Un souto do Val do Mao leva xa o nome da escritora Marica Campo

Desde Sermos Galiza:
«Acompañada e querida tívose que sentir a escritora Marica Campo ao ir recibindo ás máis de duascentas persoas que se trasladaron de todas partes da Galiza para partillar na xornada que a República das Letras lle tributou. E non só desde o país. Desde Granada desprazáronse Aurora López e Andrés Pociña e desde o País Vasco chegou o amigo Xosé Estévez. Amigas e amigos da poesía como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Marta Dacosta, Medos Romero, Margarita Ledo ou o propio Cesáreo Sánchez Iglesias participaron nos actos durante toda a xornada nos que tamén tomaron parte coñecidas figuras non só das letras senón tamén da política e o sindicalismo. Polo Incio estiveron Pilar García Negro, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Mario Outeiro, Cosme Pombo, Silverio Rivas, Montse Prado, Mercedes Queixas, Estravís, Carme García Negro, Ramón Varela, Saleta Goi, Anxo Louzao, David Otero, Xosé Ramón Freixeiro Mato -autor da laudatio- e moita familia e veciños do Incio, a terra na que naceu Marica Campo e na que garda lembranzas da súa infancia e do seu achegamento á literatura.
Por aí discorreron os seus dous discursos, o primeiro na Casa do Concello, coa alcaldesa como anfitrioa e o segundo no Campo da Festa que leva xa o seu nome, pola relación co Val do Mao que fixo que se remitise á infancia feliz no que a literatura comezaba a gañar espazo. Marica Campo falou de maneira íntima e persoal, lembrando episodios familiares para os amigos e amigas, recoñecendo a súa intensa relación da lingua que coñeceu no Incio, o seu compromiso co idioma e as primeiras achegas a un mundo literario que a había acompañar ata hoxe. En diversas ocasións, a escritora tivo que parar, interrompida polas palmas que se manifestaron, de maneira especial, nos fragmentos nos que a autora reparaba na reivindicación do uso da lingua en tempos nos que as dificultades se incrementan.
No souto, o Campo da Festa, xa queda prendida unha placa que lle dá o nome da escritora a ese espazo que tantas lembranzas ten para ela, boas e malas, intensas fixo, daquelas que quedan para toda a vida porque forman parte da biografía de cada quen. Ao pé da igrexa, do singular camposanto cuberto e do campo de lecer e encontro, no que a música ecoa a través do tempo. Alí queda tamén o monolito cun poema da autora labrado na pedra, o Val do Mao, primeira composición do primeiro libro, poema inaugural da traxectoria literaria da ilustre veciña do Incio.
“Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” dixo Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor da laudatio coa que homenaxeou á autora.
Tamén Cesáreo Sánchez, que pronunciou dous discursos nos dous actos da xornada, se dirixiu a Marica Campo para dicir: “Na túa palabra que é idioma na súa máis fonda raíz vai a tranparencia do río primeiro de primavera, vai o noso presente que escoitamos nos ecos da memoria que son patria. E no teu Eu cabe o Nós que contén todos os seres que somos sen nós saber”.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista a Mercedes Queixas na entrega dos Premios Xerais 2013

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Incio e Val do Mao: Homenaxe A Escritora na súa Terra a Marica Campo, o sábado 15 de xuño

A Homenaxe A/O Escritor/a na súa Terra que cada ano impulsa a AELG chega neste 2013 á súa XIX edición, recaendo en decisión por unanimidade da Asemblea de Socias e Socios na figura de Marica Campo.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de case dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeada cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha camelia elixida pola propia autora), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público, neste caso ao Campo da Festa – Souto Marica Campo.

PROGRAMA

11:30 h. Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio).
Acto de entrega da letra E.
Interveñen:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio.
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.

13:00 h. Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao).
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Marica Campo.

A organización conta co apoio do Concello do Incio, a Deputación Provincial de Lugo e a Consellaría de Cultura.

LAUDATIO

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Incio e Val do Mao: Homenaxe A Escritora na súa Terra a Marica Campo, o sábado 15 de xuño

A Homenaxe A/O Escritor/a na súa Terra que cada ano impulsa a AELG chega neste 2013 á súa XIX edición, recaendo en decisión por unanimidade da Asemblea de Socias e Socios na figura de Marica Campo.
Terá lugar o sábado 15 de xuño no Concello do Incio, a partir das 11:30 horas.
Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante «A Veiga» e cuxo prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa habilitada ao efecto. As persoas interesadas en asistir ao xantar deben confirmalo chamando, até o luns 10 de xuño -inclusive-, ao teléfono 981 133 233, ou enviando un correo electrónico a: oficina@aelg.org.

PROGRAMA

11:30 h. Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio).
Acto de entrega da letra E.
Interveñen:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio.
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.

13:00 h. Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao).
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Marica Campo.

14:30 h. Hotel-restaurante “A Veiga”, Samos (Estrada Samos-Sarria).
Xantar de Confraternidade. Aberto a Socios/as da AELG, á veciñanza do Incio e demais persoas interesadas.

LAUDATIO

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dores Tembrás gaña o XVI Premio de Poesía Concello de Carral

«Dores Tembrás, coa súa obra Cronoloxía da urxencia resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado resalta da obra gañadora que é un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíces. A autora emprega unha depurada linguaxe conceptual, con poemas breves e limpos, resultando un libro equilibrado e unitario de principio a fin.
O xurado estivo formado por Mercedes Queixas Zas, Francisco X. Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
Ao certame presentáronse un total de 38 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2013. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Teatro, de Roi Vidal. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

O venres 10 de maio, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Sánchez Rei, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vídeo da entrevista a Yolanda Castaño e Mercedes Queixas na presentación de Forked Tongues en Dublín

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crónica da conferencia de Pilar García Negro nos VI Encontros Cidade da Coruña

Esta é a crónica da conferencia de Pilar García Negro que inaugurou o 11 de abril os VI Encontros Cidade da Coruña, desde a web da Real Academia Galega:
«O presidente en funcións da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo, introduciu o acto felicitando á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pola gran transcendencia social acadada polo seu traballo nos últimos anos, e felicitouse pola oportunidade de poder desenvolver actividades conxuntas, «en certo sentido, somos institucións irmás, e esta liña de colaboración debe proseguir no futuro».
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, concordou, na súa quenda, coas palabras de Axeitos Agrelo «tanto a AELG como a Academia temos por obxectivo principal a defensa da lingua galega, un labor que se tornou aínda máis difícil nos últimos tempos». O presidente da AELG proseguiu a súa intervención expoñendo a temática escollida para a sexta edición dos Encontros, «a sociedade actual crea espazos invisibilizados habitados por voces e silencios imprescindibles para explicar a historia da humanidade, con este ciclo de conferencias o que pretendemos é xustamente deitar luz sobre estas zonas escurecidas».
Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG, foi a encargada de presentar á profesora Garcia Negro, de quen destacou a súa autoridade recoñecida nos ámbitos da sociolingüística, a literatura galega, o feminismo e as linguas minorizadas, «pero ela soubo entrelazar sempre o estudo destas materias, e non traballalas como se de compartimentos estanco se tratase «, comentou Queixas Zas, quen subliñou tamén o fondo compromiso político e social da profesora García Negro, testado na súa participación en multitude de iniciativas de carácter comunal, desde asociacións culturais de base ata o propio Parlamento de Galicia.
«Á escritora inglesa J. K. Rowling recomendáronlle, cando publicou o seu primeiro libro, que asinase cun pseudónimo masculino, pois ben, cento corenta anos antes, neste recuncho apartado do continente europeo, Rosalía xa asinaba os seus libros co seu nome», empezou sinalando García Negro, para continuar enfiando o seu discurso titulado Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, no que analizou as claves diferenciais da obra de Rosalía de Castro. García Negro apuntou ademais que esta toma de posición non foi exclusiva de Rosalía, outras escritoras galegas do Dezanove como Concepción Arenal, Sofía Casanova, Pardo Bazán ou Fanny Garrido, asinaron as súas obras tamén co seu nome.
Para García Negro, este feito converte a Galicia nunha rareza no panorama literario do seu tempo, e acrecentou a súa importancia lembrando o caso de dous escritores galegos, Montenegro Saavedra e Lamas Carvajal, que empregaban ás veces un pseudónimo feminino. «Xa Álvaro de las Casas sinalou, na súa antoloxía de literatura galega, que en Galicia a muller non segue ao home, senón que máis ben o acompaña á mesma altura».
A continuación, García Negro apuntou algunhas características que diferencian a obra de Rosalía da de contemporáneas súas como Gómez de Avellaneda ou Pardo Bazán, como o feito de que a Poeta do Sar escribise sempre desde o bando dos desfavorecidos, mentres que as outras se aliñaban co poder. Tamén foi un trazo definitorio da obra rosaliá a súa independencia respecto dunha suposta escola tardorromántica española –a de Espronceda ou Zorrilla- na que certa crítica teimou en clasificala. Segundo lembrou García Negro, «Rosalía non é filla do romanticismo, o cerne da súa obra é máis ben un impulso patriótico que ten como obxectivo transformar o galego nunha lingua culta, e como protagonista epónimo, o pobo máis humilde».
García Negro combateu tamén a concepción de Rosalía como escritora amanuense de Murguía e allea aos grandes debates intelectuais do seu tempo, unha visión reducionista que a definía como unha autora «dotada dunha sensibilidade hipertrofiada, o que explicaría o seu éxito en capas sociais populares e non moi ilustradas, como a dos emigrantes». «En resumo», concluíu a profesora, «existe, en Rosalía, como en todos os clásicos, certa dose de misterio e enigma que permite que nunca sexa lida completamente, pero tamén hai unha gran dose de elocuencia e clareza».»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Crónica-reportaxe de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
«Este sábado 13 de abril, Fornelos de Montes, como París na célebre novela póstuma de Hemingway, era unha festa. Unha festa da poesía, da palabra entre amig@s, do pracer da lectura e do recordo polos que foron bos e xenerosos e sempre connosco van.
E velaí como dende ben cediño a banda de gaitas do concello percorreu as rúas da vila amenizando a xornada con seus acordes, música para os versos que logo resoarían nas lastras e casas grandes na celebración da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, organizado polo cámara municipal co seu alcalde Emiliano Lage Rodríguez á fronte e mais a benemérita Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, coa súa presidenta, a ubicua Carmen Carreiro, axudando a coordinalo todo para que nada fallase en tan sinalado día.
As moitas xentes que participaron das actividades tiveron tamén a oportunidade de adquirir novas lecturas, pois a pontevedresa Librería Paz desprazou un posto ata a localidade no que se ofertaron, amais do libro gañador do certame —o poemario As uñas crecen de Silvia Penas— todas as obras do escritor de Fornelos e moitas outras novidades editoriais de noso.
Os actos propiamente ditos deron comezo ás doce do mediodía, cando, no multiusos da vila, o alcalde, acompañado de parte da corporación, deu oficialmente a benvida aos asistentes e congratulouse publicamente pola ledicia que supuña poder presidir o acto de entrega da primeira convocatoria dun premio que, dende o seu propio nome, nacía coa vocación de lembrar e homenaxear a quen foi un dos máis senlleiros fillos do concello, que tiña na sala unha nutrida representación dos seus descendentes, entre a que se contaban varios dos seus fillos e netos.
A seguir, e logo da pertinente lectura da acta do xurado, tomou a palabra o profesor e ensaísta Luís Cochón, quen, en calidade de presidente do xurado do premio (que se completou cos nomes da crítica e investigadora Mercedes Queixas Zas e mais quen isto escribe, tamén presentes), fixo un completo retrato da figura de Lueiro Rey no que non faltaron as palabras que ao autor dedicaron outros compañeiros da escrita como, poño por caso, Uxío Novoneyra, facendo especial fincapé no que este representou para a sociedade a literatura galegas do seu tempo, memoria que se perpetúa con este premio que tan alta participación alcanzou xa nesta convocatoria primeira.
Inmediatamente despois, Olegario Sotelo Blanco, como editor responsable do volume gañador, quixo significar o mérito que para el supuña que un concello como o de Fornelos de Montes, no actual contexto, tivese feito o esforzo de botar a andar unha iniciativa coma esta, na que se honra un fillo querido do concello e un brillante escritor galego, á vez que amosou o seu incondicional apoio ao premio ao que desexou longa vida.
Acabada esta intervención, procedeuse á entrega do galardón a Silvia Penas Estévez, quen, amais do premio en metálico, recibiu tamén un diploma acreditativo e mais o primeiro exemplar de As uñas crecen, poemario acabado de saír do prelo de Sotelo Blanco Edicións co que a escritora se fixo acredora do premio. A viguesa pronunciou unhas palabras de agradecemento, nas que non esqueceu nin as entidades convocantes nin o xurado, pero que remansaron sobre todo no recordo do Lueiro Rey, a quen a poeta dixo admirar ata o punto de querer xunguir o seu nome ao deste co concurso no premio.
Tras a entrega, deuse paso á proxección dun valioso vídeo realizado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez e coordinado polo profesorado deste centro, con Óscar Martínez Iglesias á cabeza. Nel, os escolares da zona recitaron versos da obra de Lueiro Rey, confirmando coas súas voces noviñas que a escrita do seu paisano segue viva entre as novas xeracións daquel lugar.
Logo desta proxección, que gañou o aplauso acendido do numeroso público e familiares concorrentes, a gañadora deleitou á concorrencia co recitado, de cor, de dous longos poemas do seu libro, que tamén mereceron a admirativa resposta dos alí presentes.
Finalizadas as alocucións, e tras asistir á interpretación do himno galego por parte da banda de gaitas do concello, o alcalde despediu o acto animando a todos a apoiar coa súa asistencia vindeiras convocatorias do premio e convidou á veciñanza a un pequeno refectorio no que se serviu un viño galego e a os presentes tiveron tempo para falar de literatura en particular e de cultura en xeral na lembranza de Manuel Lueiro Rey, ilustre paisano que o pasado día 9 de abril estivo de aniversario natalicio.
Vaian os meus parabéns tanto para Silvia Penas, flamante gañadora do premio co excelente As uñas crecen que ben pronto estará en todas as librerías do país, coma tamén ao Concello de Fornelos de Montes e Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe quen, xunto a Sotelo Blanco Edicións, fan posible este pequeno gran milagre de dar á luz belidos versos en tempos tan sombríos.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comezan os VI Encontros Cidade da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 11 de abril, a partir das 20:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa presenza de Xosé Luís Axeitos, presidente en funcións da Real Academia Galega, do presidente e da secretaria xeral da AELG, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas respectivamente, e da relatora, Pilar García Negro, quen desenvolverá o tema Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar.
A última das conferencias será impartida pola autora portuguesa Lídia Jorge, que recollerá o premio Escritora Galega Universal concedido pola AELG.

A seguir, o programa completo dos Encontros, que se celebrarán sempre ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega:
1. Conferencia inaugural. Xoves, 11 de abril: Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, por Pilar García Negro.
2. Xoves, 18 de abril: Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, por Aurora Marco.
3. Xoves, 25 de abril: As voces ausentes. Literatura restitutoria, por Antón Riveiro Coello.
4. Venres, 3 de maio: Quem guardará os livros, por Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013.

Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até o sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter