Crear en 2012 (I)

Desde Cultura Galega:
“É certo. Esta ano houbo crise por todas partes e, como non, nas industrias culturais. No entanto, non a todo o mundo lle afecta do mesmo xeito, e se no caso das letras estamos a vivir fondas mudanzas como, por exemplo, a práctica desaparición de espazos para a crítica literaria, semella que a música está no seu esplendor creativo, e que a banda deseñada continúa unha marcha firme e continua. Falamos destes ámbitos cos nosos especialistas.
“Penso que unha das cousas máis importantes que pasaron este ano foi a desaparición de plataformas específicas para a crítica literaria, como Luces, explica Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. A desaparición de medios de comunicación de ámbito galego está a deixar este importante elemento do noso sistema literario sen espazos de expresión. “Paréceme unha auténtica traxedia, e que a xente aínda non se parou a pensar o que realmente significa isto. Hai lugares na rede pero non existe un espazo xeralista no que tropezas crítica mentres les o xornal ou escoitas a radio. Son fundamentais e cada vez quedan menos, está o Faro da Cultura, a Radio Galega e pouco máis”. A falar de boas novas, a profesora destaca “O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial para Kalandraka, que ten un grande mérito aínda que pasou algo desapercibido”. Este ano viuse tamén “o diálogo entre cine e literatura, que é un camiño de futuro. Temos dous exemplos como foi a edición de Pá negre traducido e con CD e mais a versión cinematográfica de Todo é silencio, de Manuel Rivas”.
A creación literaria
A nivel de creación apunta “un síntoma para min preocupante no que supón de involución no percorrido histórico da literatura galega que é o retorno da novela de tese, con obras como Atl, En vías de extinción e Como en Alxeria. Semella que en tempos de crise hai unha tentación de ofrecer respostas sólidas e compactas, e iso no terreo ideolóxico pode levar ao populismo e a nivel literario leva á tentación de mandar mensaxes claras e contundentes a tentar salvar o mundo desde a literatura”. En relación con isto, aínda que separado, Vilavedra sinala “a novela feminista de Begoña Caamaño, que se presenta nitidamente como unha escritora feminista. Podería ser novela de tese pero ten unha calidade literaria e unha frescura que marca unha distancia, afástase da ortodoxia e acada uns produtos para todos os públicos”. Canda a isto “biografías como a de Celso Emilio e de Murguía amosan a boa saúde deste xénero, que ten un longo camiño por percorrer. Está a medrar xa nos últimos anos e ten receptividade no público”. E despois “resulta paradoxal a aparición dunha nova colección de poesía, nun panorama de afundimento deste xénero”, como é o caso da recuperación por parte de Faktoría K da colección Tambo. (…)”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: conferencia de Xosé Ramón Barreiro sobre Murguía

O luns 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Barreiro falará sobre a figura de Murguía, de quen ven de publicar a súa biografía en Galaxia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: actividades destacadas do martes 7 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do martes 7 de agosto son:

- 19:00 h.: Presentación do libro Os señores da mentira, de José Carlos Bermejo Barrera, publicado por Edicións Lóstrego.
- 19:30 h.: Xosé Ramón Barreiro asinará exemplares da biografía de Murguía, publicada en Galaxia.
- 20:00 h.: Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes. A actriz Isabel Risco lerá algúns fragmentos do libro.
- 21:00 h.: Presentación do libro 100 anos do himno de Galicia, de Xosé Neira Vilas, publicado por Edicións Embora

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xosé Ramón Barreiro: “Murguía foi consciente de que un movemento elitista como o rexionalismo era incapaz de acadar a autonomía galega”

Entrevista a Xosé Ramón Barreiro en Praza:
“Non era Murguía un home sen contradicións. Pésimo estudante, peor administrador dos seus propios recursos económicos, ser irascible e mesiánico… Mais o seu non deixa de ser “o caso máis asombroso de fidelidade a un país”, segundo di Xosé Ramón Barreiro Fernández na súa obra Murguía, que acaba de publicar Galaxia. En case mil páxinas con fotografías ata agora inéditas, o historiador reconstrúe a biografía do que foi un dos pais do nacionalismo galego, deitando luz sobre os aspectos máis escuros arredor da súa vida. Mais afonda, sobre todo, no seu inesgotable proxecto de “rexeneración” de Galicia, que abrangue o seu traballo como escritor, xornalista e creador do rexionalismo. (…)
- Praza: A súa Historia de Galicia desafiou a interpretación esencialista de España do propio Estado liberal centralista. En realidade, esa contestación da historia oficial españolista, representada pola Real Academia de la Historia, aínda non rematou. En que medida a Historia de Galicia de Murguía pode servir aínda neste proceso?
- Xosé Ramón Barreiro: Mantén todo o seu valor non nos argumentos empregados senón nos obxectivos marcados que son dotar Galicia dunha vontade de ser propio. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xosé Ramón Barreiro: “A idea de Galicia é moi anterior á Idade Media; diso xa se decataron os romanos”

“A frase é o titular escolleito por Lourdes Varela para ilustrar a conversa que publicou, no Faro da Cultura, co historiador Xosé Ramón Barreiro, a quen entrevista co gallo da publicación do seu Murguía. Na parola, Barreiro explica as bases racionais do nacionalismo de Manuel Murguía, así como do devir histórico do noso país. Podes descargar a entrevista completa, en formato PDF aquí.” Vía Galaxia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xosé Ramón Barreiro: “Murguía foi o primeiro nacionalista galego”

Entrevista a Xosé Ramón Barreiro no Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo: ¿Cantos anos tardou en materializarse en libro esta biografía [Murguía], que quizais fora unha débeda pendente cun dos fundadores da RAG?
- Xosé Ramón Barreiro: É unha obra pensada hai moito tempo e sobre todo, elaborada moi lentamente. Murguía foi un home que escribiu moitísimo. A primeira dificultade foi atopar a información. Escribiu nun xornal de New York que tiven que conseguir e en xornais de Portugal e toda España. O primeiro labor foi o de recompilación. Enfronteime con esa gran figura que foi Murguía porque como historiador coincidín con el moitas veces. Cando facías algún traballo, moitas veces aparecía aí Murguía, adiantándose no tempo. Produciuse unha especie de chamada de historiador a historiador. E cando fun presidente da Real Academia Galega dinme conta que Murguía estaba moi presente en toda a historia da Academia. E eses elementos dan o resultado de máis de seis anos para preparar esta biografía. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xosé Ramón Barreiro: “Hai lendas falsas sobre Murguía, como que maltrataba a Rosalía ou que tiña priapismo”

Entrevista de Santiago Jaureguízar a Xosé Ramón Barreiro en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Son consciente de que vostede non usa Twitter, pero hai uns días lía a varios usuarios recoñecendo que descubriran a importancia de Murguía grazas ao seu estudo.
- Xosé Ramón Barreiro (XRB): Murguía foi unha figura excelsa, non o digo porque o estudase, que o achegamento sempre aumenta o entusiasmo. Antes de comezar a facelo xa o tiña como o intelectual máis grande do século XIX. Era un escritor e un periodista extraordinario, e un gran traballador, que dignificou todo o que se refire a Galicia.
- EP: Por que unha biografía tan voluminosa?
- XRB: El quedara escurecido pola inxente figura da súa muller. Precisamente, a ausencia dunha biografía provocou que fosen aparecendo biografías coa intención de perseguir ao personaxe.
- EP: A que atribúe esa persecución?
- XRB: Uns, de Madrid, porque non participan do seu galeguismo. Outros, aquí, porque teñen unha concepción tan pechada do nacionalismo que non o valoran polo feito de que as súas obras están escritas en castelán ou por esa lenda de que as relacións con Rosalía non eran boas. Eu non intentei facer un panexírico. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: presentación de Murguía, de Xosé Ramón Barreiro

O xoves 21 de xuño, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase Murguía, de Xosé Ramón Barreiro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Xosé Luís Méndez Ferrín, Víctor F. Freixanes e Alberto Núñez Feijoo.

Chuzame! A Facebook A Twitter