A Coruña: Gala das Letras da AELG 2013

Os 425 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que comezará ás 20:00 do vindeiro sábado 4 de maio no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.

Son finalistas as obras:

Blogs Literarios
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
- Criticalia, de Armando Requeixo
- Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández

Ensaio
- Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
- O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento)
- Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais)

Literatura Infanto-xuvenil
- Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais)
- O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
- O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia)
- Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais)

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2012
- Ana Romaní
- Blanca-Ana Roig Rechou
- Carme Vidal
- Fran P. Lorenzo
- Iago Martínez
- María Solar
- Moncho Paz
- Ramón Nicolás

Narrativa
- A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais)
- As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
- Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais)
- Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia)

Poesía
- Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
- Emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora)
- Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)
- O silencio, de Mario Regueira (Xerais)
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros)
- ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais)

Teatro
- Banqueiros, de VV. AA. -Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
- Novo teatro fantástico, de Manuel Lourenzo (Laiovento)

Tradución
- Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
- Carné de identidade, de Mahmud Darwix, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat (Barbantesa)
- Gretchen, miña nena, de Christine Nöstlinger, en tradución Isabel Soto (Oxford University Press)
- O home unidimensional, de Herbert Marcuse, en tradución de Jesús Saavedra (Universidade de Santiago)
- O sentido dun final, de Julian Barnes, en tradución de Xesús Fraga (Rinoceronte)

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
  • Tamén se recoñecerán os Premios da Crítica Galega nas categorías de Narrativa e Poesía (Begoña Caamaño, por Morgana en Esmelle e Manuel Álvarez Torneiro por Os ángulos da brasa).

No transcurso da gala a AELG tamén entregará aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

A Gala das Letras contará coas actuacións musicais de César Morán e Uxía Senlle, e é un acto aberto con entrada libre até completar aforo.

A duración prevista é de 2 horas, aínda que as obras gañadoras daranse a coñecer durante a primeira hora da Gala.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cáceres: conferencia e recital poético de Mario Regueira e Lorena Souto

O xoves 18 de abril, ás 12:00 horas, no Laboratorio 2 da Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres, o Centro de Estudos Galegos de Cáceres, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ofrece unha nova conferencia na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade.
Mario Regueira e Lorena Souto presentarán en Cáceres os relatorios Literatura galega, unha literatura política e Resistir hoxe: Novos panoramas na poesía galega actual nos que, ademais de facer un percurso histórico polos diferentes períodos, recitarán versos propios e doutros autores/as da nosa literatura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Trinta e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2013

Os 425 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na gala que terá lugar o 4 de maio no auditorio do Centro Ágora da Coruña.

Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:

Blogs Literarios
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
- Criticalia, de Armando Requeixo
- Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández

Ensaio
- Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
- O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento)
- Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais)

Literatura Infanto-xuvenil
- Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais)
- O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
- O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia)
- Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais)

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2012
- Ana Romaní
- Blanca-Ana Roig Rechou
- Carme Vidal
- Fran P. Lorenzo
- Iago Martínez
- María Solar
- Moncho Paz
- Ramón Nicolás

Narrativa
- A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais)
- As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
- Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais)
- Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia)

Poesía
- Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
- Emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora)
- Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)
- O silencio, de Mario Regueira (Xerais)
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros)
- ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais)

Teatro
- Banqueiros, de VV. AA. -Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
- Novo teatro fantástico, de Manuel Lourenzo (Laiovento)

Tradución
- Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
- Carné de identidade, de Mahmud Darwix, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat (Barbantesa)
- Gretchen, miña nena, de Christine Nöstlinger, en tradución Isabel Soto (Oxford University Press)
- O home unidimensional, de Herbert Marcuse, en tradución de Jesús Saavedra (Universidade de Santiago)
- O sentido dun final, de Julian Barnes, en tradución de Xesús Fraga (Rinoceronte)

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

No transcurso da gala a AELG tamén entregará aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Parlamento das Letras: Mario Regueira

Entrevista de Armando Requeixo a Mario Regueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
- Mario Regueira (MR): É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.
Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder. (…)
- AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
- MR: É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.
A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros finalistas dos Premios da Edición 2012

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O vindeiro 15 de marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia. As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.
As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.
As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o 15 de Marzo en Vigo.

FINALISTAS

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2012
- Outono aquí, de Mario Regueira, editado por Sotelo Blanco.
- Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño, editado por Galaxia.
- As voces baixas, de Manuel Rivas, editado por Xerais.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO NO ANO 2012
- Ruído de fondo, de Daniel Salgado, editado por Xerais.
- Tigres de ternura, de Claudio Rodríguez Fer, editado por Toxosoutos.
- O silencio, de Mario Regueira, editado por Xerais.
- Breizh, de Miro Villar, editado por Toxosoutos.
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, editado por Kalandraka.
- Fase de trema, de Lorena Souto, editado por Espiral Maior.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN NO ANO 2012
- Os señores da mentira, de José Carlos Bermejo Barrera, editado por Lóstrego.
- Herdeiros pola forza, de Manuel Gago e Xurxo Ayán, editado por 2.0 Editora.
- Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
- O carballo, de Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
- Como falar e escribir en galego correctamente e con fluidez, de Carlos Callón, editado por Xerais.
- O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz.

PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2012
- Diario de inverno, traducido por Eva Almazán, editado por Galaxia.
- Miguel Strogoff, traducido por Ánxela Gracián, editado por Baía Edicións.
- Alén da fronteira. Sete poetas vascos, traducido por Isaac Xubín, editado por Kalandraka Editora.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2012
- Paxaro de mar e vento, ilustrado por Xosé Cobas, editado por Biblos.
- Compendio de herbas máxicas, ilustrado por Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
- Almanaque musical, ilustrado por David Pintor, editado por Kalandraka Editora.
- O carballo, ilustrado por Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
- Oso atrapabolboretas, de Susanna Isern & Marjorie Pourche, editado por OQO Editora
- Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás, editado por Biblos.
- Cartas de inverno, ilustrado por Antonio Seixas, editado por Xerais.

PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2012
- Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo, editado por Biblos.
- O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, editado por Xerais.
- A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, editado por Galaxia.
- Titiricircus, de Miguel Borines, Tatán, Tanxarina, editado por Kalandraka Editora
- Carabuñas, de Charlotte Pardi, e editado por OQO Editora.
- María Fumaça, de Uxía Senlle, editado por Galaxia.
- A punta de pistola, de Fran Alonso, editado por Xerais.
- Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2012
- Peixes. Cociña infantil, de varios autores, editado por Ouvirmos.
- Inventario ilustrado de animais, de Virginie Aalakjidi, editado por Kalandraka.
- Rosa caramelo, de Adela Turín, editado por Kalandraka.
- O carballo, de Carlos Silvar, editado por Baía Edicións.

PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2012
- Colección Xornalistas, de 2.0 Editora; OQO Filmes, de OQO Editora, Galaxia Tales, de Editorial Galaxia; e John Balan, un yanqui en la Corte de Breogán, de Teófilo Edicións.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA NO 2012
- Manuel Gago, Xornalistas de Galicia (VVAA), Fina Casalderrey e Marcos Calveiro.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lugo: edición nº 31 da revista oral O Pazo das musas

O xoves 27 de decembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 31, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará centrado nos centenarios de Manuel Lerias Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912) e Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979). O sumario é o seguinte:

- Portada musical. Pilocha (3 minutos).
- Proxección. Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro). Video creado polo alumnado de 3º ciclo de E. Primaria do CEIP da Barqueira, Cerdido (A Coruña) (2 minutos).
- Celso Emilio. A Di-versíada de Celso Emilio Ferreiro, por Armando Requeixo (10 minutos).
- Música. por Pilocha (3 minutos).
- O son da nosa fala (Radio Lugo), por Paco Nieto e Tania Lombao (10 minutos).
- Música. por Pilocha (3 minutos).
- Proxección. Monólogo do vello traballador (Celso Emilio Ferreiro). Videopoema creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira con motivo do recital poético Ergueremos a esperanza, celebrado na Universidade de Deusto o 26 de abril de 2012 (3 minutos e 22 segundos).
- M. Leiras Pulpeiro. Manuel Leiras Pulpeiro: o poeta que amou a Verdade e practicou o Ben, por Armando Requeixo (10 minutos).
- A obra de M. Leiras Pulpeiro na voz do alumnado do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo. Participan alumnos/as e profesores/as deste centro, coordinados polo Departamento de Lingua e Literatura Galega (12 minutos).
- Música. Pilocha (3 minutos).
- Lecturas da obra de Leiras Pulpeiro (Banco de Voces de Radio Lugo). Convidaremos aos asistentes a ler un poema de M. Leiras Pulpeiro, converténdose así nos primeiros colaboradores dun ambicioso proxecto da emisora Radio Lugo para que a poesía teña presenza continuada na súa programación e, ademais, ir facendo realidade un arquivo oral que se vai denominar Banco de Voces de Radio Lugo (10 minutos).
- Opinión. Intervención do público (5 minutos).
- Epílogo. Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 minutos).
- Contraportada musical. Pilocha (3 minutos).

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2012

Desde o blogue de Francisco Martínez Bouzas, Novenoites:
“O xornalista e narrador ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) obtivo o sábado 24 de novembro o Premio Lueiro Rey de Novela Curta,  na súa XIX edición, que convoca e organiza o Concello do Grove coa colaboración da Editorial Sotelo Blanco de Santiago de Composta. A novela de Juan Tallón, Fin de poema, foi galardoada por unanimidade dos membros do xurado presidido por Manuel Quintáns en formado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Mario Regueira e quen asina isto. (…) O xurado valorou por unanimidade o gran valor literario desta aposta narrativa que sairá á luz no vindeiro mes de xaneiro, editada por Sotelo Blanco Edicións, e que supera de xeito incuestionable o intranscendente, o sentimental, o comercial e as puras lambetadas narrativas.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: Mario Regueira e Xesús Fraga conversan sobre A música na literatura galega

O mércores 7 de novembro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Mario Regueira e Xesús Fraga proseguen co Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa que versará sobre A música na literatura galega, coordinados polo xornalista Iago Martínez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

As voces de Celanova e Baixa Limia

Artigo de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“Como sabemos a literatura galega é inseparábel do seu contexto socio-político, ao que van ligadas as súas loitas pola visibilidade e unha boa parte da noción de conxunto que temos os seus escritores. Nese sentido, e na comparación odiosa con outras literaturas que tiveron mellor sorte histórica, queda sempre un paso por detrás o tratamento que lle damos á literatura local, a que está fixada a un territorio aínda máis reducido que o que loitamos a diario por visibilizar. Estas literaturas rexionais, tomadas ás veces cun certo escepticismo por parte dos axentes que se moven no campo nacional, poderían corresponder a un dos eidos máis marxinalizados da nosa cultura. E porén, a pesar diso, as realidades locais móvense profusamente e maniféstanse en iniciativas como o Día das letras chairegas ou en traballos editoriais de interese local específico como os que abundan en Ferrolterra. Na súa maioría corresponden a movementos artellados ao redor de asociacións, librarías ou pequenas editoras, e que aglutinan ademais a unha miríade de autores diversos. A última achega deste fenómeno é a antoloxía Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte e que serve para conmemorar o cuarto de século da libraría Conde de Celanova cunha colección de voces vivas, tanto de autores consagrados, como de persoas relevantes do punto de vista cultural que achegan a súa particular visión destas terras e da súa ligazón con elas. Sen un tema nin un xénero específico, as distintas achegas van da creación literaria, aos apuntamentos de historia ou lingüística, pequenas anécdotas ou lembranzas asociadas a aquela terra. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mario Regueira: “A crise é unha guerra económica contra unha parte da poboación á que se tenta culpar con mentiras”

Entrevista a Mario Regueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Un dos personaxes principais de Outono aquí, Guillerme, non é quen de enfrontarse ao seu propio pasado. Algo semellante pasaba en L’affiche rouge: persoas que fuxían da súa realidade… Por que?
- Mario Regueira (MR): Cando concibo as novelas non vexo tanta continuidade, pero é certo que a xente notou iso, e que se cadra poño o foco en personaxes que tentan solucionar os seus conflitos internos, atopar o seu lugar, acomodar o peso do seu pasado cunha perspectiva incerta do seu futuro… Non é algo feito a mantenta de modo consciente, pero si é certo que no meu modo de entender a narrativa ten que ver con darlle moita importancia a eses conflitos internos. (…)
- P: Teresa Moure propón unha visión queer da literatura galega. E cita como un dos exemplos desta perspectiva a túa obra. É certo que a homosexualidade está presente en todos os teus libros, con ese enfoque de superar os binomios dominantes, non si?
- MR: É certo que eu teño unha aposta persoal, e política, de visibilización desa realidade, e de creación dun discurso sobre ela. Porque os seres humanos somos ricos en experiencias, non somos ou branco ou negro, non ten sentido encasillarnos. Aínda que se consideras o que é o queer fóra de aquí, tampouco é tan doado encaixar os meus libros niso, pois está presente máis ben en tramas secundarias… (…)
- P: O silencio é o título do teu novo poemario. Aínda que o silencio e as súas consecuencias están moi presentes no resto da túa obra, non si?
- MR: No caso de Silencio é en concreto a pausa entre os bombardeos. Nas guerras non todo son bombas, non todo é tan ruidoso e evidente, pero hai cousas que ocorren en silencio e producen un efecto tan malo ou peor. E se cadra todo iso é hoxe máis verdade que nunca. A crise é unha guerra económica que se fai contra unha parte da poboación á que se pretende culpar con mentiras, con ideas vagas como que “vivimos por enriba das nosas posibilidades”. En realidade é todo unha gran agresión de banqueiros, políticos… Ninguén nos está bombardeando, pero chegará un día en que lembraremos o que está a pasar como lembraron os nosos pais e os nosos avós os escenarios de despois da guerra. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter