Poesía, de Roi Vidal, recibe o XII Premio Abrente de textos teatrais da MIT

Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do 12º Premio Abrente de textos teatrais, formado pola actriz Sheyla Fariña, a directora e actriz Diana Mera, o dramaturgo Ernesto Is (Premio Abrente da edición anterior), a concelleira de Cultura de Ribadavia María Touza e Roberto Pascual, Director da MIT, decidiron por unanimidade premiar co Abrente 2017 o texto titulado Poesía (materiais para montar unha escena de cama), presentado co lema A cova de Lascaux. Unha vez aberta a plica, descóbrese a autoría do texto, que pertence a Roi Vidal Ponte.
En opinión do xurado, a obra gañadora esta orixinal peza “propón un xogo escénico de materiais para montar unha escena de cama a través da ironía no tratamento da linguaxe e das situacións. Poesía propón unha estrutura en tres partes moi interesante de cara a unha posta en escena polas múltiples opcións que formula empregando citas, accións e palabras. É un texto valente, actual, que aborda a sexualidade de forma aberta e sincera, onde os corpos teñen voz e rompen cos estereotipos e roles sexuais asumidos socialmente”.
O xurado destacou, igualmente, o coidado e dedicación á escrita evidenciada neste texto, tanto no coidado da linguaxe coma no traballo documental que nutre á obra dun cúmulo de referencias moi atinadas. (…)”

AveLina Pérez gaña o I Torneo de Dramaturxia de Galicia

Desde Cultura Galega:
“A Salasón de Cangas acolleu na noite deste martes a celebración do I Torneo de Dramaturxia de Galicia, unha iniciativa que se integra na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en colaboración con DramaturGA, Asociación Galega de Dramaturxia. A iniciativa reuniu textos de seis autores teatrais que foron lidos de xeito dramatizado por actores e actrices. O público foi o responsable de seleccionar o preferido. Con Esther F. Carrodeguas como mestra de cerimonias, competiron no evento creacións de Noelia Toledano, AveLina Pérez, Afonso Becerra de Becerreá, Roi Vidal Ponte, Carlos Labraña e Julio Fernández. Finalmente foi AveLina Pérez a que se impuxo co texto Os arroaces son animais sucios e desesperados. A obra é un diálogo entre unha muller soa e un robot de compañía con quen se dispón a compartir unha velada romántica.”

Acta do xurado do XXV Certame Literario A Pipa da Alta Montaña Luguesa 2016

En Becerreá, a luns 26 de decembro de 2016, a Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G-27441708) e o seu Presidente, Afonso Becerra Arrojo, toman o acordo de nomear a Xesús Bermúdez Tellado Presidente do Xurado do XXV Certame Literario A Pipa 2016 da Alta Montaña Luguesa e, así mesmo, aos dous tribunais avaliadores:
O Xurado para a modalidade de DRAMATURXIA BREVE está formado por:
INMA LÓPEZ SILVA. Escritora. Crítica Teatral. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro. Doutora en Filoloxía. Profesora da ESAD de Galicia.
ROBERTO PASCUAL. Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Membro do Equipo de Dirección da Revista Galega de Teatro. Licenciado en Filoloxía Galega. Profesor da ESAD de Galicia.
ROI VIDAL PONTE. Dramaturgo, Director de escena, Poeta e Crítico Teatral. Titulado Superior en Arte Dramática, na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia pola ESAD de Galicia. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela.
O Xurado para as modalidades de POESÍA e RELATO está formado por:
XESÚS BERMÚDEZ TELLADO. Poeta. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa.
SABELA PÉREZ MARTÍNEZ. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesora de Educación Secundaria.
RAFAEL RAMOS FERNÁNDEZ. Membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá. Licenciado en Ciencias da Educación (Pedagoxía Socioeducativa). Mestre de Educación Primaria.
MARTA RODRÍGUEZ LÓPEZ. Membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá. Licenciada en Xornalismo.
Este ano recibíronse un total 99 traballos. Logo de facer lectura dos 99 traballos recibidos e conforme ás bases establecidas deste Certame, o Xurado acorda concede-los seguintes premios:

– Na Categoría Infantil (dos 8 ós 14 anos), modalidade de RELATO:
2º PREMIO INFANTIL DE RELATO A PIPA 2016, para o texto titulado “A MIÑA VIDA NA IMAXINACIÓN”. O Xurado destaca: O feito de ser un manifesto a favor da ecoloxía cheo de imaxinación. A autora é NURIA DEVESA NÚÑEZ, de Lugo.
1º PREMIO INFANTIL DE RELATO A PIPA 2016, para o texto titulado “OS TRES BISPOS”. O Xurado destaca: A calidade literaria nunha narración chea de maxia e imaxinación. O autor é MARTÍN RODRÍGUEZ DÍAZ, de San Pedro de Furco. Becerreá (Lugo).

– Na Categoría Infantil (dos 8 ós 14 anos), modalidade de POESÍA:
ACCÉSIT INFANTIL DE POESÍA A PIPA 2016, para o texto titulado “O INVERNO”. O Xurado destaca: A descrición da estación de forma sinxela e o xeito en que transforma a vida da xente. A autora é AMELIA PÉREZ LÓPEZ, de Santalla, Cervantes (Lugo).
2º PREMIO INFANTIL DE POESÍA A PIPA 2016, para o texto titulado “OS ANCARES”. O Xurado destaca: A súa sinxeleza e naturalidade á hora de expresar o amor do autor pola súa terra. A autora é ANDREA LÓPEZ AMIGO, de Cela, Cervantes (Lugo).
1º PREMIO INFANTIL DE POESÍA A PIPA 2016, para o texto titulado “MEU IRMÁN”. O Xurado destaca: A súa espontaneidade, tenrura e sinceridade na expresión dos sentimentos por unha persoa que lle serve de exemplo ao autor. O autor é HIGINIO RODRÍGUEZ CEDRÓN, de Dumia, Cervantes (Lugo).

– Na Categoría Xuvenil (dos 14 ós 18 anos), modalidade de RELATO:
ACCÉSIT XUVENIL DE RELATO A PIPA 2016, para o texto titulado “O CAMIÑO CARA ÓS ANCARES”. O Xurado destaca: O feito de presentar outro xeito de narrar o drama dos refuxiados que foxen de Siria. O autor é JAVIER GALLARDO SILVA, de Filloval de Torés. As Nogais (Lugo).
2º PREMIO XUVENIL DE RELATO A PIPA 2016, para o texto titulado “A MATANZA”. O Xurado destaca: A súa magnífica redacción e reflexo dun tema tradicional galego. O autor é JAVIER MÉNDEZ TRABADO, de Quindous, Cervantes (Lugo).
1º PREMIO XUVENIL DE RELATO A PIPA 2016, para o texto titulado “AQUEL ANACO DE CARTA”. O Xurado destaca: A orixinalidade dunha historia dolorosa pero entrañable. O autor é ADRIÁN NOIA VÁZQUEZ, de Santiago de Compostela (A Coruña).

– Na Categoría Xuvenil (dos 14 ós 18 anos), modalidade de POESÍA:
ACCÉSIT XUVENIL DE POESÍA A PIPA 2016, para o texto titulado “CAMIÑOS”. O Xurado destaca: O feito de plasmar dun xeito poético e envolvente o drama dos refuxiados. O autor é XOEL RODRÍGUEZ POY, de Becerreá (Lugo).
2º PREMIO XUVENIL DE POESÍA A PIPA 2016, para o texto titulado “MURALLA DE ARAMES”. O Xurado destaca: A claridade e limpeza expresivas, sen concesións ao obvio. A capacidade de suxestión arredor das contradicións do mundo no que vivimos. A autora é GABRIELA RODRÍGUEZ DÍAZ, de Becerreá (Lugo).
1º PREMIO XUVENIL DE POESÍA A PIPA 2016, para o texto titulado “ESPIDO DE SENTIMENTOS”. O Xurado destaca: A forza e a carga de imaxes na descrición da dor por un amor perdido. O autor é XAVIER SIMÓN MONTERO, de Cabeiras (Pontevedra).

– Na Categoría Revista A PIPA para Maiores de 18 anos, modalidade de RELATO:
ACCÉSIT Revista A Pipa de Relato 2016 para o texto titulado “O VELLO VEREDE”. O Xurado destaca: O feito de ser un canto á ecoloxía e á liberdade, amosando o contraste entre a vida moderna e a clásica. A autora é CLARA VILA AMADO, de San Cibrao, Nogueirosa, Pontedeume (A Coruña).
2º PREMIO Revista A PIPA 2016 DE RELATO, para o texto titulado: “O LAIO DA MONTAÑA”. O Xurado destaca: O feito de ser un precioso canto a favor da natureza e a liberdade. A autora é MARÍA SALINAS GARCÍA, de A Guarda (Pontevedra).
1º PREMIO Revista A PIPA 2016 DE RELATO, para o texto titulado: “CHANZOS PARA UNHAS BADALADAS”. O Xurado destaca: O canto ás raíces e ao apego á terra. O autor é GONZALO LOIZAGA LATORRE, de Doncos. As Nogais (Lugo).

– Na Categoría Revista A PIPA para Maiores de 18 anos, modalidade de POESÍA:
ACCÉSIT Revista A Pipa de Poesía 2016 para o texto titulado “LADEIRA DA SERRA”. O Xurado destaca: O reflexo, cheo de imaxes impactantes, dun momento dramático da Guerra Civil española. O autor é AGUSTÍN LORENZO FIDALGO, de Ourense.
2º PREMIO Revista A PIPA 2016 DE POESÍA, para o texto titulado “AS VÍSCERAS DA TERRA”. O Xurado destaca: As metáforas ben artelladas, que nos contan o devir máis íntimo da terra. A autora é IRIA ACEVEDO PÉREZ, de Lugo.
1º PREMIO Revista A PIPA 2016 DE POESÍA, para o texto titulado “ABALANDO BRÉTEMAS”. O Xurado destaca: O feito de enlazar coa poesía máis tradicional no que atinxe á forma e á temática. O autor é JOSÉ M. GARCÍA MIGUÉLEZ, de Lugo.

– Na modalidade de DRAMATURXIA BREVE.
ACCÉSIT A PIPA 2016 DE DRAMATURXIA BREVE, para a peza titulada “ARA E IRA”. O Xurado destaca: Dramaturxia experimental superminimalista que xoga coa hibridaxe entre o poético e o teatral por medio da linguaxe musical. As repeticións, as aliteracións, os xogos de palabras e os silencios conseguen xerar un ritmo coherente coa temática da peza, que racha ao final con escintileos metatextuais. O autor é JOSE F. CASTILLO ALLEN, de Vigo (Pontevedra).
2º PREMIO A PIPA 2016 DE DRAMATURXIA BREVE, para a peza titulada “CATIÚSCAS”. O Xurado destaca: A capacidade para expresar, a través da estrutura dramatúrxica, a desazón que caracteriza unha relación baseada no machismo e no maltrato, así como a dificultade para resolver un problema estrutural. Minimalismo teatral posdramático no que sorprende o recurso á repetición exacta da mesma partitura de accións. A autora é MARTA PÉREZ de Vigo (Pontevedra).
1º PREMIO A PIPA 2016 DE DRAMATURXIA BREVE, para a peza titulada “ENVASADAS AO BALEIRO”. O Xurado destaca: A forza simbólica tanto da acción coma do espazo dramático. As personaxes amosan un bo dominio na construción dunha situación de cinismo, tensión e ironía fronte á sedución tópica e preciosa dun mesmo home, o personaxe masculino latente. Trátase da típica historia do odio entre irmás, pero está contada, nesta ocasión, cunha dureza verdadeira e unha linguaxe suxerente que afinca as súas raíces en Beckett, Genet e o esperpento. A autora é IRIA ACEVEDO PÉREZ, de Lugo.

O Xurado acorda que os galardóns deberán ser recollidos durante o acto de entrega que máis abaixo se sinala, ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasaría a formar parte dos fondos da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá.

Esta 25 Edición do Certame Literario A Pipa 2016 da Alta Montaña Luguesa, conta coa colaboración da Xefatura Provincial de Cultura da Xunta de Galicia, da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Becerreá.

Asdo. Afonso Becerra Arrojo.
Presidente da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá, co visto e prace de Xesús Bermúdez Tellado, Presidente do Xurado do XXV CERTAME LITERARIO A PIPA 2016 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
En Becerreá, a 26 de decembro de 2016.”

Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, premios de literatura dramática da Agadic

Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Manuel Lourenzo, coa obra Suite Artabria, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por O valo, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por Marcha fúnebre para un monicreque, e na infantil, en Inacio Vilariño por Os golfiños e o xigante, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores. (…)
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas. (…)
Máis información aquí.”

Letras en familia, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Galicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.
Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.”

Comezan os lanzamentos arredor de Manuel María

DesdeManuel María Antoloxía poética Darío Xohán Cabana Galaxia Cultura Galega:
“Como era de agardar, no ano no que o Día das Letras homenaxea a Manuel María comezan a aparecer os primeiros lanzamentos arredor da súa figura. Así, a editorial Galaxia acaba de anunciar o lanzamento dunha Antoloxía poética do autor chairego, unha selección que correu a cargo de Darío Xohán Cabana e que explora os múltiples temas que abordou o homenaxeado. Os textos, que se escolleron a partir de diferentes edicións, mecanoscritos e orixinais, preséntanse por orde cronolóxica e permiten analizar a evolución creativa do autor.
En paralelo, Títeres Alakrán acaba de anunciar a posta en escena da obra de Manuel María Os soños na gaiola, para a que conta con dirección e dramaturxia de Roi Vidal Ponte. A montaxe de monicreques adapta un dos primeiros libros de poemas do chairego, dirixido ao público infantil.”

Santiago: actividades destacadas do domingo 27 de abril na Feira do Libro

O sábado 26 de abril bota a andar a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para o domingo 27:

19:00 h. Encontro de literatura fantástica da man de Contos Estraños e Urco Editora.
20:30 h. Presentación do libro Fóra de portas, de Roi Vidal Ponte, publicado por Positivas. Xunto co autor, participa no acto Francisco Macías.