Ribadavia: Xornada de Crítica e Teatro, o xoves 26 de xullo

En Ribadavia reuniranse os nomes máis sobranceiros da crítica teatral nos nosos medios de comunicación e debaterán cos artistas escénicos sobre aspectos vencellados aos xéneros, á actividade profesional, á relación cos medios de comunicación ou, en definitiva, o propio exercicio da crítica.
No marco da Xornada de Crítica organizada pola Sección de Crítica da AELG, quixemos nesta ocasión atender a crítica teatral a través da reunión de críticxs e artistas das artes escénicas. Así, tratarase de reflexionar sobre a presenza e ausencia da crítica nun ámbito artístico heteroxéneo e dinámico, onde se reflicten coma en ningún outro espazo cultural as particularidades dun contexto emerxente como é o galego.

- Coordinada por Inma López Silva e Roberto Pascual.
- Lugar: Ribadavia (Mostra Internacional de Teatro) Salón de actos do Concello. Praza Maior.
- Data: Xoves, 26 de xullo de 2012.
- Hora: 10:00 h.

Apertura da sesión: Presentación da xornada e estado da cuestión, por Roberto Pascual e Inma López Silva.

O gran ausente da crítica: teatro para a infancia e a mocidade

- Montse Pena Presas (Investigadora USC).
- Paula Carballeira (Escritora, actriz).
- Gonzalo Guerreiro (Elefante Elegante).
- Modera: Blanca-Ana Roig (Profesora USC).

Teatro e literatura dramática ante a crítica

- Dolores Vilavedra (Profesora USC).
- Santiago Cortegoso (Actor, director e dramaturgo).
- Francisco Pillado (Editor).
- Modera: Roi Vidal Ponte (Director de escena).

A crítica teatral nos medios de comunicación

- Mónica Caamaño (Plataforma das Artes Escénicas).
- Comba Campoy (Xornalista).
- Ana Romaní (Radio Galega).
- Camilo Franco (La Voz de Galicia).
- Manuel Xestoso (Revista Galega de Teatro).
- Modera: Inma López Silva (Revista Tempos Novos).

- 13:30 h. Clausura e acto de entrega do Premio de Honra Abrente a Francisco Pillado Maior.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Mostra de Teatro de Ribadavia homenaxeará a Francisco Pillado

“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia homenaxeará na súa edición 2012, que comezará a vindeira semana, a Francisco Pillado, ao quen lle entregará o Premio Abrente de honra. A Mostra quere recoñecer a súa “ollada ampla e preocupación activa polas letras galegas, ora dende a directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ora como director da revista Casahamlet ou da colección Arlequín de teatro ou da editorial Laiovento”. E salienta que “as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social”. Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, recoñeceu ter “unha satisfacción moi especial porque é un premio moi prestixioso, e porque a xente que levou a Mostra Internacional de Teatro todos estes anos converteu a Ribadavia na capital do teatro en Galicia”. En Ribadavia construíronse os alicerces do teatro galego, dende finais dos anos sesenta: “iamos con moita frecuencia a Ribadavia”, lembra Pillado, que salienta que “nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da democracia para nós o teatro era un gran medio de expresión de ideas”. (…)” Vía Praza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

V PREMIO ABRENTE DE TEXTOS TEATRAIS

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comprácese en convidar ao seu medio de comunicación á presentación pública das bases do V Premio Abrente de Textos Teatrais (Bases 2010 en PDF), que contará coa asistencia das seguintes autoridades:

Sr. Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.
Sr. Anxo Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Política Lingüística.
Sr. Marcos Blanco Jorge, Alcalde de Ribadavia.
Sr. Anxo Collarte Pérez, Concelleiro de cultura e educación de Ribadavia.
Sr. Roberto Pascual Rodríguez, Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

A MIT Ribadavia, o festival de artes escénicas máis significado de Galicia, continúa a apostar e a fomentar a nova creación dramática en lingua galega a través da convocatoria do seu V Premio Abrente para Textos Teatrais. O Premio Abrente conta co apoio institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e está dotado cunha cantidade de 3.000 euros para o autor ou autora da obra gañadora máis unha estatuíña realizada polo artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro), o compromiso da dirección da MIT de apoio á escenificación do texto por parte daquela compañía que presente o proxecto
artístico de mellores cualidades escénicas e a edición da obra na colección Abrente de teatro da editorial ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas.
A dirección da MIT promoveu en 2009 a creación dunha nova colección editorial de literatura dramática na editorial Difusora, dirixida por Roberto Pascual e cuxos obxectivos fundamentais son: elaborar volumes cun selo especial na calidade do seu deseño que atraian a un maior número de lectores cara ao xénero dramático, presentar os textos prologados por especialistas en artes escénicas e contribuír á construción dun catálogo editorial rigoroso, con periodicidade e criterio artístico que contribúa positivamente ao traballo dos principais axentes do sistema teatral galego: compañías profesionais de teatro, centros de ensino e colectivos amadores.

Chuzame! A Facebook A Twitter