Quiosco: Xistral 20

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Lugo acollía a pasada semana a publicación da vixésima entrega da revista Xistral, publicación histórica que botara a andar Manuel María e que voltou en 2000 da man do municipio. Nesta ocasión, o novo volume recolle textos de 63 poetas e poetisas do país acompañados de ilustracións de Quique Bordell. A coincidir co lanzamento dáse tamén un relevo na coordinación do proxecto, que pasa de Camilo Gómez Torres a Toño Nuñez que estará acompañado por un consello de redacción formado por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre. (…)”

Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”

Igrexa dos Vilares (Guitiriz): entrega do Certame de Micropoesía da Chaira Vilariñas


Entrega de premios a Andrea Araújo Alonso, Pedro Rielo Lamela e Toño Núñez, coa intervención de Alfonso Blanco Torrado (Presidente da A. C. Xermolos) e Fátima Fernandez Chascarraschás (NPG). Entregan os premios Sandra Tenreiro Doldán cantautora e mestra, Luz Campello García, poeta da NPG e Marica Campo, poeta. Presenta o poeta Martiño Maseda.

Coñécense os poemas gañadores do Certame Vilariñas da Chaira

“Os Micro poemas do Certame <VILARIÑAS> da Chaira, convocado polo grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños coa colaboración de Culturalia GZ, xa están editados na web Culturaliagz, da que poden ademáis descargarse en arquivo de pdf. Figuran as tres <VILARIÑAS> gañadoras do certame, Andrea Araújo (gañadora), Pedro Rielo (segundo) e Toño Núñez (terceiro), seguidamente as outras oito finalistas e de seguido as restantes apresentadas ao certame, que nesta primeira edición contou con poetas de diferentes puntos de Galicia e que senta un precedente orixinal moi aberto á participación e que acuña unha denominación galega ao estilo “Haikus” xaponesas para as micropoesías galegas en homenaxe ao poeta chairego Díaz Castro, en referencia ao seu lugar de nacemento, O Vilariño, da parroquia dos Vilares de Guitiriz.”

Compostela: presentación de Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez

O xoves 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Toño Núñez presenta o libro Poemas de Amor en Outono. Acompañarano Armando Requeixo e Nacho Alonso. Tamén recitarán os poetas Antom Laia, Ánxela Gracián, Eva Xanim, Iolanda Aldrei e Xesús Manuel Valcárcel. O cantautor Miguel Alonso dará as notas musicais.

Crónica fotográfica do Día de Rosalía de Castro na Coruña e Friol

Estas son algunas das fotografías dos actos promovidos pola AELG polo Día de Rosalía de Castro na Coruña e en Friol, o venres 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A CORUÑA

FRIOL

Vilalba: recital poético solidario internacional Verso, ¿que traes? Esperanza

O vindeiro venres 16 de decembro ás 19:30 horas, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, agardamos por vós na celebración do III Recital Poético Solidario Internacional, baixo o lema “Verso, ¿que traes? Esperanza”.
Todo o recadado no evento irá destinado á Campaña de Xoguetes da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Vilalba, cuxa iniciativa se chama “Os seus dereitos en xogo”. Con esta causa solidaria pretendemos levar xoguetes a máis dun cento de nenos e nenas da comarca da Terra Chá de entre 0 e 12 anos.
A venda de entradas realízase na Casa da Cultura de Vilalba e no Centro Cultural e Recreativo. Prezo: 3€.
Despois do recital farase un sorteo de libros cedidos e asinados polos autores que van recitar entre os asistentes ó acto.

Taboleiro do libro galego XXXVIII (novembro 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas ás librarías colaboradoras: Libros para Soñar, Andel, Casa do Libro, Librouro e Cartabón de Vigo; O Pontillón de Moaña, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Trama de Lugo, Airas das Letras de Allariz, Suévia da Coruña, Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios de Santiago e Pontevedra.

NARRATIVA
1º-. O último día de Terranova, de Manuel Rivas, Xerais.
2º-. Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, Galaxia.
3º-. Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, Xerais.
4º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia.
5º-. Fontán, de Marcos Calveiro, Galaxia.
6º-. Lourenço, Xograr, de Manuel Portas, Galaxia.
7º-. De remate, de Héctor Cajaraville, Xerais.
8º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
9º-. seique, de Susana Sánchez Arins, Através.
10º-. A verdade nos espellos, de Pablo Rubén Eyré, Sotelo Blanco.

POESÍA
. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. Ensaios, de Daniel Salgado, Inés de Castro Edicións.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Poemas de Amor en Outono, de Tono Núñez, autoedición.
5º-. Unha viaxe de ruminantes, de Baia Fernández de la Torre, autoedición.
6º-. Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
7º-. s/t, de Emma Pedreira, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos, de Julia Fernández Rodríguez, Ed. Galaxia.
2º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K.
4º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
5º-. Machismos: de micro nada, do Grupo Fiadeiras, Embora.
6º-. Poesía hexágono, Apiario.
7º-. Fernando Alsina e o seu Diario de guerra, de Ricardo Gurriarán, Alvarellos Editora.

XUVENIL
-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
-. Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas, Xerais.
-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
-. O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda, Galaxia.
-. Europa Express, de Andrea Maceiras, Xerais.
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Os papacalcetíns, de Pavel Šrut e Galina Miklínová, tradución de Moisés Barcia, Sushi Books.
-. Ons, de Carlos Meixide, autoedición.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. A árbore xenerosa, de Shel Silverstein, tradución de Chema Heras, Kalandraka.
-. Despois da chuvia, de Miguel Cerro, tradución de Manuela Rodríguez, Kalandraka.
-. O xardín de Irene, de Xosé Neira Vilas e Leandro Lamas, Embora.

LIBROS CD-DVD
-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Un conto ao revés, Chuches Amil, Galaxia.
3º-. Canta o cuco, de Uxía e Magín Blanco, Galaxia.
4º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Galaxia.
5º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
6º-. Traca-Traco, de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, Edicións do Cumio.

BANDA DESEÑADA
1º-. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
2º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
3º-. Marcopola 3, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.