O doce abxecto, por María Reimóndez

ArtigoMaría Reimóndez de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
““Woman, as a sign of difference, is monstrous
Rosi Braidotti, “Mothers, Monsters and Machines
A free woman in an unfree society will be a monster
Angela Carter, The Sadeian Woman.
Tomo as dúas citas introdutorias para esta recensión do excelente artigo “Of Aliens, Monsters and Vampires: Speculative Fantasy’s Strategies of Dissent”, de Belén Martín Lucas porque creo que ben serven para contextualizar a novela Sangue 12 de Cris Pavón. Esta contextualización fáiseme necesaria porque, deliñando o seu argumento de vampira adolescente (ben, as vampiras non teñen idade pero así se entende no texto) namorada podería ser que alguén se confundise con certas versións recentes desta temática coas que a novela de Pavón nada ten que ver. Malia a moda de películas, series, libros e demais parafernalia que nos invadiu en época recente, a novela de Pavón nace, ao meu ver, dunha outra xinealoxía, unha moito máis antiga e sen dúbida evidentemente antiheteropatriarcal.
É ben certo que as narrativas vampíricas renacen das súas cinsas de forma pendular co atractivo que estes personaxes tan terroríficos como atraentes suscitan non só nas mentes adolescentes, pero rara vez as lecturas máis habituais desa lenda pasan do agardado, do previsible, da sedución heteropatriarcal do vampiro poderoso e as vampiras… ben, vampiras.
Eles coa capacidade de dar a vida eterna, elas coa maldade innata de calquera muller, incapaces de sentir amor, compromiso, coidado, todas eses atributos femininos do patriarcado. Mais no fondo, e de aí a intelixencia fina e irrefutable de Pavón, a lectura patriarcal do vampiro deixa fóra o seu potencial de subversión, un potencial que, por certo, levan explorando as autoras feministas e lesbianas, sobre todo as racializadas, xa un tempo moi longo noutras latitudes (por desgraza, con pouca visibilidade). (…)
O heteropatriarcado comeza por desafiuzarnos do noso corpo, por facernos entender ás mulleres mesmo dende esa experiencia básica, que non encaixamos, que somos as monstras, as abxectas. Só desta maneira se entenden os debuxos recorrentes do “corpo humano” sempre masculino, o mal chamado “masculino xenérico” da linguaxe sexista, a delimitación das mulleres nos estudos médicos sempre como a excepción a unha suposta (ironías á parte) regra. Sangue 12 fala de todo isto e máis, coa escrita non de quen é quen de reescribir un xénero senón de devolvelo ao rego transgresor do que naceu fronte a visións hexemónicas e edulcoradas, patriarcais e retrógradas da máis pura cooptación.
O motivo vampírico e doutras monstras resulta unha narrativa, pois, vizosa, para analizar o abxecto e as fendas das ideoloxías dominantes que Pavón utiliza á perfección. Ademais, neste caso, o que se conta resulta tan intrigante, atractivo e engaiolante que unha non ten máis posibilidade que renderse ante o evidente. O abxecto é doce, a subversión é deliciosa, a transgresión é pracer.”

Vigo: actividades destacadas do sábado 24 e domingo 25 de maio na Feira do Libro

Os sábado 24 e domingo 25 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 24
13:00 h. Contacontos O soño de Esther, a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
21:00 h. Presentación do libro Sangue 12, de Cris Pavón, publicado por Urco Editora.

Domingo 25
20:00 h. Presentación do libro Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, con limiar de Moncho Iglesias Míguez e ilustracións de Luís Viñas, publicado por Círculo Edições.