de lingua galega semiclandestinas que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975 por entender que esta institución estaba gobernada por dirixentes subversivos.
No instituto de Lugo orientou as inquedanzas lingüísticas e literarias dun dos seus alumnos, Xesús Rábade Paredes, promovendo a edición do seu primeiro libro de poemas, que lle prologou. Tras un par de anos nesta cidade e mais un tempo en Vilalonga (Sanxenxo), volveu a Pontevedra, onde seguiu engaiolando a xeracións de rapaces e rapazas, primeiro no instituto Valle-Inclán e despois no Torrente Ballester, ao que lle legou a súa biblioteca persoal.
No eido educativo asinou, ademais, libros de texto que aínda hoxe se consultan: foi coautora de Literatura [galega]. Século XX, para COU (Galaxia, 1985), e de Literatura [galega], para 3º de BUP (Galaxia, 1987). As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991) son outros exemplos do seu traballo rigoroso no eido da didáctica. E tamén cómpre lembrar que foi mestra de mestres en cursos como os que impartiu sobre literatura galega para docentes a comezos dos 80.
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Verteu obras desde o catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións aos castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), escolma que preparou e prologou ela mesa con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade. Cómpre tamén lembrar outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría Xuntanza, unha trincheira máis para promover a literatura e espallar os libros. No eido editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, Árbore, desde o seu inicio.
Marina Mayoral, académica de honra
Alén da elección da figura literaria que protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018, na sesión plenaria da RAG de hoxe nomeouse académica de honra a Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942). Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa.
Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeus, Chamábase Luís, Tristes armas, Quen matou a Inmaculada Silva?
Sete novos académicos e académicas correspondentes
Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de São Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e investigadora do Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1973), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.”

Catro candidatos e unha candidata para as Letras 2018

Desde Sermos Galiza:
“Cinco son as opcións que terán os académicos e académicas para elixir a quen homenaxearemos nas Letras 2018. E hai algunhas sorpresas que entran por primeira vez na listaxe de candidatables.
Os cinco aspirantes son: María Victoria Moreno, a candidata con máis posibilidades; o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero; o poeta Eusebio Lorenzo Baleirón; o historiador Antón Fraguas; e o xornalista, escritor e tradutor Plácido Castro.
Tal e como xa contamos a pasada semana, a aspirante con máis posibilidades é a escritora María Victoria Moreno (Cáceres,1941 – Pontevedra, 2005), que vén respaldada ademais por tres sinaturas clave do grupo que sostén a presidencia de Víctor Freixanes. Segundo fontes consultadas por Sermos, esta candidatura tería sido pactada entre a executiva saínte presidida por Alonso Montero, e a actual.
Mentres, Ricardo Carvalho Calero (Ferrol 1910 – Santiago 1990) segue a ser o eterno aspirante que nunca chegou a ser recoñecido. Aínda que o seu valor literario ten partidarios e detractores, a súa importancia intelectual fica fóra de dúbida. Nesta ocasión volve ser apoiado polo sector ‘ferrinista’.
Volve irromper na listaxe de elixibles Plácido Castro (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967), figura clave da cultura galega na diáspora, cuxa candidatura foi impulsada polo IGADI e pola propia fundación que leva o seu nome. Escritor, xornalista e tradutor, foi un persoeiro destacado do galeguismo de entreguerras e redactor da BBC onde levou adiante o ‘Galician Programme’ na nosa lingua.
Quen entra por vez primeira na listaxe é o escritor Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986), unha promesa da poesía galega que viviu demasiado pouco. Apoiado a nivel local polo seu Concello, na Academia tamén foi avalado pola ‘oposición’.
Outra presenza nova é a de Antón Fraguas (Cerdedo-Cotobade, 1903 – Santiago, 1999), un destacado historiador e antropólogo galeguista, militante das Irmandades, membro do Seminario de Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego.”

Polo Correo do Vento: “Unha muller para as Letras Galegas 2018”

Desde Polo Correo do Vento:
“Convidámosvos a participar na campaña #Propónunhamuller, promovida xunto ao Concello de Pontevedra e dirixida á Real Academia Galega para que sexa unha muller a quen lle dediquemos o Día das Letras Galegas de 2018.
É moi sinxelo, vía correo electrónico, redes sociais, correo postal… como prefirades, propoñédelle unha muller aos académicos e académicas!
Coa etiqueta #Propónunhamuller ou a que queirades.
Hai moitas máis, pero nós propoñemos as seguintes:

Avelina Valladares
Belén Feliú
Clara Corral Aller
Filomena Dato
Luísa Villalta
María de los Ángeles Tobío
María Victoria Moreno
Pura Vázquez
Xela Arias
Xosefa Iglesias Vilarelle

Velaquí tedes un modelo de carta para enviar a proposta.”

Fina Casalderrey: “Homenaxe a María Victoria Moreno”

DesdeFina Casalderrey a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:

“Lérez, 22 de novembro de 2006

Querida Mª Victoria:
No momento en que che escribo, o ceo derrámase tamborilando músicas de aniversario sobre o meu tellado e as campás de San Benitiño tanxen melancolías. En Pontevedra volve haber hoxe un orballo enfermo da túa ausencia.
Como pasa o tempo! Lembras?, vai alá xusto un ano dende que mudaches en bolboreta branca de ás abertas e comezaches a atravesar os océanos do mundo descubrindo a cor dos ceos que se reflicten no espello das súas augas.
Dou por feito que, convertida xa en reflexo de estrela, andarás moi atarefada acendendo a lúa con eses teus ollos sempre abertos, aproveitando cada segundo de luz na procura desa palabra de nácara coa que sempre quixeches pintar o planeta de paz e liberdade, mentres agardas novos amenceres de pan fresco, de andoriñas tolas e luces febles. Ben sei do que che gusta a vida cando se axita en gozo ao abrir o día, desa túa teima con durmir pouco e soñar moito. Soñaches, acórdaste?, Mar adiante nunha noite.
Imaxino que andarás a facer novos poetas dos teus novos “cachorros”, a incendiar as súas entrañas co pouso máxico da túa sensibilidade, asemade que saborean o teu delicioso Pan con chocolate e beben auga de manancial en fino vaso de cristal tallado.
Pero… e ti? Como van as túas cousas? Ben sei que nunca tiveches por gloria a conquista dos escaparates, mais… que vimbios estás a tecer neste intre?
Non andarás a cociñarlles un deses persoais e gorentosos pratos aos teus admirados profesores: Rafael Lapesa e Dámaso Alonso?
Do que estou certa, fagas o que fagas, é de que seguirás fiel ao teu compromiso con esta terra e esta fala, mesmo aínda que che volvan retirar o pasaporte. Por certo, que guapa estabas naquela fotografía, eh!
Ti, que sempre fuches intelixente e teimuda con ofrecer unha prosa fermosa na que estean presentes a ética e a estética, o lirismo e a tenrura, a ironía, non mo vas negar a estas alturas, tamén fuches rebelde, insolente e altiva ás veces, mais nobre e xenerosa ata a medula, namorada do amor cal adolescente.
Ti, poeta de alma limpa, que andas a argallar neste intre? Non me veñas coma sempre, con que non tes tempo, con que aínda que a Literatura sexa moi importante para ti, aínda o son máis as persoas: a familia, os teus “cachorros”, como lles dicías aos alumnos… Non lles dedicaches a eles todo o que fixeches ata agora? Non é momento xa de pensares en ti? Ou vas seguir escribindo sempre a contrarreloxo, só cando o teu vaso reborda, facendo de cada libro un testamento vital?
En fin, negácheste a cumprir máis novembros, pero as túas palabras son semente.
Bendito o legado útil que nos deixas, e bendita ti.
Ben sabes que te quero, e ben sei que che gusta que cho diga. Así, pois, quérote.
Co meu afecto e admiración, recibe unha aperta forte coma o teu amor a Galicia, a quen —roubando as túas propias palabras— nunca lle puxeches os cornos.

Fina Casalderrey

P. D.
Hoxe, na Biblioteca Pública de Pontevedra van ler fragmentos desas palabras que ti cosiches con fíos de seda. Vaiche gustar, así que fai o favor de pintar o ollo e poñer o máis bonito dos teus sombreiros para escoitalas.”

A Sega homenaxea Mª Victoria Moreno para visibilizar as escritoras

DesdeMaría Victoria Moreno Sermos Galiza:
“O Parque dos Gafos de Pontevedra foi o escenario do acto de homenaxe da plataforma de crítica feminista A Sega á escritora María Victoria Moreno con motivo do II Día das Galegas nas Letras. O acto comezou cun paseo literario pola beira do río Gafos até Campolongo, unha metáfora dos paseos que acotío daba a escritora homenaxeada, e continuou cun xantar popular compartido. Fontes da organización salientan que o “Tendal de María Victoria” foi o que máis interese espertou, pois neste tendal expuxeron as obras da escritora e libros con dedicatorias.
Na xornada da tarde, en que se leu o manifesto da Sega, interviñeron, entre outras, Andrea Nunes, que leu un poema escrito para a ocasión para recoller os títulos das obras da homenaxeada, Carmen Penim, que musicou dúas pezas de María Vitoria e interpretou “A xustiza pola man”. Tamén participaron Laura Cuba e As Boubas. A actuación sorpresa chegou con Mercedes Peón, que asinou o final de festa.
No remate, a sección xuvenil da Sega sorteou entre as persoas participantes a boneca coa figura da escritora doada por Actante Dorado.
O obxectivo da homenaxe que tivo lugar o sábado 15 de agosto é, principalmente, reivindicar a obra das escritoras galegas. “Queremos visibilizar as autoras nas letras, xa que até o de agora a oficialidade homenaxeou 52 homes fronte tres mulleres, xa contando Rosalía”, sinala Susana Sánchez Arins, membro da organización. “Queremos reivindicar que as mulleres escritoras existen e, xa que a oficialidade non as festexa, homenaxeámolas nós”, conclúe.”