Pontevedra: actividades do venres 24 na Feira do Libro

O venres 24 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Venres 24
- 18:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
- 19:00 h. A escritora Fina Casalderrey asinará exemplares do seu libro Fiz, o coleccionista de medos publicado por OQO Editora, na caseta de Libraría Seijas.
- 19:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, o escritor Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.
- 20:00 h. Presentación do libro +cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Suso Cancela e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A literatura infantil e xuvenil móvese na rede

Reportaxe en Sermos Galiza:
«Desde o seu nacemento, a editorial Kalandraka revolucionou a edición do libro infantil e xuvenil, en especial coa súa dedicación ao álbum ilustrado do que o selo de Pontevedra se convertiu en abandeirado. Cunha páxina web e un blogue informativo na rede, Kalandraka anuncia neste Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil no que fai quince anos da súa creación unha nova plataforma de comercio electrónico polo que os 1300 títulos que leva publicados se poderán adquirir en calquera parte do mundo. Canda ela, todas as editoriais que teñen nos seus fondos e ofrecen nas súas novidades libros de LIX teñen unha presenza activa na rede, desde Oqo Edicións á máis nova Patas de Peixe entre as especializadas, alén das xeneralistas como Xerais, Galaxia ou Baía que contan cun amplo fondo de publicacións para a xente miúda.
A rede faise eco tamén da rica creación literaria para lectores de menores idades e, desta maneira, os grandes nomes da LIX atoparon en blogues e páxinas web unha nova maneira de difusión e encontro co público lector. Con especial coidado e moita dedicación, a recente incorporación ao espazo dixital de Agustín Fernández Paz, un dos nomes máis sólidos da nosa historia literaria, supuxo unha nova ventá para coñecer a un dos autores máis lidos e posibelmente o máis traducido que verque na rede non só as súas novidades editoriais senón tamén os seus gustos literarios e os seus pensamentos persoais. Entrevistas, ensaios, publicacións e mesmo o seu blogue persoal achéganos a Agustín Fernández Paz que difunde os novos materiais a través das redes sociais. «Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia» reza o encabezamento do blogue de Xabier P. Docampo, un espazo virtual no que o autor ofrece de cando en vez episodios vitais e reflexións persoais a través da rede. Á páxina web recurriu Fina Casalderrey na súa entrada na rede, cun espazo informativo no que a autora, ademais de dar a coñecer a súa obra e a súa traxectoria literaria ofrece un interesante texto autobiográfico.
Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o escritor Miro Villar botou a andar a través do seu blogue As Crebas o sorteo de dous exemplares do seu libro O nariz de Fiz, obra que foi galardoada co Premio Pura e Dora Vázquez. «Fiz ten un can rabelo, que ven sendo isto?» preguntou o escritor na rede e coas respostas sorteará os dous exemplares para conmemorar a xornada na que faría anos o escritor Hans Christian Andersen. Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Helena Villar ou Francisco Castro son autores da LIX que contan tamén con espazos propios na rede. E non só nomes persoais dan pé a páxinas e blogues, Elena Gallego Abad deulle protagonismo ao título da súa Dragal, Triloxía do Dragón para lle outorgar protagonismo coa creación da súa páxina oficial.
Con páxina web e blogue asoma a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) que vén de publicar o catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2013, coas novidades editoriais da escrita para as idades novas. O catálogo recolle 144 títulos publicados por 40 editoras ao longo do ano 2012.
Son só algúns dos exemplos onde atopar a literatura infantil e xuvenil na nosa lingua a través da rede que nos ofrece tamén sorpresas como o celebrado blogue de Anxo e Gracia, Trafegando ronseis, que dá conta da actualidade editorial e recolle neste día o poema de Pat Mora co que mundialmente se conmemora a xornada e que para a nosa lingua trouxo a escritora Concha Blanco. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pontevedra: Seis barbudos, no Salón do Libro

O martes 19 de marzo, ás 18:30 horas, no Salón do Libro de Pontevedra, que se celebra na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, terá lugar o espectáculo interactivo Seis barbudos, baseado no libro do mesmo título de OQO Editora, coa participación de María Lado e Lucía Aldao, acompañadas dos músicos do Seminario Permanente de Jazz. A idade recomendada é a partir de 3 anos. O prezo da entrada é de 3 euros (á venda no Pazo da Cultura unha hora antes do comezo da función).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros finalistas dos Premios da Edición 2012

Desde a Asociación Galega de Editores:
«O vindeiro 15 de marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia. As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.
As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.
As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o 15 de Marzo en Vigo.

FINALISTAS

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2012
- Outono aquí, de Mario Regueira, editado por Sotelo Blanco.
- Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño, editado por Galaxia.
- As voces baixas, de Manuel Rivas, editado por Xerais.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO NO ANO 2012
- Ruído de fondo, de Daniel Salgado, editado por Xerais.
- Tigres de ternura, de Claudio Rodríguez Fer, editado por Toxosoutos.
- O silencio, de Mario Regueira, editado por Xerais.
- Breizh, de Miro Villar, editado por Toxosoutos.
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, editado por Kalandraka.
- Fase de trema, de Lorena Souto, editado por Espiral Maior.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN NO ANO 2012
- Os señores da mentira, de José Carlos Bermejo Barrera, editado por Lóstrego.
- Herdeiros pola forza, de Manuel Gago e Xurxo Ayán, editado por 2.0 Editora.
- Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
- O carballo, de Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
- Como falar e escribir en galego correctamente e con fluidez, de Carlos Callón, editado por Xerais.
- O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz.

PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2012
- Diario de inverno, traducido por Eva Almazán, editado por Galaxia.
- Miguel Strogoff, traducido por Ánxela Gracián, editado por Baía Edicións.
- Alén da fronteira. Sete poetas vascos, traducido por Isaac Xubín, editado por Kalandraka Editora.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2012
- Paxaro de mar e vento, ilustrado por Xosé Cobas, editado por Biblos.
- Compendio de herbas máxicas, ilustrado por Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
- Almanaque musical, ilustrado por David Pintor, editado por Kalandraka Editora.
- O carballo, ilustrado por Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
- Oso atrapabolboretas, de Susanna Isern & Marjorie Pourche, editado por OQO Editora
- Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás, editado por Biblos.
- Cartas de inverno, ilustrado por Antonio Seixas, editado por Xerais.

PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2012
- Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo, editado por Biblos.
- O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, editado por Xerais.
- A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, editado por Galaxia.
- Titiricircus, de Miguel Borines, Tatán, Tanxarina, editado por Kalandraka Editora
- Carabuñas, de Charlotte Pardi, e editado por OQO Editora.
- María Fumaça, de Uxía Senlle, editado por Galaxia.
- A punta de pistola, de Fran Alonso, editado por Xerais.
- Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2012
- Peixes. Cociña infantil, de varios autores, editado por Ouvirmos.
- Inventario ilustrado de animais, de Virginie Aalakjidi, editado por Kalandraka.
- Rosa caramelo, de Adela Turín, editado por Kalandraka.
- O carballo, de Carlos Silvar, editado por Baía Edicións.

PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2012
- Colección Xornalistas, de 2.0 Editora; OQO Filmes, de OQO Editora, Galaxia Tales, de Editorial Galaxia; e John Balan, un yanqui en la Corte de Breogán, de Teófilo Edicións.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA NO 2012
- Manuel Gago, Xornalistas de Galicia (VVAA), Fina Casalderrey e Marcos Calveiro

Chuzame! A Facebook A Twitter

Doce editoras galegas na Feira do Libro de Guadalajara, México

«Doce editores galegos amosarán as súas novidades editoriais na FIL, a Feira do Libro de Guadalaxara, México. A relación de editorias componse das seguintes empresas: Editorial Linteo, Editorial Ideas Propias, Kalandraka Editora, Biblos Clube de Lectores, Ediciones del Viento, Alvarellos Editora, OQO Editora, Everest Galicia, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia e MCSport. A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura participan con stand dende o ano 2008. (…) A edición deste ano non contará coa presenza de creadores e de representación institucional. A AGE conta cunha axenda de traballo propia destinada á promoción comercial da produción galega.» Desde a Asociación Galega de Editores.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os editores galegos participan na Feira do Libro de Boloña

«A Feira do Libro para rapaces de Boloña é o evento máis importante do mundo adicado ó libro infantil e xuvenil. Profesionais de todo o mundo daranse cita entre o 19 e o 22 de marzo na cidade italiana. O evento conta cun espazo de 20.000 m2 nos que se ubican os pavillóns que acollen ós editores dos cinco continentes. Mil douscentos expositores procedentes de 66 países e 5.000 profesionais. A feira conta tamén cun centro de axentes literarios e un espazo propio para ilustradores no que cada ano se monta unha gran exposición de obras para álbums ilustrados. O peso da ilustración na feira é enorme. Están acreditados máis de 70 xornalistas de todo o mundo e no transcurso da feira vanse dar a coñecer os libros. Os gañadores dos Premios Hans Christian Andersen do ano 2012 serán anunciados na feira o 19 de marzo e a cerimonia de entrega terá lugar durante o 33º Congreso Internacional de IBBY, que vai ter lugar en Londres do 23 ó 26 de agosto de 2012. O candidato da sección española é Agustín Fernández Paz, autor que tamén  foi recoñecido na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, México, do ano 2011, como Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil. Varios editores galegos participan no stand patrocinado pola Consellería de Cultura. Contarán con libros na feira os editores de Biblos Clube, Baía Edicións, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO Editora, Ouvirmos e Toxosoutos e Edicións Xerais de Galicia. Contarán con espazo propio na feira: Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións e OQO Editora. Amais dos editores destas tres empresas,desprázanse a este evento editores do Consorcio Editorial Galego, empresa distribuidora de máis de cen editorais e entidades galegas; Editorial Galaxia e Ediciones Linteo. O 20 de marzo será presentado o catálogo Galician Books for Children & Young Adults, unha publicación dos editores galegos patrocinada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia  e elaborada por GÁLIX, entidade que traballa en Galicia a prol da LIX e que forma parte da internacional OEPLI, organización europea de promoción da literatura infantil e xuvenil.» Vía Asociación Galega de Editores.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, actos de contido literario do 21 ao 23 de marzo

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

- O mércores 21 e o xoves 22 de marzo, ás 18:30 horas, no Auditorio do Pazo, María Lado e Lucía Aldao, xunto ao Seminario permanente e Jazz e a Editorial Oqo, organizan a representación de As manoplas de Carapuchiña, conto cantado. Está destinado a un público a partir de 4 anos, e as entradas custan 3 euros.
- O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntanse os libros de Anxo Fariña Os Megatoxos e o aprendiz de druída e Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, publicados en Xerais. Xunto ao autor participa Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros de OQO e Kalandraka elixidos entre os 250 mellores do mundo

«A literatura infantil editada en Galicia volve conseguir un ano máis entrar na prestixiosa selección The White Ravens 2012, que elabora a Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich entre libros en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países. As editoras Kalandraka e OQO, referentes na edición infantil, viron elixidos cadanseu libro para a exclusiva lista deste ano que se presentará o 21 de marzo no marco da 49º Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Por parte de Kalandraka incluíuse o libro gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto e por parte de OQO foi Zimbo, de Arturo Abad e Joanna Concejo o elixido como un dos mellores 250 libros infantís do mundo editados en 2011. As dúas editoras galegas participarán na feira de Boloña con postos de exposición propios segundo fixeron público nos seus comunicados.» Vía Cultura Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Guadalajara, México: Vinte editoriais galegas expoñen libros na FIL

«As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez. A FIL comeza o 27 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición. Desprázanse a Guadalajara: Francisco Villegas, de Cumio e Ellago; Benigno Paz, de KNS Ediciones; Ainhoa A. Borrás e Pedro López, de Ideas Propias, Atanasio Murillo e Manuel Conde, de Editorial Supérate; Xosé Ballesteros, de Kalandraka; Xosé Manuel Figueiras, de Distribucións Arnoia e Victor Cando de Librerías Nobel; Manuel Bragado, de Edicións Xerais e a secretaría técnica da AGE.  Dende a Consellería de Cultura desprázase o Director Xeral do Libro, Francisco López. Amosan os seus libros e novidades editoriais, Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librerías Nobel.
Programa de actividades na FIL
O 27 e 28 de novembro a AGE manterá diversas xuntanzas con editores e axentes mexicanos. O 29 de novembro entrégaselle a Agustín Fernández Paz o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Está previsto que asistan o  Presidente da AGE e o Director Xeral do Libro. O programa Ecos de la FIL, consistente na presentación dos autores e as súas obras a colectivos educativos, contempla a participación de Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, o día 30 de novembro na Asociación de Clubs de Lectura e na Escola Secundaria nº24. O día 2 de decembro estarán en na Sala de Lectura de Colima e no Colexio Alpes Cumbres. Ese mesmo día participará tamén en  Ecos de la FIL o autor premiado, concretamente na Preparatoria nº 2. Aneiros presentará a Fernández Paz na actividade El placer de la lectura, que terá lugar o día 30 de novembro. O día 1 de decembro os autores participarán nun encntro con nenos indíxenas da Serra de Durango, xunto á xornalista mexicana Lidya Cacho. Ese mesmo día e ás 6 da tarde, terá lugar Voces de Galicia, unha presentación da literatura galega na FIL.» Vía AGE.

Chuzame! A Facebook A Twitter