A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
- 16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
- 17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
- 17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: «La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
- 20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
- 21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
- 10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
- 10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
- 11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
- 11:30 h. Debate.
- 12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
- 16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
- 17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
- 18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
- 20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: presentación do DVD Deconstruíndo a Valentín Paz-Andrade

O xoves 21 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase o DVD Deconstruíndo a Valentín Paz-Andrade. No acto intervirán Tucho Calvo, José María Paz Gago e Gonzalo E. Veloso, director do documental.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ramón Villares: «A cultura danos seguridade e calquera proxecto de futuro terá que levar a marca propia para diferenciarse»

Entrevista a Ramón Villares na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Sendo libros centrados na economía tanto en Galicia como tarefa, como La marginación de Galicia, Valentín dedicaba un amplo apartado á cultura. Cal é a importancia do factor cultural para un proxecto de futuro?
- Ramón Villares: A cultura marca calquera produto, sexa industrial ou manufacturado. É o elemento esencial de algo que no tempo de Paz-Andrade non se coñecía e hoxe denominamos o poder brando, que é ter as calidades que outros quixeran ter e non teñen e polas que te admiran. Se pensamos no que fixo Sargadelos e a estética Díaz Pardo, podémonos preguntar se vendía un anaco de barro cocido ou unha idea de Galicia. Por que se lle pagaba unha vaixela ou unha figura? A cultura ten un grande poder simbólico e foi un acerto de Valentín ter escrito iso e insistir sempre en que o futuro de Galicia e as tarefas pendentes do país tiñan tamén que ver coa cultura. Que a nosa presenza no mundo tiña que levar o pegamento cultural. Claro que había que industrializarse, coutar a emigración, ter aforro rexional e investimento financeiro, que tiñamos que contar con instrumentos e institucións que o facilitasen, pero ao tempo debíase ser consciente de formarmos parte dunha cultura. Unha cultura non só galega senón que se estendía por catro continentes grazas á lingua portuguesa. Foi un acerto moi valioso de Paz-Andrade. Hoxe os economistas recollen moito esa idea de que cultura e institucións son fundamentais. Non se trata só de números, a nosa vida constitúese tamén a través de emocións, sentimentos e paixóns, non só de razón. Entendo que dedicase capítulos dos seus libros á cultura e véxoo como unha lección para a situación actual e futura. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

É para rir: de Castelao aos Tonechos

Reportaxe publicada en Cultura Galega:
«Moito se ten falado sobre a importancia do humor como elemento definitorio da identidade galega. Desde Castelao a Piñeiro, pasando por Celestino Fernández de la Vega, Paz Andrade ou Siro López, diferentes pensadores analizaron o xeito no que nos rimos os galegos. Agora, Félix Caballero presenta unha obra na que recolle e analiza as opinións ao respecto. Edicións Morgante presentaba o pasado mes de decembro O humor galego alén da retranca, un traballo no que Félix Caballero analiza o xeito que temos de nos rir e repasa as visións que sobre este fenómeno ten dado a cultura do país. No seu traballo atopamos desde análises xa clásicas sobre o humor galego ata comentarios sobre series televisivas actuais e o xeito no que o noso xeito de entender o sorriso se adaptou aos novos tempos. Na obra, a seguir autores como Baldomero Cores ou Paz Andrade que xa teñen tratado a cuestión no noso país, Caballero distingue “catro xéneros ou formas de humor. Está a retranca, que penso que é unha manifestación puramente defensiva onde se actúa con moito disimulo para dicir o que un quere sen que pareza mal, mais sen intención de burla”. Tamén ten este carácter o trasacordo, caracterizado por se desdicir do dito ou mudar de opinión. Fronte a isto, “a sorna é un xeito indirecto de loita, ten unha intención de atacar”. A rexouba, pola súa banda, “ é un tipo de humor claramente expansivo, mesmo ofensivo no mellor sentido da palabra, xoga coa burla e a exaltación”. O interese por analizar este fenómeno non é orixinal de Caballero, quen recoñece que o seu traballo supón unha compilación e unha análise de diferentes achegas que sobre esta materia que xa se teñen feito no país. “Non achega novidades teóricas, o que fixen foi compilar e ordenar o que se ten dito, pretendía facer unha especie de introdución”, sinala. Con O segredo do humor de Celestino Fernández de la Vega como obra de referencia ineludible para quen queira reflexionar sobre o tema, son varios os autores que no país abordaron esta cuestión. Malia ao interese que existiu e existe no noso país, Caballero recoñece que non foi sinxelo compilar a extensa bibliografía que manexou para o seu traballo. “A maior parte son artigos en revistas e referencias dentro de libros que non tratan especificamente a cuestión. De feito penso que o único traballo específico é o de Celestino Fernández de la Vega, que xurdiu como unha encarga para este investigador da man de Piñeiro e dos responsables de Galaxia”, lembra. “Castelao, Piñeiro, Rof Carballo ou máis recentemente Siro, que ten escrito moito, trataron o tema”. (…)».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Camilo Nogueira: «A xente fala da Unión Europea sen darse conta do seu sentido histórico. A UE é a negación do estado xacobino, porque alí operan 23 linguas oficiais»

Entrevista a Camilo Nogueira na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Galicia como tarea e La marginación de Galicia de Paz-Andrade, son ensaios que ademais de falar de economía procuran fundamentar historicamente a situación do país. Vostede leva adicado un intenso esforzo por facer entender os alicerces de Galiza como nación histórica, precisamos do amparo da historia para construír a identidade política?
- Camilo Nogueira: Como todas as nacións, aínda que se pretenda o contrario. A constitución do estado español di no preámbulo que “España é unha nación, indisolúbel, patria común, etc…” e faino dunha maneira exclusivista. Só nese enunciado hai unha ideoloxía que en grande medida está armada sobre a negación de Galiza como nación. O Estado español non pode comprender que non somos unha parte de España, que somos nación por nós propios. Hoxe formamos parte do Estado español pero temos unha presenza no mundo a través da cultura e a lingua que vai máis alá dese estado e non pode ignorar en absoluto a Portugal. Até 1400, co cisma europeo entre Avignon e Roma, todas as dioceses galegas, agás Santiago, eran de Braga e Lisboa e outras dioceses de Portugal, xunto a Salamanca, Badaxoz ou Ávila eran de Santiago de Compostela. Esa historia non conta para a constitución española. Un absurdo porque sería unha riqueza para un estado concibido como plurinacional. Ignórase que cando se pasou do latín ao romance, Afonso X, que escribiu as Cantigas de Santa María porque a súa familia viña de Galicia, pasouse a un castelán armado desde a Corte nunha decisión que ignoro porque se tomou así, pero que non foi asumida polo rei Don Dinis, que pasou do latín ao galego-portugués, e Galicia que xa perdera a súa coroa propia mantivo o galego até 1500. Aínda hoxe a nosa exportación a Portugal é única. Seguindo ese razoamento, na miña intervención do Congreso de Paz Andrade destaco unha frase de Valentín dicindo que entre a Estaca de Bares e a Punta de Sagres hai unha plataforma que é o mellor emprazamento europeo para desenvolver unha industria relacionada co Océano, sexa na pesca ou no transporte. (…)».

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Congreso da Real Academia Galega repasou todas as facetas de Valentín Paz Andrade

«O traballo como empresario, a visión sobre a lingua, ou o interese pola proxección exterior foron algúns dos múltiplos aspectos que se trataron no Congreso sobre Valentín Paz Andrade que organizou a Real Academia Galega os pasados xoves e venres. A institución publica agora no seu web un resumo das intervencións deste evento, no que destacados investigadores abordaron as múltiplas facetas deste empresario e pensador, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012. Deste xeito, por exemplo, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou na conferencia inaugural do encontro como eixes fundamentais de Paz Andrade a súa aportación á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo. Entre as novidades que deixou o encontro está o anuncio da publicación en 2013 dos Diarios de viaxe do galeguista. A editorial Alvarellos será a encargada de dar ao prelo estes 30 textos inéditos, escritos entre 1954 e 1955 durante os percursos por América de Paz Andrade como técnico da FAO. O material foi descuberto por Emilia García, historiadora encargada da dixitalización dos fondos do autor no Consello da Cultura.» Desde Cultura Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pontevedra: Congreso Valentín Paz Andrade

Do 13 ao 15 de decembro, no Pazo de Congresos de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.), terá lugar o Congreso Valentín Paz Andrade, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Manuel González González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei.
A inscrición é gratuíta. Para formalizala cómpre enviar un correo electrónico a secretaria@realacademiagalega.org en que figuren os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico e teléfono. Admitirase un número máximo de 100 solicitudes por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase un diploma de asistencia aos inscritos que acrediten ter participado en todas as sesións (15 horas computables por créditos ECTS pola Universidade de Vigo).
O programa é o seguinte:

Xoves 13 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Inauguración.
10:30 h. – 11:15 h. Conferencia inaugural. Ramón Villares: Paz Andrade na luz e na sombra
11:45 h. – 12:15 h. Tucho Calvo: Unha mirada de futuro no século XX.
12:15 h. – 12:45 h. Luís Cochón: Valentín, sempre ao seu aire.
12:45 h. – 13:15 h. Emilia García López: Aparición dun inédito: Diarios de viaje.
13:15 h. – 13:45 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Charo Portela: Valentín Paz Andrade, con Pontevedra ao fondo.
17:00 h. – 17:30 h. Xan Carballa: Os vellos galeguistas nunca morren.
18:00 h. – 18:30 h. Miguel Anxo Seixas: Castelao á luz de Paz Andrade.
18:30 h. – 19:00 h. Manuel Rivas: Paz Andrade: contra o cinismo.
19:00 h. – 19:30 h. Luís Bará: Historia de dúas cidades: Valentín Paz Andrade e o xornalismo pontevedrés e vigués de preguerra.
19:30 h. – 20:00 h. Coloquio.

Venres 14 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Gregorio Ferreiro Fente: A oración da montaña: Valentín Paz Andrade, poeta na Guerra Civil.
10:30 h. – 11:00 h. Ana Acuña: Valentín Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa.
11:00 h. – 11:30 h. Xesús Alonso Montero: O poema «Na onde até Rianxo…»: dous antecedentes e uns escolios quizais pertinentes.
11:30 h. – 12:00 h. Luís González Tosar: América, estrela virxe. Achega á presenza de autores iberoamericanos na poesía de V. P. A.
12:30 h. – 13:00 h. Xosé Henrique Monteagudo Romero: A lingua e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade.
13:00 h. – 13:30 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Camilo Nogueira Román: …os anceios mariñeiros de Galiza.
17:00 h. – 17:30 h. Xavier Vence: A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade.
17:30 h. – 18:00 h. Xosé Manuel Beiras Torrado: A Galicia como tarefa en Valentín Paz Andrade.
18:15 h. – 18:45 h. Carlos Ramos Aguirre: Paz Andrade ou a racionalidade disidente: por unha idea activa de Galicia.
18:45 h. – 19:15 h. Xusto Beramendi: Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras.
19:15 h. – 19:30 h. Coloquio.

Sábado 15 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Xosé Luís Axeitos: A Galicia do Galicia.
10:30 h. – 11:00 h. Carlos Paulo Martínez Pereiro: Valentín Paz Andrade, Guimarães Rosa e o achamento de certo Brasil.
11:00 h. – 11:30 h. Alfonso Álvarez Gándara: O noso Valentín.
11:30 h. – 12:00 h. Coloquio.
12:30 h. – 13:15 h. Conferencia de clausura. Darío Villanueva: O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade.
13:30 h. Clausura. Participación do Coro Tradicional Cantares do Brión (Vincios, Gondomar) que interpretará, entre outras pezas, Tríadas do vento no mar, de Valentín Paz Andrade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antón Baamonde: «Galicia está ao borde da extinción como suxeito político»

Entrevista a Antón Baamonde na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: A derrota de Galicia é o título do seu libro máis recente. Semella o desenvolvemento da idea de que o noso país se acaba como identidade diferenciada.
- Antón Baamonde: O título é un aviso, porque estamos ao borde da extinción como suxeito político. Isto non é un exceso esencialista, senón que enuncio os elementos que me levan a esa conclusión. O grao de desafección política coa autonomía é grande, se collemos os índices do CIS Galicia non ten as pautas de Cataluña e País Vasco. A maior parte da xente aposta porque a autonomía siga como está, pero se les entre liñas o desapego das institucións do autogoberno non é a que se agardaría dunha nación con tradición política propia. Por iso falo de fracaso, porque estes trinta anos non serviron para aumentar a adhesión da poboación co autogoberno. Sucede igual coa lingua. Se Núñez Feixoo tivo éxito nas eleccións de 2009 foi porque podía telo, noutro estado emocional da poboación iso non tería sucedido. O feito de que calase aquela mensaxe demostra até que punto ese elemento central que manifestaría a autoestima do país, barómetro de tantas cousas, estaba moi baixo e puideron saír do armario, con toda arrogancia, persoas cunha formulación que no fondo supuña eliminar o galego da educación infantil, ou sexa converter o idioma galego en estranxeiro a todos os efectos. Que iso se consiga fala de que ou non hai masa crítica suficiente na defensa da lingua ou que non sabe poñerse en acción de maneira efectiva para variar o rumbo. A falta de autoestima eu atribúoa a moitos factores. Unha parte da responsabilidade é do nacionalismo que neste tempo non soubo situarse como auténtico pau de palleiro do país, capaz de articular a nación, e viviu dunha maneira encapsulada. Se ti te encastelas non tes efecto de ósmose na poboación. Despois inflúe a propia estrutura do estado, a acción das outras forzas políticas e outros moitos elementos, pero os que teñen un papel proactivo neste terreo quizais non acertaron. A maiores goberna un home que non é o PP de Fraga. Fraga buscaba a centralidade e a homologación a través do diálogo co galeguismo cultural e era ambiguo, no bo e no malo, pero non buscaba a confrontación coa base identitaria. Este PP de agora si o fai, está moi pendente dos epicentros madrileños e esta política ten certo apoio dentro das clases medias urbanas. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Gravación inédita de Valentín Paz-Andrade

Desde o Consello da Cultura Galega:
«Gravación inédita do discurso pronunciado por Valentín Paz-Andrade, o 10 de xullo de 1984 no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, con motivo da constitución da FEGAPE, en calidade de presidente de honor da mesma. (…)» Pódese escoitar aquí

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo: presentación da Poesía completa de Valentín Paz Andrade

O mércores 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a Poesía completa, de Valentín Paz Andrade, en edición de Gregorio Ferreiro Fente, publicada en Xerais. No acto, xunto ao editor, participan Xesús Alonso Montero, Alfonso Paz Andrade e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter