Entrevista a Vítor Vaqueiro

Entrevista a Vítor Vaqueiro en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como entendes o processo de criação artística, em geral?
– Vítor Vaqueiro (VV): Pergunta complexa esta. Penso que, em qualquer processo de produção Poética (e, ao dizer Poética, com maiúscula, refiro-me a processos que vaiam além da estrita poesia), o desejável é enunciar o Novo, para o qual seria, por sua vez, preciso estabelecer um discurso poético, artístico, que fosse quem de romper os registros simbólico e imaginário atuais. Ou o que é o mesmo, elaborar um novo paradigma artístico. Isto, que, ao dizê-lo, fica muito bem, não é fácil ou, séndomos mais precisos, é muito difícil, em primeiro lugar pola própria dificuldade em enunciar o novo e, em segundo, polo rejeitamento que qualquer proposta nova gera por parte da estética dominante. Ora, que seja difícil não quer dizer que não se deva procurar. Essa novidade deveria atingir quer a forma (não é precisamente maravilhoso seguir a escrever romances ignorando as novas achegas produzidas, por exemplo, no século XX, ponhamos Rayuela, A Morte de Vergílio, Paradiso ou Correção, por dizer os primeiros exemplos que chegam à minha lembrança), quer os conteúdos, nomeando o que por costume não se nomeia.
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?
– VV: Penso que a relação entre as artes assenta em grande medida na subjetividade da pessoa que desenvolve cada uma delas. Haverá pessoas partidárias de ações de tendência unidisciplinar e haverá quem seja partidária de visões mais multidisciplinares. Suponho que a perspectiva que cada quem adote tem muito a ver com a sua própria visão do mundo, com considerar que o que compre é a análise dos fatores que se acham arredor duma determinada disciplina ou que, às avessas, resulta de interesse explorar os pontos de contato entre diferentes artes, a maneira de levar a cabo “traduções” duma arte a outra, de, em resumo, explorar a transversalidade, se existir, no campo das artes. Se calhar pola minha formação, devedora da ciência, sou partidário da segunda via, da exploração de possibilidades de diferentes modos de expressão, não só dentro do âmbito das artes, mas também, e isso acho-o fundamental, na pesquisa das relações entre a ciência e o que normalmente chamamos as humanidades, como tem acontecido nos encontros levados a cabo no CGAC há quase duas décadas, Conectando criações. Ciência-Tecnologia-Literatura-Arte, ou, mais recentemente no projeto Neuston. Ciência & Arte. (…)”

Entrevista a Marta Dacosta

Entrevista a Marta Dacosta en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia (e a literatura)?
– Marta Dacosta (MD): Comunicación. É fundamentalmente unha forma de comunicación, de expresión de emocións, sentimentos ou ideas, empregando as técnicas e as ferramentas que a arte nos permite. Ferramentas coas que podemos conseguir conmover e que, por tanto, inciden positivamente na recepción da nosa mensaxe.
– P: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de criação poética?
– MD: Considero que é un proceso en tres fases. A primeira unha fase de escrita impulsiva, non premeditada e, por tanto, caótica. Os poemas vanse amoreando, nun arquivo de word, nunha gravación de voz, nun caderno, nalgúns casos até ser esquecidos mesmo. E quedan levedando durante un tempo inconcreto, para mostrar a súa verdadeira idoneidade ou necesidade de corrección.
A segunda fase implica a revisión do escrito. Poden pasar meses e meses tras a primeira fase. É unha relectura que acaba por atopar os fíos sobre os que xirou a creación da primeira fase. É unha especie de momento de clasificación temática. É o momento en que decido se existe un fío do que interesa tirar para construír un libro.
A terceira fase é a da construción do libro. É unha fase de re-elaboración e elaboración. A revisión dos textos ocupa a maior parte do tempo, mais nesa fase de revisión, e provocados polo corpo que vai tomando o libro, xorden novos poemas ao tempo que o libro se vai estruturando e pechando. (…)
– P: Qual é o estado da literatura galega, do teu ponto de vista?
– MD: É o estado da lingua. Amordazada. Atada de pés e mans, imposibilitada de espreguizarse e moverse con liberdade. De mostrarse, de exhibir a súa beleza.
A literatura galega é unha literatura capaz de competir con calquera outra, ao nivel de calquera literatura normalizada no plano creativo. Mais, unha vez escrita comeza o seu calvario. O calvario da edición, da promoción, da comprobación da falta de apoios institucionais, hoxe necesarios mesmo para as literaturas e as linguas normalizadas.
Hai quen diga que temos poucas lectoras e lectores, que é dependente dos programas de lectura escolares, que non todos os xéneros gozan da mesma vitalidade, etc. Mais, non son esas as eivas de todas as literaturas do mundo? Que a lectura non sexa unha necesidade para todas as persoas ou que os libros que máis se venden son os que están ligados á escola ou os que gozan dunha forte promoción publicitaria é unha constante para todas as linguas.
Os nosos problemas propios son os da nosa lingua: carencia de apoio institucional e consecuentemente, dificultades na promoción e visibilización.
A nosa literatura ten o elemento imprescindíbel: capacidade creadora. Mais falla no final do proceso: na existencia de lectores e lectoras, indisolubelmente ligada á saúde da lingua que cada día perde máis e máis falantes, e na visibilización do produto literario, o libro galego, invisíbel nos escaparates e andeis de tantas librarías, maioritariamente grandes librarías e franquicias que non senten ningunha vinculación coa nosa cultura e son simplemente espazos mercantís. (…)”

Emma Pedreira: “Prefiro o contacto co mundo a través da arte porque así o mundo fai menos dano”

Entrevista a Emma Pedreira en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Emma Pedreira (EP): É a miña zona de conforto, un refuxio, un lugar onde habitar as posibles vidas paralelas polas que unha persoa pode preguntarse en determinados momentos. Tamén é un lugar de preguntas e de respostas, de interpelación, autoexploración e experimentación, de aprendizaxe. Unha escola non regulamentar subsidiaria. E un buraco negro que, ás veces, ameaza con tragarme.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– EP: Agora mesmo existe nas redes sociais un debate –un pouco descomedido e invasivo, mesmo aleccionador, para o meu gosto– sobre se a literatura galega está pouco amasada ou se hai unha tendencia a non reescribir. No meu caso é así. A miña escrita, díxeno varias veces e non sinto vergoña en volvelo dicir, é case automática, sobre todo no caso da poesía. Eu escoito os poemas, a súa musicalidade, as palabras exactas dentro da miña cabeza e, en canto saen, todo vai encaixando dunha maneira moi natural, non os volvo tocar máis se sinto que funcionan. Se un texto non cumpre o mínimo para satisfacerme, abórtoo, xa non chega a nacer, queda no cuarto escuro da cabeza. Algo semellante ocorre cos relatos e microrrelatos nos que veño traballando ultimamente. Levan horas de traballo ás escuras e en silencio mais sen escribir unha soa palabra. Cando abrollan é para ficar. E, sen falar da corrección de grallas e pequenas puntualizacións, non adoito reescribir, corro sen mirar atrás, pero non ás toas, senón firmemente convencida do trazado e da ruta, todo abordado moi polo miúdo antes de saír da casa. Hai, coma min, moitísimas autoras que se definen a través desta escrita automática, mesmo esquizofrénica, e que confesaron escoitar as voces que lles ditan os seus textos. Cada proceso literario é propio, persoal e intransferible e mesmo pode variar dunha obra á seguinte.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– EP: Non entendo a literatura sen a sinestesia e, para iso, hai que ter os poros abertos a outras sensacións. Adoro a mestura, o interdisciplinar, a fusión das artes, a camaradaxe que cada vez máis está a darse a nivel literario. Escribo no silencio e na música, pero visualizo todo o que fago. Gústame fotografar e convertir en imaxe parte dos meus versos e, no meu último traballo poético, O FOTÓGRAFO, mesturo poemas, fotografía e collage. Á hora de recitar tamén estou engadindo elementos musicais e a experimentación coa imaxe. (…)”

Transmigrantes, fillas da precariedade, por María Alonso

Artigo de María Alonso en Palavra Comum:
“(…) Transmigrantes, fillas da precariedade é un ensaio que intenta explicar o devir dun grupo moi concreto de persoas de entre trinta e corenta anos que, durante a década da mal chamada ‘crise’ non foi quen de se asimilar no tecido laboral do país de orixe, e que ve na emigración un modo de supervivencia. Este colectivo, ao que me refiro como o ‘precariado transmigrante’ caracterízase por ter unha importante bagaxe formativa pero que, en canto cruza a fronteira, sofre unha depreciación como capital humano. Trátase da mesma depreciación que forza a súa saída. Esta xeración non é unha xeración perdida; senón que é a xeración das oportunidades perdidas para o país que as e os expulsa. (…)
A maioría destas novas e novos emigrantes non ve a migración como un fenómeno natural, probablemente porque xa non se lembra do noso pasado máis próximo. Isto sabémolo ben as e os galegos: quen non ten ou coñece a alguén que teña un familiar en América Latina, Suíza ou Alemaña? E agora, quen non ten un amigo ou unha compañeira da carreira en Londres, Berlín ou mesmo Nova York? Para calquera persoa migrante, a alienación tanto do país de orixe coma do de acollida convértese nunha carga difícil de levar; mesmo hoxe en día, a pesares das novas tecnoloxías que nos permiten estar ‘aquí’ e ‘alí’. Esta ansiedade ontolóxica é tan familiar para as e os galegos que até temos unha palabra para a describir: ‘saudade’. Manuel Forcadela, no seu libro Dama saudade e cabaleiro sombra, considera a saudade coma o construto cultural dunha comunidade e dunha época en particular de crise económica e inestabilidade política, facendo referencia á España de posguerra e aos corenta anos de ditadura. Seguindo esta liña de investigación, Transmigrantes, fillas da precariedade suxire que a nova diáspora galega tamén está condicionada por elementos similares, mais a situación, tanto histórica como económica, é diferente, polo que é necesario postular un paradigma alternativo para achegarse a este fenómeno do precariado transmigrante. No libro considérase á e ao novo transmigrante como un suxeito político que reinterpreta as metáforas e estereotipos existentes arredor da emigración como manifestación da súa revolta. (…)”

Entrevista ao escritor Ramón Blanco

Entrevista a Ramón Blanco na Palavra Comum (foto de Nieves Blanco):
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Ramón Blanco (RB): Hoxe é unha atadura invisíbel coa última adolescencia, cando a poesía era o centro de luz arredor do cal o meu eu daquela xiraba, batendo torpemente contra o cristal, como as avelaíñas do prólogo de Rafael Dieste.
Xa non leo tanta poesía, pero sigo pensando que, se é boa, ten unhas causas e uns efectos similares aos da filosofía.
Como autor, sérveme para canalizar as miñas obsesións a través da arte literaria. Sen deixar de sentirme impostor, é o xénero no que me movo con maior soltura.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– RB: Escribo poesía regularmente desde os dezaseis anos, co cal levo vinte anos xuntando letras sen ter por finalidade nin o espazo escolar nin o laboral. En tanto tempo salvo moi pouco do que saíu da miña mente; cústame atoparlle valor literario. Son de ritmo lento e cada vez son máis os períodos totalmente improdutivos ou nos que só escribo algunha colaboración de encarga. Penso moito o que quero contar, a redacción non me leva tanto. O ritmo dámo unha lectura interna en voz alta, unha e outra vez. Pero cando releo o escrito, ao día seguinte, xa perdeu todo valor. Deixo que descanse uns días, unhas semanas, uns meses… Volvo lelo e, se aguanta, comezo a transcribilo na computadora. Aí dáse unha nova reelaboración. Varias correccións e reescrituras. Nunca deixo de corrixir, o cal vai en contra da publicación.
Os temas que máis trato talvez sexan a morte, a escritura, a noite, a loucura e outras realidades que eu asocio entre si, que me parece que teñen moito en común. Porque penso que escribir é un pouco como morrer, como estar ás escuras ou estar tolo.
En canto aos hábitos de escrita, válenme calquera hora e calquera lugar. Gústame esborranchar cadernos e servilletas nos bares, que moitas veces sobreviven até o poema publicado. No entanto, o sitio onde mellor traballo é no estudio da casa. Cando teño gana de escribir en serio érgome moi cedo, ás cinco ou seis da mañá e poño a mente a furrular. Teño o cerebro máis afectado pola cafeína ca pola poesía. (…)”

Entrevista a Xavier Seoane

EntrevistaXavier Seoane a Xavier Seoane na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Xavier Seoane (XS): Non é fácil definir. E toda definición ten limitacións. Mais eu creo que a literatura, como a poesía, é unha actividade humana que, sustentada na palabra, é capaz de ensanchar a experiencia, o coñecemento, a vida, o horizonte do que somos… Sen as artes seriamos moitísimo máis pobres. A palabra é unha creación abraiante. Que xurdise esa realidade virtual tan portentosa, tan incrible… é un feito certamente único, singular. Unha alquimia marabillosa, malia a súa inevitable imperfección, ás súas limitacións substanciais.
O problema é que a literatura está moi marxinada, hoxe en día, no ensino, e, xa que logo, un teme de que o vaia estar, tamén, na vida. No ensino está marxinada pola ensinanza da lingua, do estritamente lingüístico. Incluso, en gran parte dos exames de selectividade de Lingua e Literatura poñen artigos de xornal, e apenas de narrativa, poesía, teatro, ensaio… É como se se lle fuxise á literatura. Como se producise medo, ou non fose “útil”. O cal non quere dicir que o xornalismo non poida ser, como acontece en moitas ocasións, literatura, e alta literatura. Pero en xeral o feito é expresivo do pouco que ocupan nos temarios dos nosos libros a lectura directa da novela, a poesía, o teatro, o ensaio, o aforismo… e así van as cousas nas conciencias da xente e na vida cultural. (…)
– P: Que visão tens sobre a literatura galega?
– XS: A literatura galega non a vexo mal. O que boto máis en falta é certo filtro, tanto nas editoriais como na crítica, nas recensións, nos balances, nas análises dos historiadores da literatura… Creo que non todo vale. E o mercado, quéirase ou non, pesa moito. E as tendencias e as modas. E vexo moito problema á hora de editar poesía, ensaio, teatro, diarios… sobre todo os máis novos, aínda que non só eles.
O que me preocupa é a progresiva marxinación, o silencio cada vez maior sobre a nosa literatura e cultura en xeral nos medios de comunicación. Hai un desexo de que a cultura do país non impregne ás súas xentes, de mantela nun gueto. E creo que cada vez ese feito é máis real e acada o seu obxectivo dunha maneira absoluta, marxinativa e destrutiva. A nosa cultura vai por un camiño acelerado de constituírse marxinal no seu propio territorio. Os creadores xa o somos hai tempo, porque os medios decidiron silenciarnos. A condición de “estranxeiros” na propia terra é compartida por moitísimos creadores galegos de moi diversas artes e ámbitos. É unha actitude consciente, constante e eficaz do “Poder” e dos seus medios de dominación de masas.
Unido a isto está a cuestión da lingua, á que vexo moi mal. Pois, de seguiren así as circunstancias, váisenos… E isto nun tempo disque “ilustrado” e cun presidente da Xunta que leva un nome seica de estirpe ilustrada: nada menos que “Feijoo”. Pois ben, neste momento, a lingua e a cultura do país están a recibir un trato de estranxeiros absolutos no seu propio territorio, tanto desde o poder político e económico como desde os medios. E a lingua e a cultura pertencen a todos. Son de todos. Constitúen un patrimonio cultural, vital, lúdico, pracenteiro, identificador e enriquecedor impresionante. Mais temo que, de seguirmos por este camiño desilustrado e destrutivo, de devalo histórico, lingüístico e cultural, acabemos por ser en non moito tempo un apéndice do nada. (…)”

Entrevista a María Alonso

EntrevistaMaría Alonso Alonso a María Alonso en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– María Alonso (MA): A miña opinión varía dependendo da conxuntura do momento. Cando era estudante e tiña que ler vinte novelas nun mes para preparar exames, a literatura era un pesadelo; mais cando entre esas vinte novelas atopaba unha historia que fixese que me esquecese de min mesma e de todo ao meu redor, a literatura convertíase no máis marabilloso dos placebos. Agora son eu a que escribe e, con sorte, quen ten a posibilidade de ensinar literatura nas aulas. Coido que esta nova experiencia mudou bastante a miña idea sobre a literatura. Agora xa non é nin un pesadelo nin un placebo, máis ben todo o contrario. Non concibo a escrita ou a docencia dende outro punto de vista que non sexa o do activismo, xa que para min é un dos mellores medios que coñezo para poder chegar a entender o mundo.
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária?
– MA: No meu caso, o proceso de creación xorde da frustración. Moi a pesar das persoas que viven ao meu redor, coido que teño unha personalidade un tanto obsesiva. É por iso que cando teño que escribir un texto esa idea, esa personaxe ou esa historia convértese no único que importa namentres que o día a día transcorre fóra da miña mente coma se nada. Normalmente tardo semanas ou meses en facer que unha idea funcione, polo que a frustración vaise acumulando e acumulando até que finalmente estoupa. Entón é aí cando substitúo esa sensación pola máis total e absoluta das ledicias ao ver que o texto comeza a ter vida propia. Despois vexo o resultado publicado e síntome satisfeita, pero non tarda en aparecer outra idea e comeza outra vez a miña obsesión. E confío en que sexa así namentres haxa historias que contar. (…)
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Tens experiências neste sentido?
– MA: Todas as miñas ideas para a escrita xorden de fotografías anónimas, cancións ou ritmos que suxiren tramas, esculturas que vexo nalgún museo e que parecen ocultar algo. As historias das que escribo non aparecen do nada, senón que sempre hai un detonante que motiva a necesidade de contar algo. Polo tanto, considero que a relación entre literatura e outras artes é indispensable e tería que ser enfocada dende un punto de vista multidisciplinar e transcultural. A miña única experiencia tanxible neste senso dáse entre o ámbito académico e o creativo. Foi durante a escrita da miña tese de doutoramento cando comecei a escribir a miña primeira novela, Despois do cataclismo (2015, Urco Editora). Algo moi similar aconteceu co resto dos textos nos que traballei ou estou a traballar. Esta experiencia é realmente enriquecedora e espero que continúe sendo o produtiva que está a ser. (…)”

Entrevista a María Canosa

EntrevistaMaría Canosa a María Canosa na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– María Canosa (MC): É complicado de explicar, porque vexo a literatura como unha parte de min, que quizais é moito máis ca representar algo, é formar algo, e ese algo é un “eu”, e polo tanto, tamén unha comunidade, unha sociedade, un xeito de comprender e valorar, supoño.
A literatura é unha necesidade para min. Un xeito de sacar os sentimentos fóra e tamén gardalos dentro. Un xeito, ademais, de perdurar ao longo do tempo, porque a literatura transmite saber, datos, sentimentos… dunha maneira individual ou colectiva.
Complicado resumir o que é a literatura, que ata pode crear e inventar universos diferentes, gardar ou descubrir segredos, unha plataforma para a loita e a denuncia, un espello da realidade e dos soños… A literatura sobrevívenos. (…)
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre a literatura e as diversas artes (música, artes plásticas, ilustração, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?
– MC: A literatura é unha arte, polo que todas deben ter algo en común. Eu tomaría isto na súa vertente social, é dicir, na arte como forma de expresión e manifestación. Cada unha delas faino a través dun ou varios elementos distintos, pero no fondo, procuran o mesmo, que é a chamada da atención do ser humano.
Penso, ademais, que moitas delas se poden complementar, amais de ser quen de cumprir o seu obxectivo de maneira individual. O que si é certo é que debera haber máis iniciativas de amosar xuntas as artes. Participei en recitais poéticos acompañados de música en directo, e obras teatrais baseadas en poemas infantís que convertían algunhas das poesías en cancións… e a experiencia foi gratificante.
Encántame escribir a partir de imaxes, fotografías, ilustracións… Quizais non se vexa nin saiba o proceso creativo, pero é un recurso que utilizo habitualmente, porque me axuda e inspira.
Teño algún libro que “naceu do revés”. É dicir, primeiro creáronse as ilustracións, e logo eu imaxinei unha historia para eses personaxes e ese mundo. (…) Seguir lendo

Entrevista a Ramón Nicolás

EntrevistaRamón Nicolás a Ramón Nicolás na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura (como crítico e também como criador)?
– Ramón Nicolás (RN): A literatura acompáñame, como lectura, desde a infancia e a adolescencia. Nacín nunha casa con poucos pero escolleitos libros, onde a lectura da prensa galega e estatal era algo cotián. A literatura e os libros sempre exerceron algún tipo de atracción dificilmente definible e supoño que hoxe, na miña vida, cumpre un papel tan necesario como respirar.
Algo haberá, xa nun aspecto máis particular, da necesidade de comunicarse. No ano noventa do pasado século, dun xeito un tanto circunstancial, publiquei o meu primeiro artigo na prensa sobre Celso Emilio Ferreiro –unha ousadía, supoño– pero máis adiante un espazo crítico –o “Galicia Literaria” do Diario 16 de Galicia–, ofreceume ir incorporando textos e reseñas ao suplemento. Aí comezou a vinculación coa crítica, case parella a algún ensaio que foi nacendo na década dos noventa. Unha práctica, a do ensaio, e outra, a da crítica, que sempre entendín como creación. Cada día, ao meu ver, as fronteiras entre os xéneros están máis diluídas. Na crítica respecto, dalgún xeito, a estrutura máis canónica desta…, nos últimos tempos tanto no ensaio biográfico que publiquei sobre Celso Emilio Ferreiro como n´O espello do mundo quixen quebrar algúns moldes tradicionais.
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação cultural?
– RN: Son bastante anárquico respecto disto. Adoito ler cun caderno e un bolígrafo a meu carón para as críticas semanais…, por veces non resulta necesario: se o que leo me absorbe xa non o preciso e constrúo a miña lectura mentalmente. No ensaio si que cómpre ser máis metódico e a documentación previa, como dalgún xeito na narrativo, é fundamental. Malia todo, planifico escasamente.
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?
– RN: Os formatos son diversos mais o obxectivo de comunicar e crear vén sendo o mesmo. Pola orientación do meu traballo crítico poucas ocasións tiven de pór en práctica o que debería ser unha feliz harmonización dun proxecto artístico nas distintas linguaxes. Ver como se transforma un ensaio ou unha novela nun booktráiler, e comprobar o resultado final desa lectura noutra linguaxe, si que me pareceu fascinante. (…)”

Entrevista a Santiago Cortegoso

DesdeSantiago Cortegoso Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação literária -e dramatúrgica-?
– Santiago Cortegoso (SC): Cada vez máis, vexo a miña evolución dentro do teatro como unha carreira de fondo, ao longo de moitos anos, na cal unha etapa non se pode entender sen ter en conta todas as anteriores. Neste momento estou moi centrado na creación dramatúrxica e, sobre todo, na produción de espectáculos, que é algo que se menciona pouco pero é ao que lle dedico máis tempo (xestionar unha compañía dá moito traballo), pero noutros momentos teño traballado moito máis como actor.
En canto á dramaturxia, sigo dous modelos de creación básicos. Por unha banda, a escrita de textos teatrais desde a soidade do estudio, nos cales a dimensión literaria é a que prima. Se logo se van poñer en escena (dirixidos por min ou por outro), é unha cuestión que non teño demasiado en conta á hora de escribir. Por outra banda, teño xerado espectáculos a partir de procesos de creación colectiva nos cales a escrita é unha parte máis, e non necesariamente a máis importante, ou cando menos a que vai en primeiro lugar. Trátase de construír desde uns puntos de partida, tanto temáticos como de posta en escena, un espectáculo no que todos aportan: actores/actrices, deseñadores/as de escenografía, vestiario, etc. Encántame poñer a actores e actrices en situacións nas que eles mesmos van escribindo o texto enriba do escenario, a partir de improvisacións, sen case decatarse. O meu traballo como director ponse ao servizo da creatividade dos actores e das actrices, e, como autor, o traballo fundamental é rexistrar e darlle forma a todo o material que xorde nos ensaios ata chegar ao texto final.
Nunca chegaría a desenvolver este xeito de traballar, nin ao feito de producir os espectáculos eu mesmo (xunto con Marián Bañobre, que é a miña compañeira en Ibuprofeno Teatro), se antes non tivese a experiencia de traballar como actor en compañías grandes, que levaban adiante producións de gran formato con moita rigorosidade, con moitos actores e actrices. Aí aprendín o oficio, tanto no sentido artístico como no empresarial. E tiven o tempo e a oportunidade para formarme como dramaturgo, para facer obradoiros e escribir pezas moi malas para aprender. Tamén cabe dicir que os meus textos non terían unha dimensión socio-política tan marcada se non estudase Ciencias Políticas, aínda que nunca cheguei a facer nada relacionado coa carreira. (…)
– P: Que parte do trabalho teatral reivindicarias por não ser suficientemente valorado ou (re)conhecido?
– SC: O de produción. En xeral, non se valora o esforzo que facemos moitos teatreiros como empresarios. E é lóxico, porque se lle dá máis importancia ao traballo creativo.
Por outra banda, agora mesmo estou loitando para que se me recoñeza como director de escena, que é a faceta que empecei a desenvolver máis tarde, e é o gran reto de cara ao futuro. (…)”