Rianxo, Celanova e Allariz: VIII Seminario sobre a memoria histórica

A AELG apoia a Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade

Plataforma pola incorporación das Ensinanzas Artísticas Superiores (EEAASS) ao sistema universitario galego.

Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade

Reunidas en Compostela, o pasado día 1 de febreiro de 2017, convocadas pola Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade, as asociacións e entidades que máis abaixo se sinalan acordan trasladar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o seu apoio á petición da Plataforma en relación coa adscrición das ditas ensinanzas ao sistema universitario galego.
En consecuencia, e tendo constancia de que existe un amplo consenso en todos os sectores implicados (alumnado, profesorado, sindicatos do ensino), ao que se suman as asociacións e entidades que promoven esta petición, e sabendo que a adscrición vai resultar sumamente positiva para a posta en valor das titulacións (con graos e posgraos), para a mellora da súa calidade, para equiparar os dereitos do alumnado, e moi especialmente para facilitar unha máis fluída e produtiva relación dos centros superiores co tecido cultural de Galicia en todo tipo de actuacións e programas,
SOLICITAN da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, segundo establece a LOMCE no seu artigo 58 (7 e 8), se poñan en marcha os mecanismos que permitan que as ensinanzas artísticas superiores e os centros que as imparten inicien a súa adscrición á universidade no curso escolar 2017-2018, proceso para o que ofrecemos todo o noso apoio e a nosa leal colaboración.

Academia Galega do Audiovisual
Asociación Cultural A Pipa de Becerreá
Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)
Asociación de Conservadores e Restauradores (ACRE)
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE)
Asociación Galega de Guionistas (AGAG)
Asociación Circonove
Asociación de Profesionais de Circo de Galicia
Asociación de Tradutores Galegos (ATG)
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg)
Dramaturga. Asociación Galega de Dramaturxia
ESCENA GALEGA, Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas
FEGATEA, Federación Galega de Teatro Afeccionado
Nova Escola Galega (NEG)
Unión de Titiriteiros Galegos (UNIMA Galicia)

Conforman a Plataforma:
Asemblea de alumnas e alumnos do CSM de A Coruña; Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia; Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo; Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia; CIG Ensino, Confederación Intersindical Galega; Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia; Conservatorio Superior de Música de Vigo; Conservatorio Superior de Música de A Coruña; Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia; FETE-UGT Galicia; STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia; Asemblea aberta de nais e pais en apoio da Plataforma pola Incorporación á Universidade das EEAASS.

Como cho digo ;-), para que os medios non traduzan a realidade galega

Desde Sermos Galiza:
“Persoas coñecidas de distintos ámbitos da cultura, o ensino ou o deporte sumáronse xa á campaña Como cho digo ;-) que esta terza feira botou a andar a CTNL nun acto que se desenvolveu no espazo cultural da Nave de Vidán e no que participaron varias das primeiras asinantes, entre as que se atopaban, María Reimóndez, Uxía, Mónica Caamaño, Federico Pérez, Jorge Mira ou Najla Shami e o propio presidente da CTNL, Nel Vidal.
Desvelouse finalmente o contido da nova campaña que busca transmitir aos medios de comunicación a vontade social de que a realidade que se produce en galego se recolla tamén na nosa lingua, sen traducións. Cada unha das persoas participantes teñen na súa traxectoria abondosos exemplos de como as súas declaracións e entrevistas foron traducidas ao seren recollidas nos medios de comunicación, de maneira especial, nos xornais e, contra esa práctica tan estendida, suman o seu apoio á nova campaña da CTNL.
“Dicimos que nos gustaría que a lingua galega se visibilizase máis nos medios e, polo tanto, que estes a usasen, cando menos, para reflectir as declaracións que se fan nesta lingua, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para crear información a partir de notas e comunicados redactados na nosa lingua, etc”, recóllese nunha campaña que ten entre as persoas promotoras a Fernando Vázquez, Yolanda Castaño, Francisco Castro, Uxía, Mónica Caamaño, Jorge Mira, Luís Davila, Avelino González, Benigno Campos, Salustiano Mato, Manuel Bragado, Sés, Manuel Rivas, Verónica Boquete, Marcos Calveiro, Ezequiel Mosquera, Xosé Manuel Pereiro, Rosa Aneiros, Susana Romero, Roi Casal ou Pilar Neira.
Sumáronse tamén á campaña entidades, asociacións e colectivos como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, A Mesa, Nova Escola Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación Galega de Editores, Associaçom Galega da Lingua, Xuíces para a Democracia, Asociación Galega de Onomástica ou Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
Pódese apoiar a campaña desde a páxina web de Como cho digo ;-). Quen se sume recibirá unha declaración personalizada no correo electrónico.”