Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”

Elvira Ribeiro acada o Premio Leiras Pulpeiro de poesía

DesdeElvira Ribeiro Sermos Galiza:
“O Concello de Mondoñedo vén de dar a acoñecer o IV Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, cuxa gañadora é Elvira Ribeiro pola obra Playlist para unha retirada.
Elvira Ribeiro (Cerponzóns, Pontevedra, 1971) acadou o primeiro premio, dotado con 1.500 euros; o segundo foi para Óscar García Ramos, da Coruña; e o terceiro para Martiño Maseda. (…)”

Cuestionario Proust: Martiño Maseda Lozano

DesdeMartiño Maseda o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Martiño Maseda:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade (na medida en que non se convirta en algo ofensivo).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir emocións.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir o presente con quen amo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Deixar de existir.
8.– Que lle gustaría ser?
– Paxaro, para fuxir de tanto ruxido e claustrofobia.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que crease a miña fantasía.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gallardía da chorima.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas. Por exemplo: Neira Vilas, García Márquez, Miguel Delibes, Manuel Rivas
14.– E na poesía?
– Calquera poeta que sexa capaz de amosarme a beleza da realidade nun verso. Sen ir máis lonxe, convivo con alguén así.
15.– Un libro?
Memorias dun neno labrego.
16.– Un heroe de ficción?
– Son Goku.
17.– Unha heroína?
– Scarlett O’Hara.
18.– A súa música favorita?
– Son musicalmente ecléctico.
19.– Na pintura?
– Velázquez, Goya, Antonio López, Edward Hopper…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A muller.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar mentres se mastiga a comida.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía, a mentira, a humillación…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A do ditador, sexa Franco, Hitler, ou calquera outro.
25.– Un feito militar que admire?
– Son antibelicista.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da doada improvisación.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrir. Aínda que considero a morte como unha eiva inadmisible (mais que resulta inexorable e necesaria) no proceso existencial do ser humano.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Baixo os efluvios da retranca.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A indecisión, a pusilanimidade…
30.– Un lema na súa vida?
– Non vivir a vida en balde.”

Carlos Pereira gaña o Certame Literario do Concello de Vilalba con Río Alzheimer

A XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba ten gañadores: o primeiro premio, dotado con 3000 euros, flor natural e diploma, foi para Carlos Pereira Martínez, polo poemario Río Alzheimer; o segundo premio, dotado con 1000 euros, flor natural e diploma, recaeu en Martiño Maseda Lozano, de Xoibán (Vilalba) polo poemario Entre as paredes do silencio. Asemade, o xurado acordou crear unha mención especial, dotada con diploma e flor natural, para o poemario Trinta cantigas e cinco alalás, de Marcial González Vigo, de Lugo. O xurado do premio estivo formado por José María García-Leira, Darío Villanueva, José Carlos Andina, Fidel Fernán e Xulio Xiz. O libro premiado será publicado por Espiral Maior.