Crónica fonográfica do Congreso de Poesía Nós tamén navegar: grupo de traballo Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título do Congreso de Poesía organizado pola AELG, coa colaboración do Concello de Pontevedra, co que se pretendeu facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

Aquí pode escoitarse a crónica fonográfica completa, da que destacamos hoxe os referentes ao terceiro grupo de traballo, Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.

Presentación 3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Mercedes Queixas:

3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Ramón Nicolás:

3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Ramón Caride:

3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Estíbaliz Espinosa:

3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Coloquio:

Conclusións dos grupos de traballo do Congreso de Poesía da AELG. 40 anos de poesía galega. Nós tamén navegar

Estas son as conclusións dos grupos de traballo do Congreso de Poesía da AELG. 40 anos de poesía galega. Nós tamén navegar.

Grupo de traballo 1: Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño
Comezamos este Congreso falando do que consideramos o cambio de rumbo desta fin de século: a contribución das escritoras. A poesía galega de hoxe é como é, porque as autoras anovaron os temas, introduciron novos materiais poéticos e desmontaron a imaxe que lles reservaba a ideoloxía patriarcal falando coa súa propia voz.
Con todo, as escritoras seguen a ocupar un papel secundario na edición e nos premios e seguen a ser xulgadas, elas e a súa obra, de maneira prexuizosa con argumentos extraliterarios.
E, aínda así, a situación ten mudado de maneira positiva nestes corenta anos, como as intervenientes expuxeron, e foi enormemente beneficioso para a poesía galega, pois a contribución das escritoras foi e segue a ser esencial. Unha contribución en que desaparecen os límites xeracionais e hai unha coincidencia de obxectivos e arelas entre todas as autoras en activo desde 1990.
No congreso, subscribiuse novamente a idea que Manuel María expresara naqueles seus versos: a poesía desvela e crea a realidade. É, por tanto, o xénero que reclama para si o dereito de enunciar este tempo en que vivimos e a facelo con garantías de liberdade e de respecto para a nosa lingua.
En coherencia con isto, o Congreso expresou a súa solidariedade coas escritoras e os escritores cataláns que denunciaron recentemente os impedimentos para continuar coa súa actividade.

Grupo de traballo 2: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.)
Coordinador: Afonso Becerra
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas
A importancia desta mesa radica, en primeiro lugar, en poñer en foco unha manifestación artística e cultural como é o teatro, sobre a que se ten xerado pouca reflexión nos ámbitos comunitarios e tamén nos literarios. En segundo lugar, porque cómpre revisar e construír, cada certo tempo, un discurso arredor da poesía escénica en Galiza e dos desafíos e límites respecto ao texto literario.
Para abordar, de maneira heteroxénea e ecléctica, esa reflexión foron convidados a participar nesta mesa dous escritores e unha escritora que nos ofreceron cadansúa testemuña directa de tres maneiras de modelar o poético:
Entre outros aspectos, Miguel Sande expuxo que só a poesía pode salvar o teatro e reivindicou o teatro fóra dos edificios teatrais para poder expandirse cara a outros horizontes. Reivindicou, tamén, o valor e a fortaleza da palabra núa. Sinalou que, para el, a poesía é unha árbore primixenia e que dela saen diferentes pólas, como pode ser a novela, o poema ou a peza dramática. A poesía como unha mirada humanizadora sobre o mundo.
Antonio Reigosa apuntou que na poética da fala sempre hai unha vontade de estilo, co emprego de todos os recursos posibles. Falou das vantaxes de “oralizar” ou “dicir”, fronte a ler algo escrito, como o xeito mellor de chegar ao ouvido. Tamén nos fixo pensar en como cando escribimos violentamos a poética da fala e, incluso, como a cultura escrita inflúe na nosa oralidade.
Silvia Penas, pola súa banda, falou do traballo colaborativo no grupo poético musical Cintaadhesiva, no que ela achega os textos. Contounos como eses textos poéticos nacen e se mesturan coa música e, incluso, coa videoarte, sen que ningunha das linguaxes predomine ou prevaleza sobre a outra. Falounos de como a performance fai saír a poesía do espazo privado e como se converte nun feito comunitario. A performance e a poesía como maneira de construír novas subxectividades. O contacto, a cinta adhesiva, que é o nome do seu grupo, como metáfora de xuntar o diverso e tamén de resistencia.

Grupo de traballo 3: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia
Coordinadora: Mercedes Queixas
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa
A perspectiva diacrónica permite detectar puntos febles que actuaron como resistencias para un maior avance en positivo da práctica da poesía nas aulas.
A escola como reprodutora dos hábitos sociais, máis influenciados pola praxe consumista e material, non é allea ao afastamento das humanidades, da lectura e da poesía.
Para alén da falta de normalidade cultural, a rixidez dos currículos escolares, máis centrada en ítems cuantificadores numéricos, desatende a vontade ou vocación expresiva, creativa e emotiva do alumnado, que fica á vontade daquel profesorado preocupado polo achegamento da literatura ao alumnado, desde unha perspectiva vital contemporánea e complementaria da formación do ser humano en construción.
Asemade, a lexislación lingüística tan restritiva e penalizadora na actualidade da docencia de certas materias do ámbito científico, ademais de reforzar a diglosia e promover o non achegamento ao galego do alumnado máis novo das áreas castelanófonas, limita o desenvolvemento das habilidades propias da lectura e da comprensión en galego, o que impide o coñecemento e a posterior fixación na lingua propia.
Con todo, a firme vontade creadora das poetas converteu os puntos febles en resistencias positivas para a evolución da poesía vinculada ao ensino, ao coidado da lingua e ao convivio intercomunicador coa ciencia.
A elaboración de novas ferramentas didácticas bibliográficas, o maior achegamento aos propios autores e autoras, a impartición de obradoiros de escrita, o desenvolvemento de múltiples metodoloxías de transmisión poética (blogues, redes sociais, poesía visual, música…) colocan a poesía en diferentes rexistros próximos ao tempo das novas xeracións.
A poesía galega ten futuro porque a precisamos.

Grupo de traballo 4: Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos
Coordinador: Ramiro Torres
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa
As principais conclusións ás que se chegaron son as seguintes:
A relevancia de cuestionar e superar a perspectiva patriarcal hexemónica que lastra a tradución no noso sistema.
O recoñecemento da importancia da tradución como medio de enriquecemento da lingua e a poesía galegas, compensando a demora histórica en chegar a interiorizar no noso sistema a creatividade das demais culturas.
Analizáronse tamén as conexións de Galiza coa Lusofonía como espazo de encontro poético bidireccional non suficientemente visibilizado, constituíndo un exemplo das potencialidades existentes de diálogo con outros sistemas culturais.

Grupo de traballo 5: 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: María Xesús Nogueira
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira
Nesta mesa debateuse sobre o papel que a crítica desempeñou no relato da poesía galega destas catro décadas: a súa relevancia, as súas achegas, a súa influencia na construción do discurso historiográfico, as súas tarefas pendentes. As tres intervencións suscitaron un intenso e prolongado debate que se centrou, entre outros asuntos, en como a crítica abordou ao longo deste período a periodización (a cuestión xeracional) e o xénero.

Grupo de traballo 6: Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades
Coordinador: Carlos Negro
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz
A poesía galega contemporánea significa tamén unha aposta polo hibridismo e a fusión artística, converténdose nun campo expandido que, desde a palabra, interacciona coa imaxe, a plástica, a música, a danza, a perfomance e o videopoema. Existe, por tanto, un entorno de exploración onde se funden voz e mirada, para procurar novas linguaxes en múltiples soportes tecnolóxicos, que posibilitan tamén novos códigos expresivos (ciberpoesía).Trátase, en definitiva, de aceptar que a poesía é un ser mutante, unha especie de fotosíntese creativa que nos conecta co universo a través da perturbación das formas.

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.

INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).

FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.

PROGRAMA

VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)

Tarde
16:00 Recepción dos/as congresistas.
16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.

Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.

SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra

Mañá
10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).

Tarde
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.

Ramón Nicolás : “Martiño configúrase como o elo necesario e contemporáneo que precisaba unha historia que quería contar e que estaba ancorada no pasado”

Entrevista a Ramón Nicolás en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Cal foi o xerme de O espello do mundo?
– Ramón Nicolás (RN): Non quero usar un lugar común pero, na realidade, foi un proceso realizado a lume lento para prender un pouco de luz nun territorio da memoria, sepultado polo paso do tempo. O espazo correspondíase a un cenobio medieval feminino en San Pedro de Ramirás, do que hoxe só se conserva a igrexa orixinal. Quen poboaba aquel territorio e como era o mundo daquela foron as interrogantes, de modo breve, que intentei responder coa novela.
– P: Tras moitos anos de servizo a literatura galega dende a crítica, por que toma a decisión de participar nela como autor?
– RN: Aínda mo pregunto agora e non dou cunha resposta concreta. Eu sempre escribín, e nuns primeiros momentos publiquei algúns relatos. Con todo, por diversas circunstancias e algunhas delas un tanto fortuítas, entrei no mundo da crítica ou da divulgación e neses mares navego aínda hoxe.
O certo é que na realidade sempre contemplei o exercicio da crítica, do ensaio, da tradución, da investigación ou dos estudos biográficos como un proceso parello ao da creación. Se ben nestes ámbitos non articulas un universo literario ao uso si se dan neles outros factores creativos comúns. O salto non foi difícil malia que as regras compositivas variasen.
– P: Como foi o proceso de documentación? Foi complexo o acceso a algúns documentos?
– RN: Foi laborioso e lento pero ao tempo moi satisfactorio porque me permitiu reconstruír, dalgún xeito, un mundo que na realidade non está tan afastado de nós. Existe unha colección diplomática que recolle os textos conservados do mosteiro de San Pedro de Ramirás e que constituíu, de seu, unha axuda inestimable. Outras fontes documentais que revelaban as claves dunha época ou a biografía da co-protagonista da novela, Hildegarda von Bingen, non supuxeron unha especial dificultade para conseguir o seu acceso. (…)”

Ditame do I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Reunidos na cidade de Pontevedra, o día 26 de setembro de 2017 ás 20:00, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas e Carme Vidal coa coordinadora do premio, Carme Carreiro, en calidade de secretaria, decidiu outorgar o I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey ao artigo “O segredo mellor gardado”, presentado co pseudónimo “María Balteira”. Unha vez aberta a plica, o gañador resultou ser Xoán Carlos Domínguez Alberte.
O xurado considera que o artigo evoca a escrita xornalística reivindicativa, comprometida e de contido social de Manuel Lueiro Rey. Ademais, o tema de recuperación da memoria histórica que centra o texto constitúe un dos elementos fundamentais na traxectoria vital e xornalística do escritor nacido en Fornelos de Montes.
“O segredo mellor gardado” parte da memoria persoal e familiar agochada para reivindicar a fin do silencio. O xurado destaca tamén o interese de que a recuperación da historia de quen foi vítima da represión teña presenza nos medios de comunicación. O texto foi escollido por unanimidade entre o considerábel número de artigos presentados á primeira edición do certame que completa o abano de premios dos principais xéneros visitados por Lueiro Rey, unha vez xa están consolidados os premios de poesía e narrativa.
Escritor e profesor de ensino público, Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiros-Ramirás, 1966) ten unha ampla obra literaria na que frecuenta xéneros como a poesía, de maneira especial, o ensaio ou o teatro. Colabora habitualmente en diversas publicacións e medios de comunicación. Versos para conversar (2016) é a máis recente obra dunha traxectoria que se iniciou con Material de outono no ano 2000. Ademais, Domínguez Alberte é un activo dinamizador cultural.”

Cuestionario Proust: Ramón Vilar Landeira

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Vilar Landeira:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Certa tendencia a transitar os camiños longos e mal asfaltados e evitar as autoestradas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade, a empatía e o humor (empezando por ser quen de rir de si mesmas).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un pouquiño de todo o anterior (despois cada un que faga como poida).
4.– A súa principal eiva?
– Cústame dicir NON todas as veces que debera (aínda así, progreso adecuadamente).
5.– A súa ocupación favorita?
– Amar (en horizontal, vertical e oblicuo), conversar, viaxar, ler e escribir. Nesta orde, estrita e innegociable.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha casa dende a que se poidan ver as estrelas e na que se sinta cómoda a xente que me aprecia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desgraza dos que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Dianteiro centro do Deportivo, escritor de viaxes, cantante de baladas italianas, mestre reloxeiro ou inspector de homicidios.
9.– En que país desexaría vivir?
– Un algo en moitos, aínda que retornando sempre a Ítaca.
10.– A súa cor favorita?
– De neno era a vermella (agora gústanme todas).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os bilitroques (polas tardes dos 23 de xuño) e as magnolias (pola exuberancia do propio nome).
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira, o merlo e as andoriñas que aniñan no noso pallote.
13.– A súa devoción na prosa?
Ferrín, Dieste, García Márquez, Rulfo, Urbano Tavares Rodrigues, Coetzee, Clarice Lispector, Donald Ray Pollock, Bolaño, Carver… E algúns moito máis novos que non cito para que non saiban canto os envexo.
14.– E na poesía?
– Aquí non vou mirar ao pasado, o agora está moi ben regado: Miro Villar, Olga Novo, Cordal, Chus Pato… Ah, e tamén daría parte das miñas accións en bolsa e fondos de investimento por asinar unha morea de cancións. Parte da mellor poesía galega da última década está en cds e bandcamps.
15.– Un libro?
– O que inaugurou a miña biblioteca hai trinta e algo anos. Comproumo meu pai no máis parecido que había na parroquia a unha libraría. Entre sacos de abono, colonias e tebeos de Mortadelo e Filemón, emerxeu o Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Aínda o conservo.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son moito de heroicidades.
17.– Unha heroína?
– Fíxolle as beiras a xente que coñecía e souben de antemán que entre ela e máis eu era imposible o amor.
18.– A súa música favorita?
– As músicas todas (menos a fúnebre e a das comecartos, son tristes e molestas).
19.– Na pintura?
– Van Gogh, Gauguin, Luís Seoane e os debuxos que me regalan os meus fillos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Atópoos con frecuencia e sei que non lle gustaría que dese os seus nomes.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes son todos bonitos (a xente que os leva depende).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O durmir en roupa interior e o dogmatismo (teño comprobado que hai unha relación causa-efecto).
23.– O que máis odia?
– A soberbia, a mesquindade e a peituga de pavo nos estantes do supermercado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A historia está repleta de cabróns esféricos (deses que foron cabróns a tempo completo, mires por onde os mires). Aínda así, cústame botarlle a un soa persoa todas as culpas de como é ou foi o mundo. As responsabilidades históricas, por acción ou omisión, son colectivas.
25.– Un feito militar que admire?
– Aqueles que evitaron unha inxustiza aínda maior (tampouco se me ocorren moitos, pero seguro que algún hai).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Conformaríame con quince centímetros máis e un algo de talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vello, (repito) nunha casa dende a que se poidan ver as estrelas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Voluble, aínda que predomina o optimismo sobre o ‘repunancia’.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que veñen de fábrica.
30.– Un lema na súa vida?
– Dálle que libras (son un tipo moi apreciado polos chapistas).”

Cuestionario Proust: Xosé Benito Reza

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Benito Reza:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-A ansiedade.
5.– A súa ocupación favorita?
-Observar atenta e repousadamente a natureza.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Dispor do xusto para vivir con dignidade e de tempo para observar e describir o que vexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder un fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
-Explorador cando había mundo para explorar.
9.– En que país desexaría vivir?
-Sempre en Galicia.
10.– A súa cor favorita?
-A verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A paxariña (Aquilegia vulgaris).
12.– O paxaro que prefire?
-O pisco ou paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
-A novela histórica (Robert Graves).
14.– E na poesía?
-Curros e Celso Emilio.
15.- Un libro?
A estepa de Anton Chéjov.
16.– Un heroe de ficción?
-Corto Maltés, o antiheroe.
17.– Unha heroína?
-Mafalda.
18.– A súa música favorita?
-Cando estou ben Country, cando estou mal Mozart.
19.– Na pintura?
-Paisaxismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-David Livingstone e tamén Domingo Fontán.
21.– O seu nome favorito?
-Cristal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Os que falan sen escoitar.
23.– O que máis odia?
-A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
-A defensa dos galos en Alesia no 52 a. C.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Pintar acuarelas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Traballando na miña horta sabendo que os meus fillos están ben.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Inquedo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A confusión produto da desinformación.
30.– Un lema na súa vida?
-Estudar con cabeza, cavilar a modo e traballar arreo.”

Cuestionario Proust: Miguel Vázquez Freire

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Vázquez Freire:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tratar de atopar sempre o lado positivo das cousas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade, ou sexa, estar aí cando as precisas.
4.– A súa principal eiva?
– Certa inxenuidade ao xulgar intencións e accións.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentirme ben comigo mesmo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Asistir impotente á dor de alguén querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– En todo momento, unha boa persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame o país no que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Teño debilidade polas flores ventureiras que medran soas, desde as margaridas ata as flores dos fiúnchos.
12.– O paxaro que prefire?
– Encántame o voar das pegas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño moitas prosas sagradas e decantarme por unha depende moito do que poida estar lendo ou relendo. Vale sempre a de don Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– O mesmo que na prosa, e vale tamén Cunqueiro.
15.– Un libro?
Se isto é un home de Primo Levi.
16.– Un heroe de ficción?
– Tom Sawyer.
17.– Unha heroína?
– Alicia (do País das Marabillas).
18.– A súa música favorita?
– Depende moito das circunstancias mais en todas as circunstancias gozo con A frauta máxica de Mozart.
19.– Na pintura?
O xardín das delicias de O Bosco.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Pasteur, Fleming… os sabios e as sabias que puxeron os seus coñecementos a disposición da humanidade.
21.– O seu nome favorito?
– Arno.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Esaxerar os defectos dos outros, negar os propios.
23.– O que máis odia?
– O mesmo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Os feitos militares non me merecen admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber cantar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sendo quen de aceptala cando chegue.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Positivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A torpeza.
30.– Un lema na súa vida?
– Cómpre sempre intentar facer o mellor mesmo sabendo que sempre se poderá mellorar.”