Modesto Fraga gaña o XIX Certame de poesía Concello de Carral

DesdeModesto Fraga o Concello de Carral:
Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.
O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice, de Eva Veiga.”

Dores Tembrás gaña o XVI Premio de Poesía Concello de Carral

Dores Tembrás, coa súa obra Cronoloxía da urxencia resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado resalta da obra gañadora que é un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíces. A autora emprega unha depurada linguaxe conceptual, con poemas breves e limpos, resultando un libro equilibrado e unitario de principio a fin.
O xurado estivo formado por Mercedes Queixas Zas, Francisco X. Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
Ao certame presentáronse un total de 38 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2013. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Teatro, de Roi Vidal. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Convocado o XV Concurso de poesía Concello de Carral

BASES DO XV CONCURSO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL

1.‐ Poderán optar ao premio todos os autores/as maiores de idade e de calquera nacionalidade, sempre que o seu traballo se presente escrito en lingua galega. Non poden participar anteriores gañadores/as deste concurso.
2.‐ Fíxase un premio único de 2.000 euros. O xurado pode declarar deserto o premio. Sobre a contía do premio aplicaranse as retencións fiscais oportunas.
3.‐ Os traballos serán orixinais, inéditos e non premiados noutros concursos no momento das deliberacións do xurado (os autores dos traballos premiados deberán comunicarllo de xeito inmediato á organización), e cunha extensión non inferior aos 500 versos.
Os traballos presentaranse por triplicado, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, debidamente grampados ou encadernados, e coas páxinas numeradas. Cada copia dos traballos presentaranse cunha portada na que figuren o título da obra e o lema ou alcume do autor/a, coincidindo no exterior co sobre pechado que debe acompañar á obras, e que conterá no interior o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, número de teléfono, correo electrónico e un breve curriculum.
4.‐ As obras presentaranse na Biblioteca Pública Municipal de Carral (Casa da Cultura, Rúa de Paleo, 17, 15175, Carral, A Coruña).
5.‐ O prazo de admisión de orixinais rematará o 31 de marzo de 2012.
6.‐ As deliberacións do xurado son secretas, e delas estenderase a acta correspondente. A decisión do xurado farase pública na primeira quincena do mes de maio.
7.‐ O xurado estará presidido polo Alcalde do Concello de Carral ou concelleiro ou concelleira na que delegue, e formarán parte do mesmo persoas de recoñecido prestixio no eido da poesía galega e a autora gañadora da edición anterior deste concurso; e actuará como secretario o técnico municipal de Cultura do Concello de Carral.
8.‐ O título do traballo gañador e o nome e apelidos do seu autor/a daranse a coñecer mediante comunicación persoal (chamada telefónica) ao autor/a premiado/a, no blog Cultura Carral, na web municipal, así como no taboleiro de anuncios da Casa da Cultura do Concello de Carral (Rúa de Paleo 17, Carral).
9.‐ Establécese un período de dez (10) días desde a decisión do xurado para presentar alegacións á citada decisión. As reclamacións, que se tramitarán ante o Rexistro municipal de Carral, serán valoradas e contestadas polo xurado.
10.‐ O Concello de Carral reservarase o dereito de publicar a obra gañadora.
11.‐ As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores ou polas persoas nas que deleguen, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao fallo do xurado. Non se devolverán traballos por correo nin por empresas de mensaxes. As obras que non sexan retiradas no prazo indicado, destruiranse.
12.‐ Corresponde ao xurado a interpretación das presentes bases.
13.‐ A participación nesta convocatoria supón a total aceptación das presentes bases.

XIII Premio de Poesía “Concello de Carral”

A Concellería de Cultura ven de presentar as bases da décimo terceira edición do premio poético “Concello de Carral”. A nova edición deste certame contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 31 de marzo. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios de máis de 400 versos escritos en lingua galega.

Para esta nova convocatoria, o Concello de Carral destina 2.000 euros de premio. O premio entregarase no mes de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación do libro gañador da décima primeira edición do concurso, titulado “Nós escoitando o badalo de Marienplatz”, do que é autora Eli Ríos, e que será publicado por Espiral Maior.

Para ampliar información, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, ou a través da web.

Bases: PDF, 484 KB

Elisabet Ríos Liste, Premio de Poesía Concello de Carral

Elisabet Ríos Liste, coa súa obra Nós escoitando o badalo de Marienplatz resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado, formado polos poetas Luis González Tosar, Lucía Novás e Paulino Peña Álvarez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Mª José García Fariña, e asistidos en calidade de secretario polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, escolleu o libro de Elisabet Ríos entre as 42 obras presentadas ao certame, salientando a súa calidade, frescura e innovación.

O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Biblioteca de Carral.