Tríptico, de Antoni Marí, con María Xesús Lama

Chuzame! A Facebook A Twitter

Por que Rosalía dixo que non volvería escribir en galego?

Reportaxe en Praza:
«(…) Na carta, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego, “de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda. Non coñecemos tampouco o contido destas clásulas. En calquera caso, tal como sinala nun artigo na revista Grial a biógrafa de Rosalía Victoria Álvarez de Ojeda, a determinación da escritora seguía a ser mesma en 1882, e así llo fai saber Murguía a Francisco Portela Pérez cando este solicita permiso para incluír algúns versos de Rosalía nunha antoloxía.
“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego, sen unha tradición literaria que lle servise de referente, sen alfabetización en galego, sabendo que os que falaban galego non o lían e que os poucos que lían lían en castelán. Na época de Rosalía, as elites provincialistas comezaban a reivindicar o galego, e facíano en castelán e en galego. A unión entre reivindicación da nación galega e uso do galego como lingua literaria é posterior. O monolingüismo en galego era, daquela, un ideal inimaxinable”. (…)
“Rosalía era unha muller sen patrimonio que aspiraba a ser profesional da escrita e vivir dela, por iso destina obras en castelán ao mercado editorial español. Pero tanto insistir en que era bilingüe non ten sentido: todos os escritores eran bilingües entón, no sentido de que usaban as dúas linguas. Pero Rosalía é a única que ten un proxecto para cultivar todos os xéneros literarios en galego. E o que ocorre é que acaba pobre, illada e marxinada: o seu proxecto parecía non ter seguidores. Eu creo que o que realmente molestou de Costumbres gallegas non foi tanto a súa suposta inmoralidade, senón o feito de que -e isto é algo do que non se fala-, Rosalía dixera nel que aprendera a amar a súa patria fóra, en contraste con España. Iso foi o que non lle perdoaron”, asegura Francisco Rodríguez. (…)».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Barcelona: seminario Novel.la criminal i gènere a Galícia, o luns 29 de outubro

O luns 29 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas, Aula Gabriel Oliver, Edificio Josep Carner, andar 1, da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona (Rúa Aribau, 2), terá lugar o seminario Novel·la criminal i gènere a Galícia, coordinado por María Xesús Lama e Elena Losada, e que ten como obxectivo abrir unha reflexión sobre a novela criminal en Galicia desde unha perspectiva de xénero. Este seminario enmárcase no convenio de colaboración asinado este ano entre o Centre Dona i Literatura e mais a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Do programa, que pode ser descargado aquí, destacamos o seguinte:
- De 17:00 a 18:00 h. Sesión 1: Violencia, novela criminal e xénero. Modera María Xesús Lama:
* María Xosé Agra. Dar e quitar a vida: a violencia das mulleres.
* Shelley Godsland, Novela criminal escrita por mulleres en España.
- De 18:30 a 19:30 h. Sesión 2: Novela criminal en Galicia. Modera Elena Losada.
* María Xesús Lama: Personaxes femininas na novela criminal galega.
* Laura Caveiro: Os caprichos dunha inmensa e allea fortuna.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

«A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
- 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
- 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
- 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html

Chuzame! A Facebook A Twitter

Publicación da web do grupo de investigación Poxeirga

«O grupo de investigación Poxeirga acaba de publicar a súa web. Vencellado a ese grupo está o proxecto Us and Them: Discourses on Foreignness by Irish and Galician Women Writers (1980-2007), cuxa I.P. é a profesora Manuela Palacios, e que conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación (FFI2009-08475/FILO). Como antecedentes podemos citar aqueloutro proxecto así mesmo financiado, Poetas irlandesas e galegas contemporáneas (1980-2004), xa dirixido por Manuela Palacios. O obxectivo deste proxecto, tal como se explica na web, é, partindo dos vencellos socioculturais entre Irlanda e Galicia e da emerxencia sen precedentes de tantas mulleres escritoras nun e noutro lugar desde os 80, explorar o xeito no que a literatura contemporánea de autoría feminina configura a estranxeiría e produce unha crítica social da diferenza cultural. Ademais de Manuela Palacios forman parte do proxecto Laura Lojo, María Dolores Gómez Penas, María Xesús Nogueira, Burghard Baltrusch, Olivia Rodríguez González, Luz Mar González Arias, María Xesús Lama, José Francisco Fernández Sánchez, Helena Miguélez Carballeira e Borbála Faragó.» Vía Poesía Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: presentación de Canto do pobo disperso, poemario inédito de Valentín Paz Andrade

O Consello da Cultura Galega presentará o xoves 10 de maio, ás 12:00 horas, na Biblioteca da institución, preséntase o poemario Canto do pobo disperso, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, publicado polo propio Consello da Cultura, que contribúe así á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dunha peza senlleira da figura homenaxeada. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Na rolda de prensa intervirán Ramón Villares, Rosario Álvarez e Alfonso Paz-Andrade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Congreso Mil e un Cunqueiros, do 28 de setembro ao 1 de outubro

«En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso Mil e un Cunqueiros. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.

O programa, que pode estar suxeito a cambios, pode consultarse aquí:

* Mércores, 28 de setembro:
Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro s/n.). Santiago de Compostela:
- 10:00 h. Inauguración
- 10:30 h. Conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, por César Antonio Molina (Casa del Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez).
- 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?, por Thomas Harrington (Trinity College, Hartford-Connecticut).
- 13:00 h. Mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana: Xosé Luís Franco Grande (escritor),
Rexina Vega (Universidade de Vigo) e Xosé M. Dasilva (Universidade de Vigo)..
- 16:30 h. Sesións de comunicacións.
- 18:00 h. Mesa redonda Cunqueiro e os medios de comunicación: Miguel Somovilla (Director de comunicación da RAE), Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela).
- 19:30 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística, por Anxo Tarrío (Universidade de Santiago).

* Xoves, 29 de setembro:
Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza, 9).
- 09:30 h. Sesións de comunicacións.
- 11:30 h. Pausa.
- 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica, por Regina Zilbermann (Universidade de Rio Grande do Sul).
- 13:00 h. Mesa redonda O herdo de Cunqueiro: Xosé María Álvarez Cáccamo (escritor), Francisco Salinas (Universidade da Coruña) e Xosé Miranda (escritor).
- 16:30 h. Sesións de comunicacións.
- 19:00 h. Conferencia Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia/Merlín y familia, por Martine Roux (Universidade de Angers).
- 20:00 h. Proxección cinematográfica (CGAI).

* Venres, 30 de setembro:
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela:
- 09:30 h. Sesións de comunicacións.
- 12:00 h. Conferencia Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción, por Fernando Valls (Universitat de Barcelona/Universidade de Berlín).
- 13:00 h. Mesa redonda O popular en Cunqueiro, con María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago de Compostela), Camino Noia (Universidade de Vigo) e Marcial Gondar (Universidade de Santiago de Compostela).
- 16:30 h. Sesións de comunicacións.
- 19:00 h. Conferencia Os lugares do intelectual, por Jordi Gracia (Universitat de Barcelona).
- 20:00 h. Representación teatral.

* Sábado, 1 de outubro:
Vigo, nun lugar pendente de confirmación
- 10:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental, por Alberto Moreiras (TAMU, Texas A&M University).
- 11:00 h. Mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con César C. Morán Fraga (escritor), Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona).
- 13:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona, por John Rutherford (Universidade de Oxford).

- Inscrición:
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do Consello da Cultura Galega. O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza. As persoas con comunicación aceptada deberán seguir o mesmo procedemento de preinscrición que o resto das persoas interesadas (formulario de preinscrición). O número de prazas é limitado (100 persoas).

- Tarifas de inscrición:
O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta: NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172. Importante: O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza.
• Inscrición con comunicación: 40 euros.
• Inscrición sen comunicación: 20 euros.
• Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.
Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.»

Chuzame! A Facebook A Twitter