Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”

A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra do 2014

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”

Os gañadores dos Minicontos de Outono son premiados en Lugo

Desde Galiciaé:
“A sede de El Progreso, en Lugo, acolleu o venres 31 de maio a entrega de premios do terceiro certame Minicontos de Outono, que organizan o Centro PEN Galicia e o semanario LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro.
O primeiro premio, dotado con 600 euros, foi recollido por Marcos Viturro polo seu relato Axuste de cornos. Alberto Ramos fíxose cos 300 euros do segundo posto por Liquidación total, en tanto que Pedro Naveira é o terceiro clasificado (100 euros) con De seu.
Os traballos gañadores serán publicados tanto na web de Galiciaé como no semanario LV. De Luns a Venres, que se distribúe todos os venres nas principais cidades galegas.
O xurado desta terceira edición estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro; o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez, que actuou como secretario.
Tras a súa deliberación, os membros do xurado salientaron a abraiante acollida do certame, no que competiron 244 orixinais chegados de toda Galicia e España e incluso de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Uruguai ou o Reino Unido.”

Salvador García-Bodaño, premio Voz da liberdade do PEN Clube Galicia

Desde Sermos Galiza:
“Un xurado composto por Marilar Aleixandre, Miro Villar, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva actuando como presidente Luís G. Tosar -presidente do PEN de Galiza– e Xabier Castro como secretario decidiu outorgarlle o premio Voz da Liberdade ao poeta Salvador García-Bodaño, en recoñecemento da súa dilatada traxectoria de autor de artigos xornalísticos en defensa da liberdade.
García-Bodaño é o sexto escritor galardoado co premio que o Centro Pen de Galicia convoca cada dous anos, despois de iniciarse no 2003 con Bernardino Graña e seguir con Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e María Xosé Queizán. O xurado destacou o “compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».
Natural de Vigo, Salvador García-Bodaño comezou a súa actividade cultural en Compostela cidade na que creou boa parte da súa obra literaria e na que desenvolveu un importante papel de dinamizador cultura, sendo, entre outras cousas, cofundador de O Galo e membro do Consello da Mocidade. Foi tamén patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, cofundador e membro da actual Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI), e membro da Fundación Patronato do Pedrón de Ouro. (…)”.

Lionel Rexes gaña o certame Minicontos de Outono

Luzada, un relato do mestre alfocense Lionel Rexes, é o texto gañador da segunda edición do certame literario Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Galicia e LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. Deste xeito, Rexes faise cun premio de 600 euros grazas a unha historia sobre o furtivismo na que a emigración e o humor teñen un papel moi importante. O segundo premio, dotado con 300 euros, recaeu en Fulgores feridos, un texto erótico protagonizado por dúas mulleres que se deixan levar pola paixón no seu lugar de traballo. Asina o relato a coruñesa Concha Parga, que tamén se dedica á docencia. Finalmente, o poeta e xornalista lugués José Sixto foi merecedor do terceiro premio, que conta cunha dotación de 100 euros, grazas ao seu miniconto A estrela que veu, onde aborda o drama do paro desde o punto de vista da inxenuidade infantil. Ademais, as tres pezas premiadas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto LV. De Luns a Venres. Nesta segunda edición, o xurado cualificador, que se reuniu o pasado 25 de xaneiro en Santiago, estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro (con voz pero sen voto); o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez. Tras a súa deliberación, os membros do xurado quixeron salientar a abraiante acollida do certame, no que competiron máis de 200 orixinais chegados de toda Galicia e España e mais de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Alemaña ou Reino Unido. (…)” Vía Galiciaé.