O historiador Ramón Villares publica Identidade e afectos patrios

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“‘Gran parte da Galicia contemporánea fíxose na emigración’. O historiador Ramón Villares publica en Galaxia Identidade e afectos patrios. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: presentación da tese de doutoramento de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao

O venres 17 de novembro, ás 11:00 horas, no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da tese de doutoramento Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, por parte de Miguel Anxo Seixas. O tribunal está formado polo seu presidente, Ramón Villares Paz, o secretario, Borja de Riquer, e como vogal. Alicia Alted Vigil.

Antídoto, de Emma Pedreira, gaña o Certame Literario de Vilalba

Desde El Progreso:
“O libro da coruñesa Emma Pedreira titulado Antídoto resultou ser o gañador do primeiro premio do XLIII Certame Literario de Vilalba deste ano 2017, que organiza o Concello de Vilalba. Debido a un cambio de formato no galardón, esta é a única obra premiada aínda que o diñeiro que obtén é maior que o doutros anos, ascendendo a 7.000 euros.
O concelleiro de Cultura de Vilalba, José Antonio Pita, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director do Grupo de Radio Principal, Fidel Fernán Vello, e o xornalista Xulio Xiz, foron os membros do xurado que emitiron o veredito.
A Casa da Cultura de Vilalba acolleu o luns 21 a presentación dos dous libros que resultaron vencedores o ano pasado. O primeiro premio foi entón para Xosé Otero Canto pola súa obra Telúrica. María Xosé Lamas, con Sonetos preposicionais, acadou o segundo posto. Ambos libros xa están á venda tras ser imprimidos pola editorial Alvarellos.”

Ramón Villares, doutor honoris causa pola Université Rennes 2

Desde a Real Academia Galega:
Ramón Villares Paz, foi investido doutor honoris causa pola Université Rennes 2 (Francia). O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela recibiu esta distinción nunha cerimonia solemne na que pronunciou un discurso sobre a Bretaña na cultura galega.
A institución gala reserva esta distinción para as “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”. A profesora de lingua e literatura española contemporáneas Christine Rivalan-Guégo foi a encargada de pronunciar o discurso de eloxio dirixido ao profesor Villares nunha cerimonia na que recibiu o mesmo recoñecemento Carlo Ginzburg.
Ademais de destacado historiador, Ramón Villares é presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006 e foi reitor da USC. Con anterioridade a esta nova distinción, foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Buenos Aires (1992) e Minho (2015).”